Gabriel Tizón pecha as estreas do Chanfaina Lab 17-18

0

O fotoxornalista Gabriel Tizón é por dereito propio o cronista visual do Chanfaina Lab. Salvo nunha edición estivo en todas para tirar delas o que non se ve habitualmente. Preparativos da rodaxe, ambientes, personaxes, o entorno… son motivo para que Tizón fixe a súa mirada, que se inmortaliza co clic da cámara só no último momento, tras observar e interiorizar a esencia do que debe ser retratado. Curtido na técnica e en saber afrontar calquera situación, o fotógrafo ferrolán serve o derradeiro prato do encontro audiovisual cunha delicatessen chamada “Pegadas”, onde as súas instantáneas pasan ao terreo do vídeo compoñendo unha secuencia de momentos que, de novo, recollen fielmente e con sinxeleza todo o que hai detrás do Chanfaina. Manolo González  resume así en Fálame de San Sadurniño a colaboración de Tizón co proxecto:

O grande fotógrafo ferrolán Gabriel Tizón acumula unha impresionante traxectoria como fotógrafo en múltiples países, contextos e circunstancias. Dende o ano 2000 ten realizado unhas 300 exposicións colectivas e 100 individuais tanto en España como por todo o mundo. A súa obra está presente en coleccións públicas e privadas e acadado premios e recoñecementos en numerosos certames e concursos de fotografía. Nos últimos anos o fotógrafo tamén está a desenvolver proxectos solidarios a través de asociacións como “Causas Comúns” cun apaixoado compromiso no rexistro do drama migratorio en Africa, Europa e Asia. Gabriel colabora habitualmente co Concello de San Sadurniño en proxectos singulares como “Fútbol que fala” ou “Miradas novas” entre outros.

Como xa fixera noutras edicións do Chanfaina Lab Gabriel agasallounos coa súa xenerosidade e achegouse ao Chanfaina Lab por terceira vez, disposto a enxergarse no territorio e o traballo dos e das cineastas invitadas: “Desta volta tentei fusionar os personaxes coa paisaxe, unha mestura entre cineastas chanfaineiros e os espazos e seres vivos que forman parte do entorno dos protagonistas. Todo elo dende o meu punto de vista persoal conformando unha colección de fotografías sinxelas, moi fieis ao meu estilo de traballo, xa que me limitei a aproveitar o que tiña diante e fusionar creadores, animais e paisaxes…”

Así pois, as imaxes de “Pegadas” son un mosaico intencionadamente composto con momentos especiais de grande potencia visual, onde Gabriel aporta a súa moi persoal ahega ao Chanfaina Lab e que imbúe de beleza e significado a dous días de convivencia creativa. Un fermoso colofón ao Chanfaina 2017, onde poderemos ver a creadoras, creadores, animais, veciños e veciñas enxergados nos espazos de gravación dende os ollos de Gabriel Tizón. Unha peza para deixarse levar polo humanismo e ironía do gran fotógrafo ferrolán e que sintetiza á perfección o espírito do Chanfaina: un encontro de cineastas que proxectan a súa mirada creativa con liberdade sobre o microcosmos das xentes e o territorio de San Sadurniño.

Nova edición do Chanfaina na primeira fin de semana de setembro
A área de Cultura está preparando xa unha nova edición do Chanfaina Lab, que este ano se desenvolverá entre o venres 31 de agosto e o domingo 2 de setembro. Uns días antes da data farase público o listado de creadores e creadoras convidadas así como a programación completa de proxeccións e de actividades paralelas.

Share.