Fantástico arranque dos alevíns do Aldebarán no campionato estatal de volei

0

O equipo alevín masculino do Club Voleibol Aldebarán está desde onte á noitiña en Valladolid para disputar o campionato de España da categoría. Nel participan 31 equipos de nenos e 32 de nenas de todo o estado. Os enfrontamentos da fase de grupos comezaron esta mañá e os cativos de aquí non puideron empezar con mellor man, derrotando ao CV Manacor no primeiro partido -24 a 26 e 20 a 25- e facendo o propio no encontro contra o Santo Domingo Voleibol Petrer, que rematou en 22/25 e 17/25. Ás 17.00h. mídense co Mintonette Almería AM e coa ansia de pasar á fase de mañá como cabeza do grupo B.

A expedición infantil e de pais e nais saiu onte á tarde con destino a Valladolid e coa tranquilidade que dá saber de antemán que non hai nada que perder e si moito que ganar. A participación do campionato é xa de por si un premio a unha temporada excepcional da canteira local, que hai escasas semanas se alzou en alevín coa liga Xogade da Coruña e conseguiu o 3º posto no campionato galego, ademais de acadar o campionato ligueiro feminino en infantil.

O equipo adestrado por Parga e Toñito Dopico saltou esta mañá á pista para enfrontarse ás 9.00h. aos baleares do Manacor, a quen lle ganaron por un apretado 24-26 no primeiro set e un algo máis folgado 20-25 no segundo, demostrando un xogo compenetrado e moi efectivo que non deu lugar a unha posible terceira rolda de desempate.

Ás 12.00h., segundo encontro, desta vez tendo diante aos alicantinos do Santo Domingo Voleibol Petrer. Xogo de novo resolutivo que tivo un primeiro set de tanteo con victoria para o Aldebarán e un segundo e definitivo marcado pola efectividade que deixou o marcador nun cómodo 17/25.

De momento foron só dous partidos, pero arrancar a competición ganándoos é, sen dúbida, unha impagable inxección de moral e confianza para cativos que nunca antes acudiran a un evento deste nivel. A seguinte cita téñena ás 17.00h. contra os representantes do Mintonette Almería, o club que o ano pasado lle arrebatou o campionato ao Boiro e que acaba de proclamarse campión andaluz.

Se o Aldebarán continúa en racha e facendo o xogo visto até agora, ten na súa man continuar o campionato como mellor do seu grupo, é dicir, sendo xa un dos 8 favoritos para loitar polo título. Porén, aínda quedan moitos partidos e será mañá cando teñamos que estar máis atentos aos cruzamentos, coa esperanza e a confianza en poder ver na final do domingo ao mediodía a  Adrián, Anxo, Duarte, Iván, Julio, Rubén, Samuel e Sergio.

 

Share.