Hora e media de pleno con unanimidade en só tres dos nove puntos tratados

0

O primeiro pleno ordinario do mandato celebrouse no serán deste xoves cunha orde do día que incorporaba un total de 9 puntos. Non todos eran para deliberación e acordo pero, nos que o foron, só houbo sintonía entre goberno e oposición nos tres que en principio tiñan unha maior relevancia. Así, aprobáronse por unanimidade os dous festivos locais de 2020 -o 25 de febreiro, Martes de Entroido, e o 2 de xullo, Santa Isabel-, a relación de obras que cubrirán a segunda fase do POS+ Adicional da Deputación -cuantificadas en preto de 50.000 euros- e, por último, a declaración institucional a prol dunha transición cara a un modelo enerxético menos contaminante que sexa máis progresiva e xusta para a comarca. 

O pleno comezou puntual no seu novo horario. A sesión debería terse celebrado a semana pasada -o último xoves de mes impar- pero adiouse para onte por coincidir en festivo. Nela estiveron presentes 9 dos 11 concelleiros e concelleiras que tomaron posesión. Excusaron a súa ausencia o edil do PSdeG-PSOE Lois Anxo Rodríguez Calvo por atoparse de viaxe e a concelleira nacionalista Mari Carme Muíño polo pasamento do seu pai. No momento de abrir a sesión, Secundino García deixou patente o pesar da corporación e trasladoulle unha mensaxe de apoio nestes difíciles momentos á concelleira e á súa familia.

No primeiro punto da tarde debíase aprobar a acta da sesión anterior, un asunto de trámite no que o PP non estivo de acordo no anterior pleno nin tampouco neste, debido a que na redacción efectuada pola secretaría municipal figuraba unha intervención do PP atribuída por erro a María Belén Trigo cando debería ser transcrita a nome de Esther Díaz, a outra concelleira do grupo popular. A acta saiu adiante cos votos do BNG e o compromiso de trasladarlle ao Secretario-Interventor a encomenda de subsanar o erro.

Tralo debate desta cuestión, entrouse na dación de contas sobre as resolucións adoptadas pola Alcaldía desde o último pleno, cuestión que non se debate posto que só se trata diso, de informar dos expedientes tramitados polo alcalde entre cada sesión. Si houbo que votar a elección de festivos locais do ano que vén, que quedaron fixados no Martes de Entroido -25 de febreiro- e no xoves 2 de xullo, día en que San Sadurniño celebra Santa Isabel.

O pleno continuou logo abordando a solicitude de compatibilidade dun traballador municipal para exercer outros labores privados propios da súa titulación como xeógrafo, como a docencia ou o asesoramento a empresas e entidades nesta materia. Traballos que, tal e como se recolle no preceptivo informe sobre a concesión da autorización -que debe ser ratificada polo pleno-, non suporán unha modificación nin da súa xornada nin do seu horario de traballo no Concello.  O PP rexeitou a proposta por entender que se debería precisar na autorización “que non poida dar cursos no concello polas tardes”, un extremo que, segundo Secundino García e Manolo Varela -concelleiro responsable da área de Xestión Interna-, xa entraría dentro dos supostos de incompatiblidade previstos na lei, polo que non cumpriría especificalo expresamente no texto da autorización. Ademais, o alcalde fundamentou o voto favorable do seu grupo en que en San Sadurniño “sempre se lle concederon as compatibilidades aos traballadores que o solicitaron”.

Os dous puntos seguintes da sesión ordinaria trataron cuestións relativas ao funcionamento do Centro Municipal de Empresas. Por unha banda someteuse a votación a modificación do seu regulamento e, nomeadamente, a introdución da posibilidade de que dúas ou máis empresas compartan un mesmo local a instancias da que resultase adxudicataria inicialmente. Por outra banda tamén se votou a variación da ordenanza reguladora das taxas pola ocupación das oficinas de cara a actualizalas segundo o ipc e tamén para introducir unha cota de 15€ para aquelas firmas que opten por compartir espazo.

