Fran da Lobeira asina unha das curtas máis frescas e sorprendentes do Chanfaina Lab

0

Francisco Bermúdez Prieto, máis coñecido como Fran da Lobeira. Militar de profesión e con vocación geek que nos últimos tempos se meteu no asunto de producir contido para youtube. A súa canle, A Lobeira Today, conta con máis de 400 suscricións e nela hai de todo: vídeos de viaxes, tutoriais, historias da vida, “cousas de vellos”… 120 pezas eclécticas que son espello da propia personalidade do autor, sempre disposto a explorar todas as linguaxes do audiovisual. Tamén fai ficción e na última edición do Chanfaina Lab -onde é un dos habituais- asinou unha das pezas máis curradas que se puideron ver na estrea do pasado mes de febreiro. O seu título é “Trae!” e está protagonizada por Lina, a súa cadela, e por unha pelotiña de goma á que Fran é capaz de darlle vida con sinxelos trucos que se remontan ás orixes dos efectos especiais no cine. A idea era simple: retratar a obsesión do animal co seu xoguete. Levala á práctica era cousa distinta e requiriu de moita planificación previa e ter claro cada plano, ademais de asumir que ter unha cadela como actriz principal ía ser un reto de resultados un tanto incertos. E si, o resultado foi incerto, pero para ben. Lina superou todas as expectativas interpretativas e Fran da Lobeira deixou patente con esta curta que é todo un crack do noso pequeno audiovisual. En Fálame de San Sadurniño temos xa dispoñible a peza e tamén a crítica que fai o profesor Manolo González.

Francisco Bermúdez (Ferrol 1978) é músico, debuxante esporádico, videoblogueiro, ideólogo e creador da canle “A Lobeira today”, un auténtico home-orquestra. Fascinado por viaxar, ingresou na Armada, onde chegou a cumprir o seu soño, pois –tras máis de 2.000 días de mar – visitou máis de 45 países e 100 cidades. Casou e veu vivir ao lugar da Lobeira, na parroquia de Santa Mariña do Monte. Alí comezou a escrita do blog persoal “Vivo na Lobeira”. Boa proba da súa teima cinéfila foron as pezas realizadas nos anteriores Chanfaina Lab: “Quixera” (2015), “Sentimentos” (2016), “O enxerto, a bicicleta e o helicóptero” (2017) e “E fíxose a Luz” (2018).

No 2016 foi trasladado á cidade holandesa de Brunssum, onde traballou no Mando Aliado das Forzas Conxuntas da OTAN; aínda que logo. comezou a manifestárselle a grave enfermidade da morriña, polo que tamén rexentou e atendeu a “Embaixada da Lobeira nos Países Baixos” ata o verán do 2019, no que retornou definitivamente cando foi destinado en Madrid. Tamén por mor daquela morriña, Fran decidiu hai dous anos gravar un vídeo diario durante un ano con experiencias cotiáns, ideas e sensacións sempre dende o humor retranqueiro e a creatividade. Na súa canle de Instagram A Lobeira Today podemos seguir de preto a súa incesante actividade. Ademais na “A Lobeira today”, publica vídeos semanalmente -sempre que pode-, chegando a ser finalista en dúas categorías do certame Youtubeir@s e convertendo a San Sadurniño no 3º Concello con mais vídeos presentados (43 pezas inscritas).

Coma noutras edicións, a xenerosidade e a bonhomía de Fran fixéronse presentes durante os días do Chanfaina: participou no obradoiro de Sandra Sánchez sobre montaxe, axudou no que puido ao resto dos participantes e colaborou na edición da peza de Ana Lamas “As landras”. Mentres, a “cabeciña que ferve” de Fran ultimaba unha idea que lle roldaba dende que comezou a adestrar a Lina, a súa preciosa cadela mestura de labrador negro e Braco de pelo curto. “A idea agromou nun deses vídeos do reto de Instagram no que facía unha proba de montaxe coa cadela. Nesta peza, decidinme a escribir un guión e saír dos límites da miña parroquia, utilizar máis medios e localizacións ou contar con colaboradores na rodaxe. Como dificultades atopeime cara a cara co dito de Hitchcock de “de nenos e animais, nin me fales”, descubrindo que ata a cadela máis obediente, a veces non fai todo o caso que un quere, como se pode ver nas primeiras tomas falsas dos créditos; tamén con que Lina lle ten medo aos ruídos fortes, como por exemplo aos fogos de artificio, e este ano parte da rodaxe coincidiu co San Pipote de Bardaos e tamén que non se pode fiar da meteoroloxía cando a rodaxe acontece en Galicia, xa que algunhas tomas -que por seren sinxelas deixei para o final-, tiveron que agardar ata ben pasado xaneiro para ser filmadas”

En “Trae !”, Fran muda os rexistros aos que nos tiña acostumados para pasar ao que el mesmo denomina “cine entretemento” ou “cine de flocos de millo” e reafirma: “o único obxectivo desta curta é que os espectadores pasen un rato ben divertido” e abofé que o consegue. Neste caso, o marco ou xénero de referencia ven a ser o slapstick, unha comedia física como nos primeiros anos de cinematógrafo, onde a acción é o movemento son predominantes. A teima dunha cadela pola súa pelota é o sinxelo fío argumental que nos permitirá percorrer as sete parroquias do concello a un ritmo vertixinoso. A esmagadora experiencia adquirida nos últimos anos pola práctica constante fican patentes neste arriscado exercicio de continuidade e movemento, onde Fran aplicou a máxima de Godard de que nunha rodaxe hai que “pensar, rodar e montar ao tempo”.

Xa avisamos no seu momento que o mellor cineasta da Lobeira habería de sorprendernos -e moito- no futuro. Con esta peza acredita xa a súa madurez, calidade técnica e sentido do ritmo. A veciñanza de Monte segue a agardar máis filmes de Fran Bermúdez e na cociña do Chanfaina lab sentímonos orgullosos da súa implicación persoal non só polas súas pezas, senón tamén polo seu teimudo compromiso en participar e crear comunidade.

Share.