Febreiro-marzo: época ideal para capturar raíñas de velutina

0

Estamos case metidos na primavera, con temperaturas suaves e árbores que empezan a abrollar. Danse as condicións perfectas para que as raíñas fundadoras de novas colonias de velutina saian do seu letargo e empecen a construír os niños embrionarios nos que criar a primeira xeración de obreiras. Este é o mellor momento para tentar atallar a praga, xa que por cada raíña que capturemos haberá un niño menos do que preocuparse no futuro. As entidades apícolas e os concellos recomendan facer un trampeo selectivo na contorna de onde houbese niños secundarios o ano pasado e sempre preto de camelias e outros arbustos de floración temperá.

Cadrando co inicio do inverno, as raíñas fecundadas abandonan os grandes niños situados no bico das árbores -só elas, os machos e obreiras morren- e buscan un refuxio seguro para hibernar, case sempre en ribazos e tocóns vellos.

A salvo de depredadores e gorecidas das baixas temperaturas botan ata o arranque da primavera ou ata cando o tempo lles sexa propicio -como o destes días- para empezar a construír os pequenos niños embrionarios que adoitan aparecer en cabanas, uralitas e outros sitios abrigosos. Alí xa están poñendo os seus ovos para criaren unha primeira xeración de obreiras que lles axuden a aumentar o tamaño do niño e a multiplicaren a colonia. Este é, polo tanto, un dos momentos  nos que son máis vulnerables e nos que se recomenda iniciar o trampeo de primavera, ademais de prestarlle atención a aqueles lugares onde adoitan instalarse.

En youtube hai unha chea de tutoriais para construír trampas de diversos tipos, tamaños e custes. Seguindo o esquema recollido neste documento do Ministerio de Agricultura -que copia os deseños franceses e que ademais é o máis barato- o máis aconsellable é coller unha botella de plástico de litro e medio de capacidade e cortarlle a súa parte superior, que despois se volverá poñer invertida coma un funil sobre a abertura que queda.

É importante poñerlle algún tipo de cuberta a xeito de pequeno tellado que impida a entrada de auga da chuvia. Pero aínda é máis importante practicar polo menos tres buratos laterais que permitan a saída doutros insectos, dous deles de 1.5 mm. de diámetro preto do borde superior e, o terceiro, duns 25 mm. e forma trapezoidal, situado ao nivel do líquido atraente.

Como líquido valen as mesturas habituais que combinen unha parte alcólica e outra doce -vermú, cervexa, viño branco, zume de arandos, etc.- e, segundo o esquema do ministerio, ten que encherse polo menos un tercio do recipiente e ir enchoupado nunha esponxa para evitar que outros insectos morran por afogamento e facilitaralles que poidan marchar por algún dos tres furados laterais.

É altamente recomendable, por último, colocar os trallos preto de lugares onde o ano pasado se detectasen niños secundarios -os grandes que aparecen no bico das árbores- e tamén  ao carón de camelias e outros arbustos de flores rechamantes a unha altura duns 2 metros. O engado, sexa comercial ou sexa feito na casa, debe renovarse cada 10 ou 15 días.

Share.