Experimento meirego en San Sadurniño

0

Andrés Goteira e Suso López son, o primeiro como director e o segundo como produtor, responsables da desacougante e multipremiada “Dhogs”, película feita con catro pesos, como se adoita dicir, á que trala súa estrea a crítica lle aplicou cualificativos como “deslumbrante e provocativa” ou “impredicible”. Pola súa banda, o público dividiuse entre quen a encumou como unha obra mestra e quen saiu do cine cunha estomagada, repercusións ambas pretendidas polo director e tamén guionista que con esta a súa primeira longametraxe puxo patas arriba toda a tradición cinematográfica galega e confirmouse por dereito propio como un dos grandes valores do noso audiovisual. Goteira e López, cineastas nacidos os dous no concello lugués de Meira, estiveron na última edición do Chanfaina Lab para estamparen a súa sinatura nun novo experimento visual protagonizado neste caso por Ángeles Rodríguez -a Nena de García- e Erundina Díaz. Dúas mulleres que a cámara sitúa fóra do seu contexto para reivindicar en certo modo que o importante é a xente, non as etiquetas nin os lugares onde a sociedade quere poñer a cadaquén. A web falamedesansadurnino.org afonda na reseña da peza, titulada “Nena:Dina”

Andrés Goteira, (Meira, 1983), graduouse como enxeñeiro técnico de telecomunicacións pola Universidade de Vigo e como técnico de son na Escola de Imaxe e Son de A Coruña. Na súa etapa universitaria realizou varias curtas experimentais, que segundo el mesmo asegura “foi unha boa maneira de escapar dos algoritmos das telecomunicacións”. Despois fundou Gaitafilmes con Suso López (Meira, 1984). A súa primeira longametraxe,“Dhogs”, estreouse no Festival Internacional de Cine Independente de Buenos Aires (BAFICI) no 2017, competindo dentro da sección Vangarda e Xénero deste certame. Foi o primeiro filme rodado en galego que se estrea no festival de Sitges (2017). Gañou 13 das 17 candidaturas ás que optaba nos Premios Mestre Mateo 2017, converténdose no filme máis premiado da historia do audiovisual galego. Actualmente Suso e Andrés están a producir o documental “Welcome to ma maison” e seguen a actuar co seu grupo rock “Voladura”.

Suso e Andrés achegáronse ao Chanfaina Lab sen unha idea definida para a súa peza. O feito de vivir nunha pequena localidade e o seu contacto diario coa xente do rural, contaba ao seu favor. Durante o encontro de San Sadurniño presentaron o multipremiado “Dhogs” e Suso acreditou as súas dotes de actor en “Breixo” de Javier Seoane. As instalacións da Casa Outeiro serviranlle de inspiración: “A idea xurdiu do noso contacto coa xente maior do rural, que nos identifica moito e soubemos que en San Sadurniño é moi participativa; así que quixemos imaxinala en lugares onde non se acostuma a visualizar. A pista de tenis que había onde estabamos aloxados deunos o contrapunto e pareceunos boa idea, porque non hai ningún motivo para que a xente de calquera idade, especialmente a maior, que teña a sorte de poder permitirse gozar da vida e non o faga. Como así o fan Nena e Dina. Era unha forma de contribuír a romper eses tópicos. E visualizar un goce san, e que ninguén lle pida explicacións. Fano así, porque si, porque lles apetece.”

“Nena:Dina” é unha peza do tándem creativo de Meira, que bebe no ronsel surreal e multicapa que emana na aclamada “Dhogs”. As dúas protagonistas, Ángeles Rodríguez -a Nena de García- e Erundina Díaz son mulleres que loitaron dabondo ao longo da súa vida, mais están colocadas nun contexto que aparentemente non lle corresponde; a imaxe ten o arrecendo da irrealidade que impregna a pintura realista de Edward Hopper ou as piscinas de David Hockney. O relato das penurias da súa infancia contrasta visualmente coa cor luminosa da imaxe na cancha de tenis e a piscina, situando a peza entre a realidade e a ficción.

Por outra banda podemos anotar a referencia a unha das primeiras canchas de tenis en Galicia (1902) de Natividad Quindós, VII marquesa de San Sadurniño; Nena e Dina vivindo como as marquesas: “Nas nosas cabezas pensábamos noutros temas que, por unhas ou por outras, non chegaron a porto. Tiñamos ideas máis achegadas á ficción, que non chegaron a fluír. Aquela piscina e aquela pista de tenis chamou por nós, chamou por Nena e por Erundina. Quixemos unha sensación de desfrute, por riba de atopar unha historia, foi buscar a sensación de estar ben, sen importar a idade.” Unha curta elegante e singular, onde Andrés e Suso acreditan ter un universo propio, transformador da realidade máis inmediata, creadores de atmosferas visuais utilizando tan só materiais sinxelos que teñen diante dos ollos, mais dende un novo punto de vista que os modifica profundamente. Traballar con elementos case metafóricos para que cada espectador poida facer a súa propia interpretación do que está a ver na pantalla.

Share.