Gua Gua Teatro estrea en San Sadurniño o seu novo espectáculo infantil

0

“Lúa non quere ler” é o título do pequenísimo musical de Gua Gua Teatro destinado a público infantil e pensado para fomentar o hábito da lectura entre os nenos e nenas. O polifacético Dani Ríos e a actriz Marián Rei danlles vida a Martiño, un bibliotecario namorado das letras, e a Lúa, unha nena con pouca querencia polos libros á que todo semella serlle indiferente. Canda eles, Manuel Ramil ao piano metido no papel do Mestre Miolos, un músico que non toca partituras, senón contos. Entre os tres ofrecen un espectáculo distinto concibido para pequenos espazos que, por certo, se estreou hoxe en dous pases para a rapazada de infantil e primaria do colexio público. E gustoulles. Vaia se lles gustou.

A obra conta a historia de Lúa, unha rapaza para quen os libros son só unha ferramenta das persoas maiores para amolar aos nenos e nenas facendo que se aburran. Porén, todo cambiará cando coñeza a Martiño, un “auténtico namorado das máxicas aventuras que gardan os milleiros de contos e libros da súa vella biblioteca”.

Martiño conseguirá chamar a atención de Lúa a través das notas que saen do piano do seu amigo, o Mestre Miolos, artellando con música e voces unha historia coa que “entrar na cabeciña dos nenos e nenas e plantar a semente do gusto pola lectura”.

A obra adapta a estructura do teatro musical a pequenos espazos, cunha historia “que fala da importancia dos libros e os contos nas nosas vidas” e cancións orixinais  que falan “de vivir auténticas aventuras no noso día a día mergullándonos nos libros”, tal e como se explica no dossier do espectáculo.

“Lúa non quere ler” toca tamén a igualdade entre mulleres e homes revisando algúns dos estereotipos clásicos dos libros,  contos e bandas deseñadas: Brancaneves, O Home araña, O Capitán Garfo… Todos eles están presentes nas cancións, aínda que representando papeis “moi diferentes dos que en principio serían de esperar”.

Gua Gua Teatro é un proxecto de creación educativo nacido dentro da empresa de animación sociocultural A Guagua. “Lúa non quere ler” é a montaxe máis recente da compañía e a Casa da Cultura foi esta mañá o escenario da súa estrea, dentro da programación do departamento de Igualdade dirixida á rapazada. A actividade contou coa colaboración da Deputación da Coruña.

Obradoiro de musicoterapia
Este mesmo departamento, o de Igualdade, organizou para o luns un obradoiro de musicoterapia en colaboración coa Escola Galega de Saúde para a Cidadanía da Consellería de Sanidade. Na sesión daranse as claves para axudar a incrementar e restablecer a saúde física e mental a través da música. Deste xeito buscarase que as persoas asistentes conten con ferramentas para conseguir benestar, tranquilidade e sentimentos positivos de autorrealización que lle supoñan beneficios a nivel cognitivo e motor.

Trátase dun obradoiro dirixido a público adulto que terá lugar na Casa da Xuventude a partir das 16.30h.

Share.