Ferreira estrea este venres o programa cultural “Á xunta da noite”

0

A Concellaría de Cultura adaptou a súa programación á nova realidade promovendo actividades ao aire libre e itinerantes polas parroquias. Música, maxia e humor compoñen o cartel de pequenos espectáculos dirixidos principalmente á veciñanza de cada zona -aínda que non están pechados para ninguén- que se van desenvolver durante todos os venres ás 20.00h. desde esta mesma semana e ata mediados de setembro. O programa, denominado “Á xunta da noite”, comeza en Ferreira, ao pé da capela de San Cristovo coa actuación da Escola Municipal de Pandeireta, do Mago Teto e do grupo de cantos de taberna “Os Pereiros” de Moeche. Tanto esta cita como as seguintes son gratuítas e é obrigatorio reservar localidade no 616 332 919 ou en agustin.perez@sansadurnino.gal, posto que o aforo está limitado a un máximo de 100 persoas. Se houbese máis peticións que sitios daráselle prioridade ás veciñas e veciños empadroados no concello.

Do programa previsto para este venres ás 20.00h. pouco hai que dicir. Os distintos grupos de pandeireta da escola municipal han servirnos un repaso polo seu novo repertorio -ensaiado en boa parte durante o confinamento- e tamén teñen a oportunidade de lucir a súa calidade nun ano en que se debeu suspender a tradicional clausura dos obradoiros culturais.

Tampouco hai moito que dicir do Mago Teto, todo un crack da prestidixitación que sempre abraia coas cartas, cos xogos de mans e con números cercanos que deixan a calquera “barrenando” durante horas.

O cartel complétano “Os Pereiros”, de Moeche, que son un grupo vocal afeccionado ás cancións populares e tradicionais que xa leva tempo reuníndose para ensaiar e para percorrer bares e tabernas botándolle “piezas” ben coñecidas.

E a toda esta oferta de serán xúntaselle o lugar: a carballeira e maila capela de San Cristovo, en Ferreira, que ofrecen un escenario ben fermoso e axeitado para iniciar este ciclo de espectáculos itinerantes cos que tamén se pretenden poñer en valor recunchos do municipio nos que poucas veces se repara.

Ademais, Cultura concibiu “Á xunta da noite” como unha sorte de reencontro veciñal despois do confinamento, como unha pequena repichoca popular que percorrerá as parroquias ata setembro cunha oferta moi variada e con outros alicientes. Se chove haberá carpa, tamén haberá petiscos e, por suposto, será necesario respectar as medidas preventivas da COVID-19. Eses son os motivos de que o aforo estea limitado a un grupo máximo de 100 persoas e de que se esixa reservar antes chamando ao 616 332 919 ou mandando un correo a agustin.perez@sansadurnino.gal. O último día para facelo é este xoves ás 14.00h.

Xeoruta o sábado e paseo en bici o domingo
A cita “Á xunta da noite” repetirase os seguintes venres noutros puntos do concello ata chegar ao 18 de setembro, data na que o programa finalizará en San Sadurniño.

Pero, alén do inicio desta proposta, durante esta “finde” temos máis cousas que facer ao aire libre en San Sadurniño. A primeira delas é a Xeoruta das Pías guiada polo xeólogo Francisco Canosa que se desenvolverá o sábado pola mañá. O punto de encontro é o castelo de Naraío ás 10.00h., onde Canosa fará unha breve contextualización xeolóxica do territorio e, máis en concreto, dos fenómenos que se poden observar na zona das fervenzas de Riolimpo e na zona de Racamonde.

O itinerario é gratuíto e forma parte das accións promocionais do Proxecto de Xeoparque do Cabo Ortegal, integrado tamén por San Sadurniño.  A xeoruta está reservada para un grupo máximo de 20 persoas. Para anotarse hai que chamar  ao Concello –981 490 027– en horario de mañá antes das 14.00h. deste mércores. Nas inscricións daráselle preferencia á orde en que vaian chegando as peticións telefónicas e, de ser preciso por excederse as solicitudes, a persoas empadroadas en San Sadurniño.

Ao día seguinte, o domingo 19, o Concello e máis Biela e Chaveta organizan de novo a Ruta cicloturista en familia con saída e chegada no CPI de San Sadurniño e un percorrido moi doado que nos levará ata Pedroso por pistas pouco transitadas.

No itinerario poderán participar persoas maiores de 6 anos e será obrigatorio o uso do casco. Non se trata dunha carreira, senón de dar unha volta tranquila gozando da paisaxe e dun exercicio suave ao longo dun trazado circular practicamente chan duns 13 quilómetros de distancia.

A ruta ciclista botará a andar ás 11.00h. (mellor estar media hora antes) e será obrigatorio usar máscara e manter a separación persoal entre persoas non convivintes mentres non se inicie a marcha. Tamén fai falla inscrición previa cubrindo a ficha correspondente (persoas adultas ou rapazada) e mandándolla a agustin.perez@sansadurnino.gal.

 

Share.