Fálame de San Sadurniño

Francisco Dorado Victorio (esquerda) nunha imaxe do lavadoiro do Albeiro tomada desde o ferrocarril (Fonte: Arquivo Municipal)Fálame de San Sadurniño é o resultado dunha convocatoria lanzada desde a Aula CeMIT para conmemorar o 17 de maio, día das Letras Galegas e tamén da Internet, no ano 2013. A idea era conxugar nun proxecto a defensa da lingua e da cultura xunto co uso das tecnoloxías da información e do coñecemento.

O proxecto non só pretende reflectir os tempos pasados de San Sadurniño, senón tamén o seu presente a través de imaxes, sons, vídeos ou documentos que nos falen do concello na actualidade, para convertérense nun espazo vivo e integral da memoria.

A web nútrese principalmente das colaboracións de todo tipo que fan as persoas participantes nos cursos ofrecidos pola Aula CeMIT, pero tamén das achegas de moitos veciños e veciñas que queren participar nesta reconstrución virtual do San Sadurniño de antano e de agora.

O proxecto está en constante evolución e crecemento.  Nel poden atoparse milleiros de documentos gráficos, sonoros e históricos perfectamente referenzados e estruturados segundo varias categorías: traballos, lecer, escolas, tecnoloxías, xentes, natureza, patrimonio, músicas, gastronomía, empresas, asociacións, deportes, iniciativas…. De feito, falamedesansadurnino.org é, xunto coa web municipal, o maior e mellor repositorio de contidos sobre o territorio, especialmente os referidos á historiografía. O profesor Manolo González é o seu maior contributor xa que leva a cabo desde os inicios de fálamedesansadurnino.org un intenso labor de investigación e de pescuda de todo tipo de referenzas, tanto dentro como fóra do municipio. Un labor que se traduce en ducias de artigos ilustrados con fotografías, videos e cortes sonoros, documentos descargables, partituras, músicas en mp3 que converten a experiencia de navegar pola web nun constante descubrimento do nos patrimonio inmaterial.

Chanfaina ‘Lab
IMG_5047A medio camiño entre o que supón falamedesansadurnino.org e o traballo que se desenvolve desde a Aula CeMIT, González -que foi Director da EIS da Coruña, da Axencia Galega do Audiovisual, ademais de produtor e investigador- impulsou en 2014 o proxecto de creación cinematográfica Chanfaina ‘Lab.

A idea é sinxela no plantexamento e sorprendente no resultado, tal e como se puido constatar nas dúas edicións celebradas ata o momento. Durante dous días realizadores e realizadoras galegas percorren San Sadurniño para produciren unha curtametraxe con tema libre. Non se lles pon máis condicionante que o de tentar reflectir a esencia do territorio valéndose da paisaxe, do patrimonio ou da xente. A primeira edición do Chanfaina ‘Lab -denominado así pola súa analoxía conceptual con este embutido preparado con distintas partes do cocho- alumbrou unha vintena de curtametraxes tan diversas como as miradas dos seus realizadores e realizadoras. Unha mirada por veces documental, por veces onírica e experimental en todos os casos.

O encontro vai pola súa sexta edición (2019-20). Se ben as curtas se gravan a comezos de setembro, o proceso de edición e posprodución adoita prolongarse durante o outono e parte do inverno, deixando as estreas para o comezo do ano seguinte. Todas as pezas realizadas sóbense despois á canle de youtube de Fálame de San Sadurniño, onde podes acceder tamén a unha ficha coa sinopse e referenzas biográficas á autoría.