Exposición pública do censo electoral

0

A disolución do Parlamento de Galicia e a convocatoria de eleccións para o próximo 25 de setembro obrigan a abrir un novo período de exposición do Censo Electoral, que poderá consultarse  entre o 8 e o 15 de agosto, ambos días incluídos. Porén, cómpre ter en conta que ao ser festivo o día 15, as consultas presenciais no Concello haberá que facelas antes das 13.00h. do sábado día 13, aínda que tamén é posible mirar os datos na web do INE se se dispón de certificado dixital.

As consulta e/ou modificación só pode solicitala  a persoa interesada e para iso deberá identificarse con algún dos seguintes documentos: DNI, pasaporte ou carné de conducir con fotografía. No caso de solicitar algún cambio nos seus datos censuais deberá cubrir  o impreso correspondente -que lle facilitarán no propio rexistro- e achegar unha copia do documento de identificación.

Para quen xa votase algunha vez o normal é que todos os datos estean ben a menos que cambiase de domicilio ou que aumentase o grao de formación desde a última convocatoria electoral. Porén, nunca está de máis comprobar que toda a información da que dispón o INE sexa a correcta. Algo que se recomenda especialmente para quen fixese recentemente os 18 anos e vaia votar por primeira vez o próximo mes de setembro. Para calquera dúbida relacionada co censo hai varios teléfonos de consulta: 981 217 439, 981 217 426 e o 901.101.900.

Os horarios de consulta/reclamación no Concello son os seguintes:
-Luns 8 a venres 12 de agosto: de 8.30 a 14.00h.
-Sábado 13 de agosto: de 9.00 a 13.00h.

Share.