Helena Girón e Samuel Delgado tentan captar o que somos e de onde vimos

0

“Unha irmandade de espectros agóchase baixo as capas do tempo. Tras as descricións manuscritas por Vasco da Ponte, buscamos un pasado mítico que resoa de forma subterránea sobre unha paisaxe chea de presenzas invisibles que se activan e perviven cada vez que pensamos nelas. A Revolta Irmandiña —levantamento popular e campesiño que tivo lugar en Galicia durante o s.XV— precedeu moitas das revoltas que se estenderían por toda Europa a inicios da modernidade. En Naraío, buscamos o rastro daquela comunidade de disidentes”. Así se presenta en Fálame de San Sadurniño a peza “Irmandade”, filmada no 5º Chanfaina Lab por Helena Girón e Samuel M. Delgado. Un filme experimental fotografado con película en plena era do dixital que agora inicia o seu percorrido por distintos festivais, razón pola que se suspendeu temporalmente a súa reprodución en youtube. A curta tivo unha boa acollida no apartado Sinais en Curto do festival de cinema S8, ao igual que as obras  “Rexistros” de Adrián Canoura e “A Auga branca”, de Margarita Ledo. O resume da curtametraxe faino en Fálame… o profesor Manolo González:

Helena Girón (Compostela, 1988) e Samuel Martín Delgado (Santa Cruz de Tenerife, 1987) licenciáronse en Comunicación Audiovisual e ambos realizaron varios mestrados e actividades formativas ao redor da imaxe. Helena e Samuel centran o seu traballo creativo entre o cine documental e o experimental, empregando materiais físicos e procesos fotoquímicos. Se a nivel formal camiñan por vieiros fronteirizos entre a non-ficción e a experimentación, tematicamente interésanlles a relación entre mitoloxía e materialismo, o patrimonio inmaterial, a memoria e a historia.

Ambos teñen participado en numerosos foros e mostras especializadas. A súa peza “Sin Dios ni Santa María” (2015), tivo un amplo percorrido por festivais internacionais como o Toronto International Film Festival, o New York Film Festival, Mar del Plata, Curtas Vila do Conde, Ann Arbor, Media City Film Festival ou o Festival Internacional de Cine Curtocircuíto, entre outros. Tamén “Montañas ardientes que vomitan fuego” (2016) e “Plus Ultra” (2017) acadaron resonancia internacional nos circuítos do cinema experimental de todo o mundo. Actualmente están a rematar a súa primeira longametraxe “Eles transportan a morte”.

Helena e Samuel achegáronse a San Sadurdiño cos deberes feitos e cun fío do que tirar. Son minuciosos, esixentes  e apaixoados pola investigación, a historia e a mitoloxía. A través de “Fálame de San Sadurniño” deron co marabilloso filón da historia medieval na nosa contorna: “Chegamos a San Sadurniño coa idea de filmar algo que xirase en torno ao acontecido no castelo dos Andrade en Naraío, destruído durante a II revolta irmandiña entre 1466 e 1469, pero cando estábamos alí decidimos cambiar o noso centro de atención buscando os trazos ocultos daquel acontecemento nos arredores dese espazo convertido en ruína. O río Castro, situado baixo a fortaleza dos Andrade, destruída e reconstruída como castigo polos veciños e veciñas do lugar que participaron na revolta, vehicula e activa os vestixios daquel tempo cheo de incerteza. Baixo a súa canle, o incendio segue vivo. A través de exposicións longas e da cámara en man, os nosos movementos fúndense cos dos retratados, xerando un magma fluído e cambiante que avanza con cada vibración rexistrada. O son que a acompaña está composto a partir de gravacións de campo que inclúen hidrofonías realizadas no río Castro.”

“Irmandade” é unha peza na que agroman nidiamente as marcas autorais e o estilo desta singular parella de cineastas. Nela partimos de textos medievais (Vasco da Ponte) e paisaxes atemporais, forxadas no devir do tempo pola auga que xermola e modela á natureza, mais tamén aos seres humanos que alí viven. Veciños e veciñas de Naraío filmadas baixo corozas, dentro dun hórreo; fotograma a fotograma e con longas exposicións que se van superpoñendo adubadas con sons somerxidos do Río Castro. Coma se Elena e Samuel estiveran a oficiar un ritual panteísta, invocando aos espectros da historia, aos nosos devanceiros, á Irmandade, agochada nas augas, a natureza e o tempo. En definitiva, filman ese espazo abstracto onde se funden os ronseis do pasado que aínda viven no presente, na propia bioloxía contemporánea, mais que non somos quén de velos. Elena e Samuel deseñan unha “clave de acceso” a esas realidades alternativas que non percibe o ollo humano, porque están compostas de memoria, historia e tempo: “Cremos no cinema como unha máquina do tempo capaz de invocar universos e experiencias que nos axudan a percibir aquilo que nos rodea de forma nova e reveladora” .

Share.