Fin de semana decisivo para o concurso “Entroidadas”: ou rompe ou racha

0

En dous días viviremos un atípico Domingo de Entroido, día grande canda ao martes -festivo local- no que, en outras circunstancias, nos tocaría andar de máscara ou quizáis gozando como anfitrións ou convidadas de gorentosos cocidos acompañados de freixós e orellas. Pero a situación é a que é, e debido a ela hai que ter moita prudencia co asunto das relacións sociais e a autoprotección. Iso non quita, porén, que poidamos ter un Carnaval distinto. Por iso o Concello organizou o concurso de máscaras “Entroidadas” coa finalidade de que armemos un Entroido virtual mandando fotos e vídeos que se publicarán en Facebook o Mércores de Cinsa (ou Cinza). A convocatoria -que reserva premios en distintas categorías- lanzouse hai varias semanas e foise recordando a cada pouco no Facebook para promover a máxima participación. A cousa é que hoxe venres, a tan só cinco días de que remate o prazo de recepción de imaxes, ao whatsapp e ao correo de Cultura só chegaran 10 inscricións, case todas para o apartado infantil. Así que, ÚLTIMO AVISO: ide ao faiado, remexede na roupa vella, vestídevos de máscara e mandade as vosas fotos ou vídeos con bailes ou coplas retranqueiras. O último día para facelo é o 17 ás 14.00h. a través do 616 332 919 ou de agustin.perez@sansadurnino.gal. Ah, lembrade poñer os vosos datos de contacto e a categoría na que queredes participar.

A intención de Cultura é manter viva a tradición das máscaras de toda a vida e por iso pon como condición que os traxes sexan de fabricación artesanal. Segundo poñen as bases, presentarse ao concurso cun disfrace comprado será motivo suficiente para quedar sen opción a premio. E, certamente, tampouco hai moita falta de recorrer a iso, xa que nos galpóns e faiados seguro que se pode atopar material de sobras -roupa vella, tarecos, sacos…- para compoñer unha máscara imaxinativa e ben simpática (esa tamén é a gracia do Entroido).

E se non atopades nada pola casa, recordade que en San Sadurniño hai tamén sitios abondo para conseguir complementos ou materia prima: teas, gomas, cartolinas, pegamentos, complementos… o que faga falla, sen saír do concello e sen ter que recorrer ás grandes plataformas de venda en liña.

A partir de aí é todo cuestión de imaxinación e de ir apurando para telo todo listo antes do mércores, último día para remitir as fotos e vídeos, e poder entrar nas distintas categorías do concurso “Entroidadas”.

Cada persoa só poderá participar unha soa vez e nunha única categoría. No apartado individual son as seguintes, dotadas cun total de 9 premios:

  • Infantil (ata 7 anos), que poderán levar tres premios en forma de vales de 50€ para cambialos por material didáctico na Libraría Brétema.
  • Xuvenil (de 8 a 15 anos), para os que se reservan outros tres bonos de 50€ canxeables en Brétema.
  • Adulta (de 16 anos en diante), tamén con tres vales de 50€ para gastalos no comercio local.

Para entrar  no concurso fará falla enviar ao correo ou ao whatsapp de Cultura como máximo dúas fotos , indicando o nome que se dese na inscrición previa. As fotos serán valoradas por un xurado formado por tres persoas que mirarán a orixinalidade e a creatividade.

Tamén hai un apartado dirixido a comparsas formadas por quen vivan na mesma casa, posto que a normativa preventiva en vigor non permite, con carácter xeral, grupos de non conviventes. As comparsas que se formen só para lucir os seus traxes só terán que mandar unha ou dúas fotos de grupo, igual que nas categorías individuais. Nese caso concederase un único premio -que valorará a súa orixinalidade- consistente nun vale de 100 € por un xantar ou cea  nun restaurante ou casa de comidas local.

Porén, Cultura tamén premiará aquelas comparsas de conviventes que preparen coplas, coreografías, cancións… ou todo ao mesmo tempo.  Porén, en vez de foto, nesta categoría deberán mandar por whatsapp ou correo un vídeo -preferiblemente gravado en horizontal- onde se escoiten e vexan ben os seus retrousos satíricos. Para elas hai reservado, tamén como premio único,  un vale de 150€ por un xantar ou cea nalgún dos establecementos do territorio.

Ademais, o día da entrega dos galardóns, tamén se sortearán cinco lotes de produtos de proximidade entre as persoas participantes non premiadas.

Tanto as fotos como os vídeos poden remitirse até as 14.00h. do mércores 17 de febreiro. Ao longo desa xornada todas as imaxes recibidas publicaranse no Facebook do Concello, de maneira que o Entroido de San Sadurniño se convirta nunha cita virtual da que toda a veciñanza poida gozar desde a casa.

O fallo do xurado darase a coñecer o 26 de febreiro publicándoo na web municipal e os premios para cada categoría entregaranse, se a situación sanitaria o permite, o sábado 6 de marzo ás 12.00h. na Casa do Concello.

Bases do concurso

 

Share.