Finalizada a mellora do acceso ao Pico de Ferreira

0

O Pico de Ferreira é un dos referentes turísticos do noso concello. Alí atopamos a famosa “cama” do santo -unha tumba antropomorfa labrada na rocha de orixe incerta- e tamén temos un miradoiro natural que ofrece excelentes vistas de todo o val do Xubia. Coa colaboración da Dirección Xeral de Turismo da Xunta de Galicia, o Concello de San Sadurniño acaba de reparar por completo os accesos ao enclave, que tamén é punto de observación destacado do Proxecto do Xeoparque do Cabo Ortegal. O investimento chegou aos 38.000 euros -25.500 achegados por Turismo de Galicia- e, dentro del, tamén se incluíu a mellora da sinalización para chegar ao Pico e a renovación de varios paneis informativos noutros lugares do territorio.

Os traballos no entorno do Pico de Ferreira consistiron, en primeiro lugar, na reparación da pista de acceso ao cume do monte. Trátase dunha vía forestal que xa fora reparada na década dos 90 -ao igual que a área superior do monte- con cargo a axudas do programa europeo Proder. Porén, o paso do tempo e de maquinaria pesada estragaron case por completo o camiño, de xeito que ata hai tan só uns días a subida só podía facerse a pé ou en todoterreo.

O proxecto deseñado polo Concello e aprobado por Patrimonio arranxou con formigón a maior parte da pista, deixando intacto o último tramo e maila zona do miradoiro por causa do seu valor arqueolóxico. De feito, esa foi unha das condicións da Xunta para autorizar os traballos e por iso nesa área concreta só se levou a cabo unha intervención de conservación das varandas protectoras, acompañada da roza de maleza e da colocación dun novo panel que axude a comprender a relevancia tanto histórica como paisaxística do lugar.

O Pico de Ferreira é un miradoiro natural peculiar pola súa feitura. É un cono case perfecto que non ten semellantes en ningún outro lugar da comarca e moi poucos no resto de Galicia, entre os que destaca Pico Sacro (preto de Santiago). Como aquel, o noso pico atesoura tamén numerosas lendas, tradicións e vestixios históricos. O máis importante é a “cama de San Vicente”.  Un escrito datado no século XI fálanos da presenza en Ferreira de dous templos, un na honra de San Paio e outro adicado a San Vicente. O primeiro está situado no lugar da Seara e é de estilo barroco. No seu interior consérvase a figura dun San Vicente encadeado que, segundo a tradición, fuxía polas noites para irse deitar á súa “cama” no alto do pico.

A lenda debe ter fundamento histórico, habida conta de que no monte houbo algún tipo de construción cristiá -quizais ese templo na honra de San Vicente- da que hoxe queda como único resto unha tumba antropomorfa -a famosa cama do santo- cavada na rocha e cunha pía na cabeceira. Crese que o Pico de Ferreira foi lugar de culto pagán desde antes da cristianización e, ata épocas relativamente recentes, sitio ao que ir para curar doenzas de persoas e animais.

O pico conta cun novo panel informativo

O pico conta cun novo panel informativo

Toda esta historia é a que reflicte o novo panel informativo colocado dentro das actuacións de mellora do acceso subvencionado por Turismo de Galicia. Ademais, o Pico de Ferreira  é un punto privilexiado para observar as diferenzas xeolóxicas entre o bloque granítico do Forgoselo, o cordal do Carazo e as áreas sedimentarias que se estenden ao norte do concello. De aí que este tamén sexa unha das visitas obrigadas dentro da planificación do Proxecto do xeoparque do Cabo Ortegal.

Por último, no proxecto que acaba de executarse incluiuse a instalación de sinais indicadores para chegar ao pico, un ao pé da estrada provincial DP-7601 e outro no desvío ao enclave.

O ramo de toda a actuación foi a reposición de carteis noutros lugares, como o Pazo da Marquesa, o Convento do Rosario, o Paseo fluvial do Xubia, a ruta do Aceiteiro, a Fonte de San Roque e a área recreativa do Camiño Grande, en Igrexafeita. Neses sitios reparáronse os puntos de información turística, moi danados polo clima, aproveitando para incorporar imaxes e datos actualizados, como por exemplo aqueles que teñen que ver co coñecemento xeolóxico da zona, xunto con códigos QR que dan acceso a descricións web de cada un deles.

Share.