Finaliza en Maputo o encontro entre políticas galegas e mozambicanas arredor da igualdade

0

Concelleiras de catro municipios socios Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade achegaron  a súa experiencia en equidade de xénero ás edís e alcaldesas que conforman a Rede de Mulleres Autarcas de Mozambique. As titulares de Igualdade de Lugo, Moaña e San Sadurniño, e máis a edil de Cultura do Concello de Verín participaron o venres no encontro nacional organizado en Maputo polas súas homólogas africanas compartindo con elas boas prácticas no eido das políticas municipais de xénero e ofrecéndolles algunhas claves para favorecer a participación das mulleres na política local.

As catro concelleiras, canda a técnica do Fondo Galego Carmen Novas, estiveron en Mozambique desde o luns da semana pasada, día no que iniciaron o seu percorrido visitando o municipio de Mandlakaze da man da súa alcaldesa e presidenta da RMAM, María Helena Correia, quen xa visitara varios concellos galegos. Alí tiveron a oportunidade de intercambiar impresións non só cos membros da corporación, que expresaron as súas dificultades para ofrecer os servizos de saúde, educación, arranxo de estradas ou abastecemento de auga, senón tamén con emprendedoras locais ou con mulleres cabeza de familia, unha realidade habitual no país lusófono que adoita levar ás mulleres e ás súas fillas e fillos a unha situación vulnerable.

As edís tamén se desprazaron ao distrito de Boane para coñecer o centro de acollida de menores da Casa do Gaiato e supervisar de primeira man o proxecto financiado polo Fondo Galego de Cooperación á Fundação Encontro, que permitiu incrementar  as consultas pre e post parto. Alí entrevistáronse coas activistas que van porta por porta en cada aldea para concienciar ás nais da importancia de levar un control médico. Segundo a concelleira moañesa María Ortega, “é impresionante o traballo que entidades coma esta están a facer con poucos recursos económicos, o seu labor coas diferentes comunidades é indispensable para este país”. “O arduo traballo de persoas cooperantes e voluntarias e das organizacións locais permitiume ver, comprender e sentir a pertinencia da cooperación ao desenvolvemento para seguir loitando a prol da igualdade de oportunidades, co fin último de acadar a xustiza social”, complementaba a lucense Ana G. Abelleira.

A representante de San Sadurniño, Ana B. Gundín, amosou “a satisfacción de comprobar que a pequena achega que os concellos fan ao Fondo Galego serve para poñer en marcha pequenos proxectos que contribúen a mellorar a vida de moitas persoas”, “aínda que tamén me queda a espiña de ver o moito que falta por avanzar no eido da igualdade, tanto de xénero coma entre estratos sociais”, engadiu.

A titualr da área local de Igualdade falou en Maputo sobre os proxectos que se desenvolven no noso concello a prol do empoderamento feminino e da igualdade. Neste sentido, Gundín citou os programas e servizos que se prestan como froito da estratexia reflectida no plan de igualdade de oportunidades entre mulleres e homes que se está levando a cabo no territorio. Un plan que, pouco a pouco, vai materializándose con múltiples actuacións e a implicación do tecido social e educativo do municipio.

O Fondo Galego
O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade está integrado por 88 concellos e as deputacións da Coruña e Lugo, que concentran a través desta rede os seus esforzos no eido da cooperación ao desenvolvemento. Garántese deste xeito unha xestión profesional e transparente, así como a realización de proxectos con impacto nos países do Sur e a sensibilización da sociedade galega a prol da solidariedade internacional. Desde a súa fundación en 1997, o Fondo Galego ten desenvolvido uns 150 proxectos en 30 países e promove numerosas actividades e materiais en relación aos desequilibrios Norte-Sur.

Share.