Fin de semana festeira e deportiva

0

A axenda para os próximos días en San Sadurniño vén marcada por unha das festas máis multitudinarias de toda a volta e por un evento deportivo que se recupera tras varios anos sen se celebrar. E é que o sábado á tarde o pavillón polideportivo acollerá o XIV Trofeo de volei Concello de San Sadurniño organizado polo Aldebarán-Intasa como parte da súa preparación da temporada na SM2, mentres que en Bardaos hoxe arranca un maratón festeiro na honra de Santa María ou, mellor dito, do San Pipote.

O VIX Torneo de volei comezará o sábado ás 17.00h. e disputarase cun formato triangular no que se enfrontarán, ademais do anfitrión, outros dous participantes na próxima temporada da SM2: o Náutico Boiro Voleibol e o Voleibol Dumbría.
Os emparellamentos e horarios previstos quedaron configurados da seguinte maneira: ás 17.00h. xogarán o Dumbría e o Boiro, ás 18.00h. tocaralle ao Aldebarán-Intasa contra o perdedor do primeiro enfrontamento e ás 19.00h. disputarase o último partido enfrontando ao equipo local contra o ganador do partido das 17.00h.
Segundo comenta o presidente do Aldebarán, Juan Manuel García Cobelo, o torneo recupérase tras catro anos sen se celebrar xa que, ata este 2016  “foi imposible atoparlle datas axeitadas”. Para o clube local este será o primeiro partido de pretemporada, co que pretende empezar a rodar unha plantilla que non estará completa para o torneo. “Faltan Saulo Costa e a nova fichaxe de Raúl Gómez, pero contaremos con vellos coñecidos como Parga, Uxío ou Pakito e coa incorporación do colocador Andrés Portero”, explica Cobelo.
O Aldebarán-Intasa de volei inicia deste xeito o engraxe dunha formación renovada en parte na que, con respecto á anterior temporada, só marcou baixa Fran, que militará no Cáceres. A liga arranca en outubro e os dous primeiros enfrontamentos reservados para o Sansa son fóra da casa, o 1 en Valladolid e o 8 en Tenerife, polo que haberá que agardar ao día 15 para volver ver  no pavillón municipal ao primeiro equipo do Aldebarán, que nesa ocasión se medirá ao CyL Palencia 2018.

Entre os obxectivos definidos para a temporada están o de “continuar asentando o equipo na categoría e, se cadra, conseguir entrar na loita polo ascenso”, apunta Juan Manuel García. O presidente do club tamén asegura que os esforzos locais se dirixirán “a intentar repetir o éxito na Copa Príncipe”, un trofeo que o San Sadurniño incorporou na pasada temporada ás súas vitrinas e que, ademais, foi un revulsivo para a incorporación de máis nenos e nenas aos equipos de base do club.

San Pipote
E no apartado festeiro é obrigado facer referenza á patroa de Bardaos, Santa María, que a parroquia celebra desde hoxe e ata o domingo. Máis coñecida polo outro nome, o de San Pipote, esta é unha das festas máis multitudinarias da comarca. Volve repetir a estrutura que tan ben lle funcionou nos últimos anos, cun comezo o xoves en plan suave no local social coa actuación ás 23.00h. do grupo folc de recente creación “Encrucillada” e tamén coa proxección do vídeo promocional da festa, que tras tres anos sen se facer, volve a todas as pantallas virtuais con realización do chanfaineiro Bieito Beceiro e a participación da veciñanza da parroquia.

O San Pipote é unha das festas máis multitudinarias da contorna

O San Pipote é unha das festas máis multitudinarias da contorna

Mañá venres a festa xa se traslada ao campo anexo á igrexa parroquial. Ás 13.00h. haberá misa e posteriormente sesión vermú animada polo grupo Samba, que á noite subirá ao escenario alternando coa orquestra Galilea.

O sábado, día central do San Pipote, tamén teremos misa e sesión vermú -orquestra Venecia- e, trala sobremesa, a iso das 18.00h., o contorno da área recreativa volverá converterse en escenario das Olimpiadas parroquiais con todo tipo de retos disparatados cos que poñer a proba forza, habilidade e resistencia.

Pola noite actuarán Venecia e Costa Oeste e sobre a 1.00h. percorrerá o campo da festa a procesión pagá do San Pipote, ese inmenso bocoi cheo de calimotxo que despois calquera poderá degustar ad-libitum. A festa rematará o domingo ao mediodía xa sen misa pero cunha sesión vermú dirixida a quen queira ir desconectando pouco a pouco ou, mellor dito, a quen aínda teña aguante despois de tres días sen parar.

 

Share.