Fabien tráenos ao recordo a forza do Klaus

0

O temporal do que estamos saíndo nestes momentos tráenos á memoria o ocorrido hai unha década coa cicloxénese Klaus, que deixou un monte de perdas en toda a zona entre desperfectos e días sen electricidade. Sen embargo, Fabien non foi tan explosivo coma el, aínda que si deixou picos de vento de superiores aos 170 Km/h. -rexistrados no parque eólico do Forgoselo- e, sobre todo, un zoar constante desde o mediodía de onte até ben entrada a madrugada de hoxe. En San Sadurniño os efectos máis reseñables foron as caídas de árbores que interromperon o tráfico en puntos concretos da rede viaria e tamén os cortes da subministración de electricidade, máis prolongados en Ferreira e Igrexafeita.

O primeiro sinal do temporal saltou na zona da Leiriña, en Ferreira de Arriba, cando unha árbore tirou abaixo o tendido de media tensión deixando sen luz a todos os domicilios abonados a Niebladis. Unha avaría grave que obrigou á empresa de mantemento da liña a traer dous grupos electróxenos, un para abastecer Ferreira de Abaixo desde a Seara e ou outro para atender as necesidades da parte de riba da parroquia desde o transformador da Leiriña. Con esta solución puídose restablecer a luz sobre as 17.00h., tres horas despois de que se fose.

Tamén en Ferreira, unha árbore de grande tamaño caeu deitada sobre a pista que vai desde A Camba até Moeche, deixando intransitable a vía mentres non foi retirada, a primeira hora da tarde. A caída de pólas esgazadas, de piñeiros e eucaliptos foi unha constante ao longo do día, á que se lle foi dando solución con persoal do servizo municipal de obras, con axuda veciñal e tamén con apoio de Tecnica Norte de Electricidad e Arcace, empresas que se encargan, respectivamente, do mantemento das liñas de Niebladis e Electra del Narahío.

Arestora hai que circular con precaución pola estrada provincial DP-7601 -a de Ferreira- posto que hai un eucalipto apoiado no gardarraíl preto xa de Igrexafeita e hai outros dous que ameazan con caer, situados na marxe esquerda en sentido San Sadurniño algo máis abaixo da Leiriña.

En Igrexafeita, a outra parroquia onde quedaron sen luz, o subministro interrompeuse a primeira hora da tarde. Non foi un corte súpeto, senón o dunha das fases da liña, de maneira que en moitos domicilios non funcionaban luces, fornos microondas ou frigoríficos pero, por exemplo, si os televisores ou a iluminación led. Foi así ata que, sobre as 21.00h., e por mor das tarefas de reparación, a parroquia quedou sen subministración. O servizo recuperouse hoxe pouco antes das dez da mañá.

Malia que xa non venta tanto coma a pasada noite, Fabien aínda segue entre nós e pode dar algún disgusto. Polo tanto, moita precaución.

Share.