Fenosa acomete melloras nas liñas eléctricas que suporán a interrupción do subministro durante a mañá do xoves

0

Unión Fenosa Distribución informou esta mañá dun corte de electricidade entre as 8 e as 12.00h. do xoves que lle afectará a distintos lugares de San Sadurniño e Moeche, dentro dos traballos de “mellora da calidade da subministración eléctrica” que tanto o Concello como a veciñanza veñen esixindo desde hai tempo. No caso de San Sadurniño a interrupción centrarase nas liñas que abastecen as zonas Camiño Arriba, Filgueiras, Felgosa, O Couto, Mandrá, O Redo, O Vilar e Piegolongo, precisamente as que levan padecido máis cortes por causa do mal estado do tendido. A raíz das demandas municipais -trasladadas tamén á Xunta de Galicia- a distribuidora tamén levou a cabo traballos para soterrar liñas e instalar novos centros de transformación na zona norte e norleste do municipio, xa que o resto do territorio conta con subministración de Electra del Naraío, de Niebladis ou de Electra del Cabalar.

Os problemas de subministración -principalmente en Lamas, o Camiño Arriba e parte de Santa Mariña- foron especialmente frecuentes desde finais do ano pasado, a pesar de que non houbo un inverno especialmente duro en canto a temporais.

De feito, moitos dos cortes producíronse en momentos de tranquilidade atmosférica, algo que colmou a paciencia das persoas usuarias e da Administración local, quen no mes de xaneiro remitiu unha comunicación á distribuidora esixíndolle que se ocupase do mantemento das súas liñas.

O Concello denunciaba daquela que o tendido “moi antigo e sen sistemas axeitados de protección” se encontraba “nun pésimo estado de conservación”. Unhas condicións da infraestrutura -postes e cables- que, apreciaba o concello, tiñan como consecuencia que “un pouco de vento implique, moitas veces, a caída do tendido e o corte no subministro, cando non incendios forestais”.

A demanda a UFD trasladóuselle tamén á Dirección Xeral de Enerxía e Minas, o organismo da Xunta con competencias na materia, para que exercese as súas funcións de velar porque a distribuidora cumprise coa calidade do servizo. Na comunicación tamén se esixía un sistema de atención telefónica directa que axilizase a resposta ás incidencias a imaxe e semellanza doutras empresas máis pequenas que operan na zona -Electra del Narahío, Niebladis e Electra del Cabalar-, que atenden case de inmediato e que, ademais, contan cunha rede en mellores condicións.

Resposta da empresa
A contestación de UFD sobre o seu plan para corrixir os problemas recorrentes chegou a primeiros de abril, cunha descrición dos traballos que se estaban desenvolvendo e os que se tiñan previsto acometer durante este ano, entre eles os que motivan a interrupción do subministro deste xoves. Así, a empresa informou da roza e limpeza de toda a liña CDR805, que discorre maiormente entre eucaliptais e da que dependen parte de San Sadurniño e Moeche. A empresa incidía en que os labores se iniciaron en xaneiro e que contaban telos rematados ao longo deste mes de maio.

Por outra banda tamén se informou ao Concello da instalación dun interruptor telecontrolado e de varios reconectadores que, neste último caso, permiten o rearme automático das liñas por zonas para que unha avaría nun punto determinado non interrompa toda a subministración.

UFD comunicou, ademais, “a renovación integral da rede de baixa tensión de Lamas, Leboriz e Castrelo” e refírese á construción dun centro de transformación na Escoitadoira -incluída unha nova liña de media tensión soterrada e a reparación da rede de baixa asociada ao transformador- que, segundo asegura, supuxo “unha importante mellora do subministro” nos lugares da Escoitadora, Santa Mariña do Monte, Castrelo e Cabanela.

Valoración municipal
Desde o Concello valórase positivamente que a distribuidora “atenda dunha vez por todas” as demandas municipais e veciñais, aínda que tamén se advirte de que “se manterá a vixilancia sobre a prestación do servizo esixindo, de ser o caso, que se ofreza coa máxima calidade”, apunta Secundino García. O alcalde recorda que o sistema estatal de distribución eléctrica permite que as persoas usuarias cambien de comercializadora “pero non de subministradora”, razón pola que as administracións con competencias en materia de enerxía -Xunta e Goberno do Estado- “teñen a obriga de velar porque as zonas do rural teñan un servizo en igualdade de condicións que as áreas máis poboadas”.

Carta remitida á Xunta e a UFD-Naturgy o pasado mes de xaneiro

Share.