Gandeiría miúda na Rolada

0

21 días levaban agardando as nenas e nenos da Rolada a que se producise o milagre. E foi entre onte e hoxe cando sucedeu a maxia de ver nacer vida nun ovo aparentemente inerte. 11 pitiñas e pitiños saíron nas últimas horas do seu cascarolo para asombro infantil e fachenda das mestras por ter cumprido tan ben a misión encomendada pola Avimós, a asociación da Raza Galiña de Mos, que lles deixou na escola unha incubadora cargada de ovos e a misión de mirar deles ata que eclosionasen. Esta mañá o centro foi unha festa de ollos abraiados e mans coidadosas acariñando a suavidade dos animais, se cadra tan desconcertados ante o ocorrido como a propia cativería.

Este é o terceiro ano en que a Avimós colabora coa EIM A Rolada nunha actividade que ten varios cometidos educativos. O primeiro, a aprendizaxe da responsabilidade que supón coidar un animal, sexa gando ou mascota. O segundo, ver de preto como vai isto do ciclo da vida. E, o terceiro, aprender a interactuar co entorno e co resto de compañeiros e compañeiras, respectando para iso as quendas de coidados, agardando a vez para acariñar os pitiños e mesmo experimentando a sensación nova de tocar un ser vivo tan suave.

A Avimós leva este tipo de actividades polas escolas co obxectivo dobre de promocionar a raza e ila asentando nos currais coa axuda inestimable dos colexios e dos centros infantís coma o de San Sadurniño. Este ano deixaron 18 ovos dos que finalmente se lograron 11, todo un éxito se temos en conta que houbo algún imprevisto. “Houbo un día que marchou a luz e a incubadora quedou sen electricidade. Non sabiamos se os pitiños ían saír ou non”, comenta a directora da EIM, Lucía Formoso.

Pero os pitos sí que saíron, e ben espabilados, para goce da maioría dos nenos e nenas. E dicimos “da maioría” porque tamén houbo algún cativo -os menos- que receou de tocarlles e moito menos de collelos na man malia a insistencia de Diego Rois -veterninario de Avimós- e das profesoras da escola.

As pitiñas de Mos estarán ata mañá na escola compartindo a aula cos nenos e nenas de 2 a 3 anos. Mañá, véspera de festivo, marcharán para os seus novos fogares. E é que as familias da rapazada que se apuntaron nunha lista aberta para a ocasión, poderán levar para a casa cadanseu exemplar para crialo, contribuíndo desta maneira a que a raza continúe multiplicándose.

Share.