Historia

DSC01080-web1081x1922U30As terras de San Sadurniño, ao igual ca no resto de Galicia, foron ocupadas por sociedades humanas desde a antigüidade. Daquela época quedan os restos de múltiples mámoas, ciscadas polo montes elevados, como acontece na serra do Forgoselo, en Santa Mariña do Monte ou en Bardaos.  Disque que a tribo que ocupaba estas terras antes da chegada de Roma era a dos Labacengos -unha das subtribos ártabras-, que se estendían ata o Ortegal. Desa época consérvanse varios castros como o Castro das Croas, Riboira ou a Croa do Redo, entre San Sadurniño e Lamas. Nun deles foron atopados un torque e mais unha fíbula. Tamén podemos citar a existencia da Croa do castro de Bardaos, e outros dous castros na parroquia de Monte.

Xa na Idade Media atopamos o nome de San Sadurniño no Documento de Tructino redactado en 868. Neste documento encargado por Afonso III fálase dos límites do Bispado de Iria Flavia e das igrexas vencelladas ao arciprestado de Trasancos, no bispado de Mondoñedo. En 1112 a raíña Urraca deulle a igrexa de San Sadurniño aos condes de Traba. E en 1113 Pedro de Traba cedeulla á catedral de Compostela, xunto á igrexa de Santiago Abade, que podería estar en Silvalonga. En 1125 tamén lle doou a igrexa de San Paio de Ferreira ao convento de San Martiño do Couto. En 1126 os condes de Traba fan doazón da igrexa de San Sadurniño de Trasancos ao mosteiro de San Salvador de Pedroso.

DJI_0081-web2773x3700U60Hai quen asegura que un tal Gonzalo Piñeiro sería o construtor do Castelo de Naraío nun penedo ao carón do río Castro. En 1152 Rodrigo de Froila, conde de Traba, deu en doazón as terras -e previsiblemente tamén a fortaleza- ao mosteiro de Xubia. Estudos recentes confirmaron que, alomenos por época, isto sería posible, habida conta de que a fortaleza xa estaba en construción no século XI. Posteriormente a propiedade do castelo chegou a mans da familia dos Andrade. No século XV as revoltas irmandiñas derrubaron a antiga torre, que posteriormente foi reconstruída. Malia todo, o castelo foi abandonado no século XVI, e posteriormente pasou á Casa de Alba, a súa actual propietaria.

Sábese, igualmente, que en San Sadurniño existiu un hospital e unha igrexa da Orde dos Cabaleiros Templarios, baixo a advocación de Santa Eulalia e San Xoán Xerosolimitano. As súas instalacións derrubaríanse para construír a actual igrexa e o convento do Rosario en 1508, por orde de Fernando de Andrade, advocándose a Santa María. No século XVI o convento pasou a mans dos Franciscanos, e posteriormente aos dominicos. En 1576 remátanse as obras do convento dominico, o máis cativo de Galicia e o único situado fóra de cidades ou vilas.

O Concello pretende conseguir colaboración ministerial para reparar a cuberta da antiga casa consistorial

Coa Desamortización, en 1835, os frades son expulsados e o crego faise cargo do edificio. Xa en 1863 o bispo de Mondoñedo autorizou que no convento se instalase o Concello, o Xulgado e as Escolas de nenos e nenas, así como as vivendas dos mestres. Da igrexa antiga só queda a capela maior, cun arco gótico, e 3 sepulcros dunha dama e dous cabaleiros, cos escudos da Casa de San Sadurniño. O resto da igrexa é barroco do XVIII.

O marquesado
Porén, a historia de San Sadurniño aparece vencellada ao seu marquesado -distinto do de Figueroa, co que adoita haber confusións-, outorgado polo rei Carlos II en 1688 a Pedro Álvarez de Reinoso Argiz, Gaioso e Feijoó, quen estaba casado con Francisca Ventura de Andrade e Pardo de Figueroa, décima herdeira do señorío impulsado por Fernando de Andrade e Inés de Castro e Lanzós. A autorización real para establecer un morgado -a imposibilidade de dividir o patrimonio por herdanza- e, posteriormente, do señorío (1526), converteu a casa de San Sadurniño nunha das máis potentes de Galicia, dominando a práctica totalidade das terras de Trasancos.

ontamento-exteriorA Pedro Álvarez de Reinoso sucedeuno o seu fillo, Pedro Francisco Álvarez de Reinoso e Andrade, quen morrería solteiro en 1735. O título pasou, deste xeito, ao fillo dunha irmá súa casada con Álvaro Quindós Bolaño. Unha ruptura na sucesión pai-fillo que continuaría case invariable nas seguintes  xeracións… ata chegar a José Mariano de Quindós y Tejada, VI Marqués de San Sadurniño. Este xuntaba as propiedades do señorío e as engádegas en terras e dereitos propiciadas por un século de casamentos máis ou menos de comenencia.

Á altura dos anos vinte do século XIX, o marqués tiña potestades e posesións no Val, Meirás, Abade, As Somozas, Ferrol e mesmo noutros lugares de Galicia e España. Por elas recibía rendas e foros que herdaría a súa filla, María Natividad Quindós y Villarroel, VII Marquesa de San Sadurniño e Duquesa da Conquista, un título este último de maior rango nobiliario que recibiría dun tío  materno que morreu sen descendencia.

aerea_xardinsA marquesa, nacida en Madrid en 1863, foi Camareira Maior da raíña e como terratenente e rendista só visitaba San Sadurniño en datas sinaladas e no verán, onde gozaba do maxestoso pazo reformado polo seu pai. San Sadurniño converteuse nesa época en lugar de parada obrigatoria de persoeiros da cultura e da política e incluso Alfonso XIII pasou polo pazo en tres ocasións.

