Gabriel Tizón pecha as estreas virtuais do Chainfaina Lab con “Desde a orixe”

0

Malia os adiantos tecnolóxicos, a fotografía segue sendo a arte de debuxar con luz a realidade. Máis que a realidade, a interpretación do mundo que fai quen está detrás da cámara captando o momento. É aí, na mirada, onde reside a verdadeira arte. Porque hai quen sabe mirar e quen non. Ollar a través do visor é algo que se pode aprender, que se pode pulir tecnicamente lendo tratados… pero o principal é ter ese don para estar no lugar axeitado, no momento xusto e darlle ao disparador coa seguridade de ter capturado un instante que cobrará novos significados cando se mostre. Gabriel Tizón sabe ver, sabe mirar e, por descontado, tamén sabe deter o tempo cun estilo propio. Desde os 14 anos anda cunha cámara ao lombo percorrendo mundo recollendo conflitos, realidades afastadas nas que temos parte de responsabilidade, catástrofes humanitarias, etc., pero tamén entornos e situacións próximas que el describe dunha maneira inconfundible para calquera, aínda que as fotografías non vaian asinadas. En 2015 participou por segundo ano no proxecto Chanfaina Lab recollendo o que non se ve detrás de cada curta. Situacións, paisaxes e, sobre todo, retratos que penetran na alma das persoas que dun xeito ou doutro participaron na experiencia. O resultado é a peza “Desde a orixe”, unha galería de fotos pasadas a vídeo coa que se lle pón o punto e final ás estreas virtuais do Chanfaina Lab 2015.

A ficha da obra en Fálame de San Sadurniño resalta a “impresionante traxectoria do grande fotógrafo ferrolán Gabriel Tizón como fotógrafo en múltiples países, contextos e circunstancias”. Dende o ano 2000 ten realizado unhas 300 exposicións colectivas e 100 individuais tanto en España como por todo o mundo. A súa obra está presente en coleccións públicas e privadas e acadou premios e recoñecementos en numerosos certames e concursos de fotografía. Nos últimos anos o fotógrafo tamén está a desenvolver proxectos solidarios a través de asociacións como “Causas Común”. Ademais, Gabriel Tizón colabora habitualmente co Concello de San Sadurniño en proxectos singulares como “Fútbol que fala” ou “Miradas novas”.

Como xa fixera o ano pasado Gabriel agasallounos coa súa xenerosidade e achegouse á Chanfaina por segunda vez, disposto a enxergarse no territorio e o traballo dos e das cineastas invitadas:Desta volta tentei fusionar os personaxes coa paisaxe, unha mestura entre cineastas chanfaineiros e chanfaineiras, os propios “retratados” e os espazos que forman parte do entorno dos protagonistas. Todo elo dende o meu punto de vista persoal conformando unha colección de fotografías sinxelas, moi fieis ao meu estilo de traballo, xa que me limitei a aproveitar o que tiña diante e fusionar creadores, seres vivos e paisaxe…”

Así pois, “Dende a orixe” é, como se indica en Fálame, “un fermoso colofón á Chanfaina 2015, onde poderemos ver a creadores e creadoras, veciños e veciñas enxergados nos espazos de gravación dende os ollos de Gabriel Tizón“. Unha peza que sintetiza á perfección o espírito do Chanfaina Lab: un encontro de cineastas que proxectan a súa mirada creativa con liberdade sobre o microcosmos das xentes e o territorio de San Sadurniño.

Chanfaina 2016
E xusto cando remata a presentación en internet das curtas do Chanfaina Lab do ano pasado, os impulsores do proxecto -o profesor Manolo González e a dinamizadora dixital Carmen Suárez- xa andan a voltas coa organización da próxima cita en colaboración co Concello. O listado de participantes convidados xa está moi avanzado e, malia que a programación aínda non está pechada, todo apunta a que a terceira edición do encontro audiovisual se desenvolverá na fin de semana do 10 de setembro.

Share.