Gabriel Tizón pecha as estreas do Chanfaina Lab a escasas semanas dunha nova edición

0

Chegamos ao remate dos pases virtuais do Chanfaina Lab cunha peza audiovisual que vén reflectir a esencia do encontro a través de instantáneas do que non se ve, o que está detrás das cámaras. É obra do fotoxornalista Gabriel Tizón, un habitual no evento que se achega a todos os equipos de rodaxe para roubarlles desde certa distancia detalles curiosos, momentos, situacións e, en resume, para recoller miradas soñadoras entregadas ao reto de captar a esencia de San Sadurniño durante unha intensa fin de semana de traballo. Coas imaxes máis rechamantes, o autor compuxo unha pequena montaxe de clausura que salta a youtube a pouco máis dun mes do arranque dun novo Chanfaina que trae numerosas novidades. A principal será a súa duración, do 3 ao 8 de setembro, ampliando a oferta de obradoiros pola semana que se veñen sumar á actividade do sábado e o domingo reservados para as rodaxes.

Gabriel Tizón (Ferrol, 1973) acumula unha impresionante traxectoria como creador visual en múltiples países, contextos e circunstancias. Dende o ano 2000 ten realizado unhas trescentas exposicións colectivas e máis dun cento individuais tanto en España como por todo o mundo. A súa obra está presente en coleccións públicas e privadas e ten acadado premios e recoñecementos en numerosos certames e concursos de fotografía nacionais e internacionais.

Nos últimos anos o fotógrafo tamén está a desenvolver proxectos solidarios e iniciativas cun apaixoado compromiso persoal no rexistro do drama migratorio en Africa, Europa e Asia. Gabriel colabora habitualmente co Concello de San Sadurniño en proxectos singulares como “Fútbol que fala” ou “Miradas novas” entre outros.

Tizón tamén leva a cabo unha importante actividade de apostolado da fotografía como medio de comunicación, de creación e artístico que depende case na súa totalidade en saber mirar. O ollo é quen selecciona a realidade captada e quen lle dá un novo significado. Ese é precisamente un dos eixos do obradoiro “Editar coa mirada” que terá lugar este sábado 3 de agosto no local social da Seara, en Ferreira. Trátase dun taller para amantes da fotografía en xeral no que, segundo o autor, “insistirase no valor da mirada, o resultado de fotografar como pensamos e a edición final”. Tres aspectos básicos para obter imaxes con sentido e mensaxe implícita que conforman unha sesión que durará desde as  10.00h. até as 20.00h. “nun entorno tranquilo e de natureza”. A asistencia está limitada a 20 prazas cun prezo por persoa de 85€, incluído o xantar. As inscricións hai que facelas a través de info@gabrieltizon.com.

A ollada ao último Chanfaina Lab
Como xa fixera noutras edicións do Chanfaina Lab Gabriel Tizón tamén colaborou na de 2018 disposto a integrarse no territorio e no traballo dos distintos equipos de filmación. “Soñadores” é o resultado desta achega: un mosaico intencionadamente composto con momentos especiais de grande potencia visual, resultado da persoal e xenuína mirada de Gabriel ao Chanfaina Lab gravado en setembro pasado e estreado nas redes durante as últimas semanas.

Un fermoso colofón que imbúe de beleza e significado a dous días de convivencia creativa, e onde poderemos ver a través dos ollos de Gabriel Tizón a creadores e creadoras xunto coa veciñanza nos escenarios desta última edición do encontro audiovisual.

En setembro, máis Chanfaina
O último vídeo do Chanfaina 2018 salta á rede cando xa empezamos a conta atrás da edición 2019. Está todo practicamente pechado, con 33 nomes confirmados de aquí e de acolá que acudirán á cita para mostraren outros puntos de vista de San Sadurniño, sexan documentais, ficticios ou experimentais.

As datas, do 3 ao 8 de setembro. Seis días dos que catro están reservados para obradoiros e outros dous para rodaxes. O martes 3 -de 16 a 20.00h.- a realizadora e por dúas veces chanfaineira Sandra Sánchez ofrecerá un taller sobre técnicas de montaxe audiovisual. O mércores 4 tocará un obradoiro sobre videoxogos e animación 3D dentro do programa TechKids que desenvolven a AMTEGA e o Colexio profesional de Enxeñaría Informática de Galicia. Esta sesión desenvolverase entre as 10 e as 14.00h., ao igual que a do xoves 5, cando a rapazada de 12 a 18 anos poderá entrar en contacto coa creación de APP’s para dispositivos Android.

O venres 6 asistiremos a un curso acelerado sobre fotografía 3D impartido polo experto Anxo Santomil -10 a 14.00h.- e, a partir do serán, está previsto darlle a benvida aos creadores e creadoras que participarán no VI Chanfaina Lab gravando as súas curtas tanto na xornada do sábado coma na do domingo.

 

Share.