Fin de semana de Santa Isabel moi intensa, aínda que non haxa festa

0

O venres, día 2 de xullo, é festivo local en San Sadurniño. Ademais tocaría celebrar Santa Isabel na capital municipal, algo que posiblemente cadaquén faga na casa -adoptando todas as medidas de prevención en vigor- pero non ao xeito doutros anos, con sesión vermú, verbena musical, toldo para tomar un “algo” e atraccións para a rapazada. Con todo, o Concello programou varias actividades que se desenvolverán o propio venres, acompañadas o sábado da xeorruta por Naraío (da que falamos onte) e o domingo pola mañá da entrega dos premios de San Sadurniño en flor que se darán a coñecer este mércores. Así, no festivo teremos a partir das 13.30h a actuación da Xove Banda de Narón no adro do Convento do Rosario, ás 18.30h inaugurarase no Pazo a mostra visual “Sentires Recortables”, promovida por Tamara Painceira, Tam, e, ás 19.30h,  actuará nos xardíns municipais Paco Nogueiras co seu espectáculo “Brinca Vai!”. Para esta última proposta haberá que reservar sitio -hai 100 localidades- chamando ao 616 332 919 ou mandando un correo a agustin.perez@sansadurnino.gal.

O Concello non renuncia a que en todas as parroquias, malia non haber festas, se manteña viva atradición das “funcións”  do patrón ou patroa, e por iso xa coordinou cos cregos que nos días das misas principais se complete a xornada coa actuación da Xove Banda de Narón, ofrecendo un pequeno concerto no adro de cada igrexa.

A rolda musical comeza este venres en San Sadurniño co gallo de Santa Isabel. A masa instrumental composta por mozas e mozos de toda a comarca -tamén de San Sadurniño- ofrecerá ás 13.30h un repertorio axeitado á ocasión, no que non han faltar as pezas de toda a vida mesturadas con arranxos máis modernos que fagan pasar a saída da misa por unha sorte de sesión vermú.

A cita de Santa Isabel será a primeira de varias que se reproducirán ao longo do verán: o sábado 10 de xullo en Ferreira con motivo do San Cristovo, o 16 en Lamas co gallo do Carme, o 18 en Santa Mariña na honra da patroa, o 15 de agosto no adro de Naraío como colofón á procesión do San Roque, o 11 de setembro en Bardaos para celebrar a Santa María e o 19 de setembro, final do percorrido no domingo do Viscordel, en Igrexafeita.

Pola tarde, a iso das 18.30h, abrirá na Casa do Concello a exposición “Sentires Recortables”, escolma do traballo recente da artista plástica Tam ao abeiro do proxecto Inercia Inesperada.  Tras este pseudónimo agóchase o nome de Tamara Painceira Villar, enfermeira de profesión e veciña de San Sadurniño que leva anos desenvolvendo unha intensa actividade  no campo das artes visuais, principalmente na fotografía, o collage e a creación de espazos. A súa obra caracterízase por un coidado milimétrico das proporcións e a composición, postas ao servizo dunha mensaxe que é minimalista na forma e poética no contido.

A exposición de Tam ocupará o lugar da mostra “Paseando polos anos 60”, do fotógrafo coruñés Xosé Castro “Pepucho”, que finaliza mañá mércores a súa estadía no noso concello.

“Brinca Vai!” con Paco Nogueiras
Seguindo coa programación do venres 2 de xullo, festivo local en San Sadurniño, trala inauguración da exposición teremos tempo de sobra para baixar aos xardíns municipais na compaña da rapazada para asistir ao “Brinca Vai!” de Paco Nogueiras. Malia ter circulado moito nos últimos anos, este espectáculo segue sendo un éxito entre as nenas e nenos, que en moitos casos xa o teñen na casa en forma de disco e de libro.

O “Brinca Vai!” chega a San Sadurniño da man da Rede Cultural da Deputación da Coruña e para asistir fai falla reserva a través do 616 332 919, posto que só se ofertan 100 localidades. Meteogalicia anuncia bo tempo para toda a xornada pero, se ameazase auga, no xardín instalaríase unha carpa.

Xeorruta o sábado e premios o domingo
A fin de semana festiva en San Sadurniño complétase coa xeorruta das Pías que se desenvolverá en Naraío entre as 10 e as 14.00h do sábado. As inscricións -gratuítas- están abertas desde onte a través deste formulario. Hai 20 prazas dispoñibles para un itinerario que comezará na zona do castelo e de Riolimpo para ver de preto as primeiras fases dos fenómenos das pías e dos bolos graníticos.

Logo haberá que coller o coche e subir até o Forgoselo para continuar a ruta, que estará dirixida polo xeólogo Francisco Canosa. Na zona máis elevada do municipio observaranse as pedras cabaleiras -bolos que quedaron uns enriba doutros- e tamén os ocos creados na pedra pola acción química e erosiva da auga. A ruta encádrase nas accións de divulgación do Proxecto do Xeoparque do Cabo Ortegal.

O remate das actividades programadas polo Concello chegará o domingo ás 11.00h coa entrega dos premios do certame San Sadurniño en flor, organizado polas áreas de Desenvolvemento local e Cultura para promover o engalanamento do territorio durante esta primavera e comezo do verán. O fallo do xurado darase a coñecer este mércores, acompañado da publicación en Facebook da galería fotográfica con todas as imaxes participantes en cada unha das catro categorías convocadas.

Share.