A decadencia daquela belle époque chegaría co falecemento do seu marido, Francisco de Asís Arias-Dávila-Matheu en 1922, nun clima enrarecido pola convulsión política e no que o agrarismo foi ganando forza ata rematar co rexime foral que, na práctica, pouco ou nada lle afectaría á viúva. Xa antes da redención dos foros os marqueses fixeran algunhas concesións ao sindicalismo agrario auspiciado pola Igrexa, dando como resultado o xermolo do que hoxe é a Cooperativa de Meirás. Trala morte do marqués -e tamén da raíña María Cristina-, Natividad Quindós y Villarroel iría aproximándose cada vez máis á vida relixiosa ata o seu falecemento sen fillos en 1953.

Ela mesma prometera nos incertos anos trala proclamación da II República -en 1931- que os seus bens pasarían aos labregos e labregas cando ela morrese. Pero a realidade foi que todas as súas propiedades -agás as adquiridas polos caseiros (en moitos casos con cartos da emigración) e pola cooperativa gandeira creada nos anos 60- pasarían á Congregación de Hijas de Cristo Rey e só volveron nunha pequena parte ao pobo coa recente cesión ao Concello do pazo, os xardíns e da coñecida como “casa do médico”.

A guerra e a ditadura
A República triunfaría en San Sadurniño cun goberno máis ben moderado que pouco ou nada fixo cambiar o estado das cousas. Quizais esa “tranquilidade” da que nos fala o profesor Manolo González nun dos seus interesantes capítulos publicados en Fálame de San Sadurniño, foi determinante anos despois para que o número de persoas represaliadas tralo golpe militar do 36 fora relativamente baixo.

Un dos máis destacados foi o secretario municipal, Juan Rilo, que participara activamente na defensa do Estatuto truncado pola guerra. Pola súa actividade política tense constancia de dez nomes que ou foron á cadea, ou foron fusilados ou depurados. Porén, estímase que alomenos 40 mozos morrerían durante a loita fratricida e existe constancia documental de que 23 deles terían caído só en 1938. O remate da guerra un ano despois traería un novo rexime e varios anos de actividade da guerrilla antifranquista, que se intensificaría trala derrota do fascismo europeo na crenza equivocada de que as potencias vencedoras restablecerían a democracia en España. Foi un periodo que se prolongaría ata ben entrados os 50. As parroquias, en plenos anos da fame, convertéronse en taboleiro dunha longa partida de xadrez entre os “escapados” e a Garda Civil franquista na que a xente eran pouco menos que peóns á mercede de ambos.

A chegada da democracia
Franco morre en 1975 e tras del deixa un Estado que aínda tardará polo menos sete anos en asentar unha estrutura democrática. Porén, en San Sadurniño xa desde a morte do ditador empezan a notarse aires de cambio por medio de experiencias coma a revista Pumariño, que comeza daquela un importante labor informativo e de dinamización social.

En 1978 constitúense as primeiras asociacións de veciños e un ano despois celébranse as primeiras eleccións municipais da democracia nas que os Independentes -moitos deles sen unha ideoloxía definida ou próxima á dereita- gañan con César Antonio López á cabeza por unha estreita maioría a un PSOE formado por xente moza de todo o territorio e con Manuel José Lamas como número un. Nas seguintes, en 1983 e 1987, os socialistas ocuparían a alcaldía pactando coa oposición.

San Sadurniño aéreaNese periodo é cando o grupo musical Saraibas alcanza grande sona dentro e fóra de Galicia e cando bota a andar o festival da canción infantil Cantareliña. Tamén foron os anos dos efectos da reconversión do naval que sacudiría duramente un territorio que xa dependía en grande medida dos estaleiros da ría e da súa industria auxiliar. A cambio chegarían a través do plan ZUR -Zonas de Urxente Reindustrialización- iniciativas como Intasa ou a malograda conserveira El Cisne, pechada por ser inviable  -152 persoas despedidas, a maioría mulleres- co trasfondo dun pleito por vertidos contaminantes no Xubia.

Foi tamén o tempo en que España entrou na CEE, o que á larga traería tamén unha fonda reestruturación do sector leiteiro local que empezara a despegar nos anos 70 na produción e transformación. Das 313 explotacións de bovino que había en 2002 pasouse en dez anos a 194, cunha redución de preto de 600 cabezas e un maior peso específico das de carne: 1.047 vacas en muxidura por 1.682 animais que ou non se moxen ou son para produción cárnica.

A entrada na década dos 90 trouxo consigo novo cambio político cunha moción de censura que situou ao popular Constantino Bedoya na alcaldía. Un posto que revalidaría nas eleccións de 1991 co apoio dos Independentes e xa en 1995 con maioría absoluta. Estaría no cargo ata o 2007, ano en que foi relevado no cargo por Secundino García (BNG), grazas daquela a un acordo de goberno co PSOE e, xa en solitario, no mandato 2011-2015, no 2015-2019 e no actual.

Nas últimas dúas décadas a historia de San Sadurniño vén marcada polo incremento dos servizos e a posta en marcha de novos equipamentos: a construción do centro de saúde e do centro de día, a  Casa da Cultura, o pavillón municipal, o complexo deportivo de Corrás, o campo de fútbol de Santa Mariña ou a recuperación e rehabilitación do conxunto arquitectónico do pazo como sede municipal, escola infantil e futuro centro de emprendemento. Por outra banda tamén cómpre reseñar a mellora das comunicacións, nomeadamente a construción da autovía AG-64 ou as variacións no trazado das estradas AC-125/AC-861, C-641 e da CP-7601