Goberno e persoal municipal acordan unha nova Relación de Postos de Traballo para o Concello

0

O persoal municipal, tanto funcionario como laboral, votou a semana pasada a Relación de Postos de Traballo do Concello (RPT), que saiu aprobada por 19 votos a favor, 10 en contra e 3 abstencións. Así se lle trasladou este luns á mesa de negociación, formada por representantes do Goberno local e dos sindicatos CIG, UGT e USTG, o que supón darlle luz verde a un documento no que se levaba traballando dous anos co obxectivo de definir a estrutura do funcionamento da Administración local e tamén os criterios retributivos para cada posto de traballo. A RPT afina aínda máis o catálogo de funcións e responsabilidades con respecto ao anterior documento elaborado en 2009 e, como principal novidade, introduce un sistema de valoración salarial unificado e común a persoal funcionario e  laboral coa finalidade de corrixir desigualdades retributivas entre ambos colectivos.  A Relación de Postos de Traballo  deberá someterse agora ao pleno para a súa aprobación inicial e, tralo período de exposición pública, deberá volver pasar polo máximo órgano municipal  para a súa ratificación definitiva. Entrará en vigor no momento en que se publique no BOP, previsiblemente ao longo do mes de novembro.

A elaboración da nova Relación de Postos de Traballo baséase nunha análise pormenorizada das funcións que desempeñan cada unha das 33 persoas que traballan no Concello, sexan do cadro funcionarial ou laboral. Para ter unha radiografía o máis precisa posible, ese estudo do funcionamento dos distintos servizos detallouse en fichas individuais de cada posto, incluíndo a denominación, o tipo de contrato do persoal que o ocupa, as dependencias xerárquicas, as funcións que desenvolve e varias observacións sobre outros aspectos.

A partir de aí o labor de deseñar a RPT consistíu, en primeiro lugar, en consolidar unha estrutura organizativa de cinco áreas -Administración Xeral; Servizos Sociais e Igualdade; Urbanismo e Servizos; Cultura, Deporte e Ensino; e Emprego, Desenvolvemento local e Formación-, con distintas funcións e competencias que non son estancas, senón que se relacionan coas demais. Dentro de cada unha delas defínense os postos necesarios -actuais e de cara ao futuro- describindo a escala de responsabilidades e, sobre todo, as funcións que teñen atribuídas dentro do catálogo de servizos que ofrece o Concello. Neste sentido, as fichas para cada posto tamén achegan unha orientación sobre a titulación básica que se requirirá no momento en que cumpra facer novos procesos selectivos.

Iso en canto á organización. Pero a Relación de Postos de Traballo tamén marca as condicións salariais para todos os postos introducindo criterios obxectivos na cuantificación dos complementos de Destino e Específico. É dicir, importes como o salario base de cada categoría ou a antigüidade e as pagas extras correspondentes quedan segundo o establecido na lei, mentres que esoutros parámetros que supuñan grandes diferenzas -sobre todo o complemento Específico- agora réxense por unha serie de parámetros ponderados que se lle aplicarán a todos os postos por igual, tanto ao funcionariado como ao persoal laboral. A fórmula empregada baséase nun sistema de puntos que saen de analizar cuestións como a especial dificultade técnica, a dedicación necesaria, a responsabilidade, a penosidade e perigosidade do traballo e a incompatibilidade.

Tal e como se recolle na introdución do documento, a RPT “pretende equiparar ao persoal laboral co persoal funcionario no referente ao sistema de valoración dos postos, e asemade, no relativo á estrutura salarial e ás retribucións económicas correspondentes”. “Desta maneira -prosegue o texto aprobado pola parte social e económica do Concello-, esta RPT facilitará a equiparación de todo o persoal, e rematará con situacións herdadas que propiciaban fondas diferenzas entre os diferentes postos de traballo. Polo tanto é unha RPT que porá a todo o mundo onde lle corresponde, e que tratará a todo o persoal da mesma maneira”.

Segundo esta filosofía da equiparación, haberá postos que vexan incrementados os seus salarios, mentres que outros verán rebaixados os importes anuais. Isto quere dicir que, tan pronto como se lle empece a aplicar a RPT a todos os postos, haberá traballadoras e traballadores a quen lles subirá o soldo debido ao novo sistema de cuantificación dos complementos. Porén, o persoal que agora ocupa postos con reducións na valoración económica -denominado nas fichas descritivas como Complemento Persoal Transitorio- non verá recurtados os seus salarios, senón que seguirán conservando os seus dereitos e os incrementos anuais que lles correspondan. Iso si, no momento en que cumpra cubrir as súas prazas -por xubilación, falecemento, cambios de destino, etc.-, as novas incorporacións xa se rexerán polas táboas que lle correspondan a eses postos.

A Relación de Postos de Traballo do Concello de San Sadurniño foi aprobada pola maioría do cadro de persoal, con 19 votos a favor, 10 en contra e 3 abstencións. “Foron dous anos de traballo, de xuntanzas, de propostas e contrapropostas que agora dan como resultado un documento apoiado pola maioría das traballadoras e traballadores. Coido que é unha RPT axustada á realidade do noso Concello e que ademais é básica como guía para o funcionamento diario da Administración”, explica o concelleiro responsable de Réxime Interno, Manolo Varela. O edil engade que “se equiparan salarios e corríxense desigualdades históricas usando fórmulas obxectivas” e valora que a relación de postos “non significará un incremento importante no capítulo de persoal, senón que se fai unha redistribución entre todo o persoal, funcionario ou laboral, da contía reservada no orzamento municipal correspondente ao complemento Específico”.

O seguinte trámite que agarda ao documento é a súa votación en pleno de cara á aprobación inicial, algo que posiblemente se produza neste mesmo mes de setembro. Tralo período de exposición pública terá que volver ao pleno para a aprobación definitiva -admitindo ou rexeitando as alegacións que se poidan presentar-, logo publicarase no BOP, co que xa estará en vigor, e todo apunta a que a súa aplicación práctica comece en 2021 da man dos novos orzamentos municipais.

Share.