Francisco Castro traerá “Iridium” a San Sadurniño

0

O escritor Francisco Castro volverá por San Sadurniño o venres 25 de xaneiro. E dicimos “volverá” porque o autor e director da Editorial Galaxia xa estivo por aquí en anteriores ocasións para falar de creación literaria posta ao servizo da igualdade. Desta vez presentaranos “Iridium”, a súa última obra. É unha novela dirixida principalmente á mocidade que tece o seu argumento co pano de fondo das redes sociais, da visión parcial que ofrecen da realidade ou das realidades que se agochan detrás do escritorio ou da pantalla do móbil. A cita é, lembramos, o venres 25 a partir das 20.00h. na Casa da Xuventude con entrada libre. 

“Iridium” conta a historia de Iris, unha rapaza que cursa primeiro de bacharelato e que, coma tantas e tantos do seu tempo, quere vivir a vida con intensidade. Pero Iris ten, ademais, unha discapacidade froito dun accidente de tráfico que lle deixa secuelas importantes.

A protagonista é unha raíña do Instagram, onde ten milleiros de seguidores en todo o mundo. Seareiros que ignoran o que lle pasa e que, de sabelo, igual non a quererían tanto.  Tal e como apunta a ficha da obra na web da editorial, “Iridium é unha novela de denuncia da hipocrisía de moitos ‘normais’ que desprezan a todas e a todos os que son diferentes”, aínda que tamén se engade que a obra de Castro “conta, sobre todo, unha historia de amor”.

O autor asegura no seu blog que “Iridium” é o primeiro libro -dos 17 que leva- escrito “morto de medo” polo seu temor, auténtico pánico, a “non dicir a verdade” abordando a historia cunha protagonista con Dano Cerebral Adquirido.  “Dende o primeiro instante fun moi consciente de que era doado caer no pastiche, na caricatura, na historia, digamos, efectiva (un xa ten moitos anos de oficio e pode facer case que todo), que funcionaría ben mais que estaría, probablemente, chea de tópicos. Podía escribir unha historia de superación, case épica, contando como unha rapaza nova con tantísimos problemas sae adiante. Podería funcionar, si. Pero sería unha trola coma unha casa. Mentira mentireira. Unha fraude”.

Na presentación de San Sadurniño, Francisco Castro estará acompañado de Ana Carballo Polo -orientadora laboral da COGAMI- e da concelleira de Igualdade, Ana Belén Breixo Gundín. Como é habitual, o libro será unha escusa para entablar un pequeno debate arredor dos temas que trata: redes sociais, autoestima, discapacidade, adolescencia, etc.

Parte dos dereitos de autor do libro destínanse á FEGADACE -Federación Galega de Dano Cerebral- e á asociación Alento, que traballa neste mesmo ámbito.

O martes 5, Rosa Aneiros co alumnado do CPI
A visita de Francisco Castro non será a única cita literaria que teremos dentro de pouco. E é que a rapazada de 3º e 4º da ESO do CPI de San Sadurniño manterá o 5 de febreiro ás 12.30h. un encontro coa escritora Rosa Aneiros, despois de leren a súa obra “Ámote Leo A. Destino Xalundes”.

Nacida en Meirás (Valdoviño) en 1976, Rosa Aneiros é licenciada en Ciencias da Comunicación pola USC e unha escritora que o mesmo se adentra no xornalismo, na poesía que na narrativa. Entre os premios que leva recibido destaca o “Premio Irmandade do Libro” da Federación de librarías de Galicia á mellor obra infantil e xuvenil do 2013, precisamente, pola triloxía Ámote Leo A.

Share.