O PP mostrouse contrario a ambas propostas e a algún outro apartado menor do texto, entendendo que as adxudicatarias “non poden compartir o local con quen queiran”, senón que debería “respectarse a lista de agarda” e que, en calquera caso, debería ser o Concello quen fixese a asignación do uso compartido dun mesmo local. O alcalde defendeu a opción sinalando que se trata dunha modificación “moi meditada” que posiblilita optimizar o espazo dispoñible e “dar máis servizos” no CME, ao tempo que explicou que o Concello “non lle pode dicir [a unha empresa con local asignado] con quen ten que compartir o seu espazo”.  Os dous asuntos saíron adiante con 6 votos favorables do BNG e 3 en contra do PP.

A unanimidade volveuse dar á hora de votar os proxectos para completar o POS+ Adicional da Deputación da Coruña por un importe próximo aos 50.000 euros. As obras propostas polo equipo de goberno foron a pavimentación dos camiños entre A Laxe e O Couto -en Lamas-, o da Castiñeira -Ferreira- e os da Penavidreira e Fontao-Pereiras, en Naraío. O PP posicionouse a favor non sen antes pedir que se “priorizase” o arranxo de pistas que dan acceso a vivendas e poñendo como exemplo reparacións nunha vía en Santa Mariña e a do acceso á zona recreativa d’Os Currás. Neste sentido, Secundino García defendeu que a rede viaria municipal se encontra “nun estado de conservación máis que aceptable” e, en referencia aos accesos á piscina, adiantou que o Concello está estudando anchear esa estrada e incluso dotala dunha senda peonil que enlace coa trama do centro urbano, cuestións ambas que dependen do acordo cos propietarios e da dispoñiblidade orzamentaria.

En defensa dunha transición xusta
Rematado o apartado de asuntos para deliberación e acordo, déuselle paso ao das mocións. Só houbo unha presentada pola vía da urxencia polo BNG con forma de manifesto que o alcalde pediu que fose “o manifesto da corporación, non dun grupo”. O texto referíase á necesidade dunha “transición xusta” cara a un novo modelo enerxético que non supoña un trauma  para a comarca, onde a térmica das Pontes xoga un papel fundamental como motor económico.

A moción xa foi debatida en As Pontes e noutros municipios da volta a raíz do parón súpeto da central por mor, principalmente, do alto prezo dos dereitos de emisión á atmosfera de gases de efecto invernadoiro. Un parón que desencadeou á súa vez unha situación insostible durante varias semanas para os 150 camións que transportan carbón entre Ferrol e Saa, ademais de repercutir noutros sectores relacionados, como por exemplo a actividade do porto exterior ou a hostalaría.

A central está acometendo unha transformación cifrada nuns 220 millóns de euros para cumprir coas estrictas condicións anticontaminantes da UE e ampliar en alomenos outros 25 anos a súa vida útil. Porén, a liberalización do mercado das emisións -no que agora entraron a saco fondos de investimento e outros especuladores- levou a que se triplicase no último ano o prezo da tonelada de CO² e, en consecuencia, a un encarecemento dos custes de produción que ameaza a viabilidade futura do complexo.

Así, a moción pide que se poña en marcha unha mesa de traballo conformada polo Ministerio de Transición Ecolóxica, concellos, sindicatos e outros actores implicados para buscar medidas paliativas que permitan a continuidade produtiva das centrais térmicas en condicións de competitividade, ademais de explorar fórmulas que lle permitan ao territorio esa “transición xusta” cara a un horizonte que non dependa da queima do carbón. En paralelo tamén se esixe que a Unión Europea interveña no mercado de emisións de CO²  “para impedir prácticas puramente especulativas” que inciden nos prezos da enerxía e que prexudican especialmente ás industrias electrointensivas e ás produtoras que, coma a térmica das Pontes, dependen en boa medida deses dereitos de emisión.

BNG e PP apoiaron a moción, aínda que en ambos casos houbo pronunciamentos previos. O PP refrendouna precisando que “hai que baixar a contaminación” e que, se cadra, “hai que tirarlle das orellas” á térmica “para que baixe o nivel de CO²”. O BNG contextualizou o problema actual nas “privatizacións acometidas polo PSOE e o PP” e en “decisións políticas erradas” que non só privatizaron as empresas públicas e liberalizaron o sector eléctrico, senón que tamén “liberalizaron o comercio de CO² por medio dunha directiva comunitaria co beneplácito do PP e do PSOE”.

