Falemos de sexualidade e afecto coa rapazada, sen medo nin tabús

0

A sexualidade segue rodeada de certo secretismo na sociedade. Aínda que vivamos na era da comunicación e da apertura de mentes, o tema aínda non conseguiu deixar atrás a consideración de tabú que cadaquén garda para si. E iso que o afecto e a sexualidade son parte fundamental da vida e incluso condicionan como nos sentimos, a maneira  en que somos percibidos polo resto das persoas e tamén como percibimos nós a quen nos rodean. Arredor desta cuestión tamén seguen existindo moitos mitos, desigualdades e unha represión cultural e histórica que, por sorte, pouco a pouco van quedando atrás por medio da coeducación afectiva e sexual que se traballa nos centros escolares. En San Sadurniño, a área municipal de Igualdade colabora co CPI nese sentido ao longo do ano e precisamente durante estes días está ofrecéndolle á adolescencia incipiente de 2º e 3° da ESO varias sesións nas que se dialoga e se reflexiona sobre a afectividade, a sexualidade e as relacións interpersoais. O obxectivo final é que a mocidade interiorice a idea de que a información, a intelixencia emocional e o respecto son a base para unha sexualidade saudable e para o establecemento de relacións igualitarias.

As charlas están concibidas como un foro de diálogo no que se busca que as mozas e mozos se expresen libremente con axuda dunha monitora que lles aclara conceptos e que modera as intervencións. Trátase de falar abertamente de sexualidade e afectos tomando como punto de partida os temas propostos por Raquel Veiga, encargada de titorizar a actividade. Segundo ela mesma asegura, o eixo das sesións é “falar e tratar o tema da diversidade sexual para que todas as alumnas e alumnos se sintan identificados e coñezan esa realidade diversa que existe, e tamén entender a sexualidade como un concepto máis amplo do que ás veces entendemos”

Para a educadora, traballar con rapazada que está comezando a adolescencia é fundamental, xa que a esas idades é cando as emocións están máis a flor de pel e cando se producen cambios físicos e psíquicos nos que unha axuda externa nunca está de mais para afrontar esa transformación da infancia á pubertade. “Facemos moito fincapé en que a sexualidade é algo que abrangue desde que nacemos ata que morremos. Evolucionamos e hai unha serie de cambios nos que entra de maneira importante a autoestima, a autoaceptación, comprender como nos sentimos e como nos mostramos ás outras persoas, que ás veces non é como se espera ou como nos tratan”, explica Raquel Veiga referíndose ás diversas e diferentes maneiras de vivir a sexualidade e os afectos.

Veiga defende a función educativa deste tipo de charlas coas que, por un lado, a rapazada pode reflexionar e contrastar as súas actitudes e coñecementos acerca da sexualidade, a afectividade e as relacións humanas e, polo outro, incorporar novos coñecementos teóricos e prácticos que propiciarán unha reformulación dos conceptos e hábitos que xa posúen. “O importante é que os mozos e mozas dispoñan de información de calidade. Iso non vai afectar a como se sintan ou a que actúen dun modo determinado, senón que lles axudará a ser libres e a convivir de maneira plena e igualitaria”.

Entre os temas que se tratan está a dimensión biolóxica, psicolóxica e social da sexualidade humana; a afectividade e a expresión emocional; a diversidade sexual e as identidades de xénero; a anatomía sexual e as primeiras experiencias; a presión de grupo e a toma de decisións… pero tamén a saúde e seguridade sexual -riscos, ETS’s, embarazos non desexados, métodos anticonceptivos- e outras fontes de información e recursos sobre a cuestión que a rapazada e a mocidade teñen ao seu alcance.

Os obradoiros que se imparten en 2º e 3º da ESO forman parte da programación anual que a Concellaría de Igualdade lle facilita ao CPI de San Sadurniño, dentro dos eixos estratéxicos definidos nos sucesivos plans de igualdade de oportunidades entre mulleres e homes. Ademais, neste caso a actividade está financiada con cargo aos créditos recibidos da Secretaría de Estado de Igualdade do Ministerio da Presidencia, Relacións coas Cortes e Igualdade, no marco do Pacto de Estado en materia de violencia de xénero.

  logoministerio  logopacto

Share.