Feiras e festas

O Concello de San Sadurniño mantén ao longo do ano un calendario de feiras cunha marcada orientación ao desenvolvemento rural e á posta en valor do sector primario. A programación está dividida en dous tipos de convocatorias: dun lado están os mercados locais, que se desenvolven cunha periodicidade bimestral nos xardíns municipais e, da outra, os dous grandes eventos anuais dedicados á terra, a Feira da Plantación e a Feira Rural.

Os mercados, que adoitan celebrarse os derradeiros domingos dos meses de outubro, decembro, febreiro e xuño, tentan recuperar a filosofía das feiras de antano como un xeito de dinamizar a economía local baseado na proximidade e na relación directa entre a produción e o consumo. Neles poden atoparse produtos frescos de temporada procedentes de pequenas explotacións de San Sadurniño e do resto da comarca, pero tamén alimentos transformados, artesanía e mesmo artigos de segunda man.

Na programación anual de mercados intercálanse as feiras monográficas dedicadas ás plantas e ao rural. Así, a Feira da Plantación celébrase o derradeiro domingo de abril como escaparate da produción de planta e flor que sae, principalmente, dos viveiros de San Sadurniño. O evento naceu en 1996 da man da Asociación cultural Bidueiro e foi o Concello quen asumiu a súa organización trala disolución desta entidade. Un cambio que tamén significou abrir o abano a máis expositores sen renunciar ao papel principal da planta ornamental. A Feira da Plantación celébrase ao pé do colexio público e xunta, uns anos con outros, a arredor de 5.000 visitantes.

O segundo evento feiral de relevancia é a Feira Rural, fixada habitualmente no último sábado do mes de agosto. Trátase dunha cita cun protagonismo indiscutible de todas as iniciativas que buscan recuperar o potencial socioeconómico e ambiental das zonas rurais, xa sexa a través das posibilidades produtivas do sector primario, dos servizos ou do turismo. A feira réxese polo lema “Por un medio rural vivo” co que se reivindican estilos de vida e xeitos de producir que aseguren un futuro sustentable desde o punto de vista social e ambiental.

A Feira Rural programa ducias de actividades para todas as idades -unha proba de agility canino, obradoiros infantís, a ruta ciclista, paseos en kaiac polo río, exposicións, etc.-, ademais de acoller o tradicional concurso de froita autóctona no que se premian as mellores variedades do país, moitas delas recuperadas na horta municipal situada xusto ao pé do lugar onde se celebra a feira, na finca da Cortiña.

Desde 2015 a Feira Rural vén precedida do Festival Sons na Cortiña -celébrase a véspera na carpa principal- co que se tenta asentar unha oferta musical alternativa dirixida principalmente á mocidade.

Outras festas e eventos
Porén, alén destes eventos feirais organizados polo Concello, San Sadurniño tamén oferta ao longo do ano outras citas relacionadas coa cultura como son o Festival do Río Castro, que se celebra en Naraío a primeira fin de semana de xullo, e a Feira de Artesanía e de degustación das carrilleiras, que ten lugar no Chao de Lamas o último sábado do mes de maio.

Porén, neste apartado cómpre reseñar as celebracións que teñen que ver coa tradición festeira das parroquias. E é que os “patróns” son datas irrenunciables en todo o municipio, haxa ou non haxa festa propiamente dita. O sistema que se emprega en practicamente todos os lugares para organizar as festas é o das comisións, é dicir, pequenos grupos de veciños e veciñas -e ás veces tamén algunha asociación- que se autonomean dun ano para outro e que botan varios meses recadando fondos con rifas, xantares populares, ceas baile e outras iniciativas semellantes que complementan as achegas económicas das casas da parroquia.

As festas parroquiais de San Sadurniño son as seguintes, aínda que, de celebrárense, adoitan moverse cara á fin de semana que teñan máis próxima:

Festividade Data Lugar
San Vicente 22 de xaneiro Capela de San Cristovo, Ferreira de Arriba
San Marcos 25 de abril Capela de Amido, Igrexafeita
San Paio 26 de xuño Ferreira de Abaixo
Santa Sabela 2-3 de xullo San Sadurniño
San Cristovo 10 de xullo Capela de San Cristovo, Ferreira de Arriba
Nsa. Sra. do Carme 16 de xullo Lamas e Naraío (esta última leva anos sen celebrarse)
Santa Mariña 18 de xullo Santa Mariña do Monte e Capela de Santa Mariña, Naraío (varios anos sen celebrarse)
Santo Estevo finais de xullo O Camiño Arriba, Lamas
Nª Sra. da Esperanza 15 de agosto Santa Mariña do Monte
San Roque 16 de agosto Naraío
A Portela última fin de semana de agosto Capela de San Cristovo da Portela, San Sadurniño
Santa María (San Pipote) segunda fin de semana de setembro Bardaos
Nª Sra. do Biscordel mediados de setembro Igrexafeita
Nsa. Sra. do Belén setembro (varía) Capela de Belén, San Sadurniño