Rogos e preguntas
Ao tratarse dun pleno ordinario, esta sesión tamén incluiu o apartado de rogos e preguntas. Rogo non houbo ningún, e a decena de preguntas formuladas polo PP tiveron máis de exposición que de inquérito á alcaldía. De case hora e media que durou o pleno, aproximadamente unha terceira parte foise neste tramo final da orde do día.

O PP pediu que se revisasen os horarios de atención do Servizo de Axuda no Fogar asegurando que se estaban producindo retrasos na atención diaria e cambios no persoal que atende habitualmente a cada persoa usuaria, algo que o alcalde negou que fose así salvo nalgún caso e momento puntual, ao tempo que lembrou a necesidade de que as persoas beneficiarias do SAF comuniquen calquera incidencia que se produza co obxectivo de poder corrixila.

A oposición tamén levou ao pleno o caso dunha vivenda no lugar da Praza, en Ferreira, que se ve afectada polas escorrentías de auga en momentos de chuvias intensas. Unha situación que o concelleiro de Infraestruturas, Manolo Beceiro, asegurou que xa se estaba mirando e para a que xa había unha solución que se acometerá proximamente.

En terceiro lugar, o PP tamén pediu que se dotase a certos lugares de colectores do lixo de maior capacidade, ao que o alcalde respostou que a substitución por outros máis grandes é algo que se fai habitualmente e que son os propios traballadores do servizo quen adoitan sinalar os puntos onde é necesario facer cambios.

O grupo popular tamén se interesou polo estado da roza das pistas e preguntou se sería posible comezar antes co programa de desbroces. O alcalde precisou que o Concello repasa as cunetas das vías principais dúas veces no ano e unha vez o das secundarias, que se financian en boa parte cunha achega da Consellería do Medio Rural. A subvención rolda os 16.000 euros neste 2019 e a Xunta de Galicia condiciona a súa concesión a que os traballos se desenvolvan entre o 1 de xuño e o 30 de setembro. Con todo, tal e como asegurou Secundino García, o Concello fai tamén o labor  fóra dese intervalo de tres meses asumindo os custes con recursos propios.

Noutra orde de cousas o PP preguntou polos cambios que se fixeran en Marqués de Figueroa -o traslado dunha árbore ao pé do edificio Villa de la Tranquilidad- e pediu, ademais, que se reparase o enreixado dos reboses da piscina, ademais de dotala dunha rampa de acceso para persoas discapacitadas e solucionar a situación das prazas de aparcadoiro para este colectivo. Secundino García explicou que o perímetro da piscina xa estaba reparado, que se estaba mirando a posibilidade de instalar un guindastre especial e que a configuración dos aparcadoiros azuis “xa está solucionada” eliminando un dos bolardos de acceso.

O tema que máis debate xerou foi a afirmación do concelleiro do PP José Luís Hermida, quen asegurou que na casa de turismo rural Outeiro “está correndo a auga e o contador non corre”. Secundino García respostou que o afirmado polo edil popular “non é certo”, segundo queda reflectido nun informe técnico elaborado por un fontaneiro e tamén nas facturas do abastecemento: “o contador conta perfectamente […] e o usuario é en momentos puntuais, precisamente no verán, quen máis paga de auga en San Sadurniño […] Tes moi pouca idea de como funciona un contador […] e se ti tes indicios de que unha persoa está roubando auga o que tes que facer é ir á Fiscalía denuncialo. Houbo un veciño que denunciou na Fiscalía ese posible delito e a Fiscalía arquivou a denuncia porque non había indicios”, espetoulle o alcalde, ademais de lembrarlle a Hermida que “é unha anomalía que un concelleiro vaia manipular unha chave de paso dun contador”, como tería feito o edil popular, segundo parece, para comprobar o funcionamento do dispositivo malia tratarse “dunha propiedade privada”.

Superada esta controversia, o concelleiro popular mencionou que en Cornide tamén había unha fuga de auga -da que o goberno asegurou ter xa constancia- e pediu que se ampliase o parque dos xardíns municipais con máis xogos e equipamento biosaudable. Secundino García lembroulle ao PP que o regulamento das sesións indica que os rogos dese tipo deben introducirse no apartado correspondente e non no dedicado ás preguntas e aclarou sobre o asunto que as posibles ampliacións dese equipamento estaban condicionadas ao que autorizase a Dirección Xeral de Patrimonio.

Share.