Frida Kahlo descóbrelle á rapazada do CPI o papel da muller nas sete artes

0

As aulas de Primaria do CPI de San Sadurniño acolleron durante os últimos dous días a proposta educativa “Nenas na escola, mulleres na sociedade: Igualarte”, a través da que se quere visibilizar a achega feminina á arquitectura, a música, a danza, a escultura, a pintura, a literatura e o cine, atendendo principalmente á contribución das artistas galegas. Nun ambiente participativo e de xogo, os nenos e nenas descubriron figuras coma a de Ana Kiro, Concepción Arenal e outras mulleres que deixaron pegada na nosa cultura. Esta mañá foi a pintora Frida Kahlo quen guiou o alumnado pola historia e as obras que viron a luz gracias á afouteza feminina. A actividade forma parte da colaboración anual do Concello e mailo centro de ensino en materia de educación e sensibilización para a igualdade.

O obxectivo principal das actividades dirixidas ao alumnado de 1º a 6º de Primaria -124 nenas e nenos en total- foi o de sensibilizar na aposta pola igualdade de oportunidades entre mulleres e homes, abordando para iso os roles e estereotipos de xénero a través da arte.

Máis en detalle “Nenas na escola, mulleres na sociedade: Igualarte” serviu para crear un espazo de reflexión e visión crítica deses estereotipos identificando comportamentos discriminatorios por razón de xénero no mundo da arte. Ademais, os obradoiros desenvolvidos onte e máis hoxe tamén se ocuparon de mostrar o traballo de mulleres artistas galegas, de propiciar o compañeirismo e o traballo en equipo e de fomentar o emprego do galego.

Tal e como se sinala na ficha do proxecto sufragado polo Concello, a escola “é o contexto idóneo para traballar valores educativos relacionados coa igualdade de xénero, xa que educar é algo máis que a mera transmisión de coñecementos, posto que se ocupa de fomentar unha capacidade crítica que lle permita á rapazada comprender a súa realidade social, política e cultural para que despois sexan elas e eles quen axuden a transformala”. Un obxectivo que non é doado de conseguir no medio do constante bombardeo mediático -a publicidade, a televisión, as redes sociais, a música…- que teima en perpetuar unha visión do mundo exclusivamente masculina.

“Nenas na escola, mulleres na sociedade: Igualarte” é o contrapunto a esa tendencia valéndose dun formato dinámico a medio camiño entre o teatro e a interactividade. As sesións estiveron dirixidas por unha personaxe -esta mañá foi Frida Kahlo-, quen propuxo viaxar no tempo para coñecer artistas galegas das sete disciplinas e o seu contexto histórico. A finalidade: visibilizar o seu traballo e demostrar, en último caso, que tanto nenas como nenos poden desenvolver plenamente as súas capacidades expresándose en liberdade.

 

Share.