Éxito no arranque dunha nova etapa do “Tempos para compartir”

0

O programa “Tempos para compartir” comezou nova temporada este sábado falando de repostaría da man de Mónica Cibreiro, quen mostrou como darlles un aspecto máis gorentoso a tortas e pasteis. Ao encontro asistiron 16 persoas para aprenderen a técnica da buttercream ou, dito doutro xeito, da cobertura con crema de manteiga ou margarina. Cibreiro conta cunha longa experiencia na preparación de todo tipo de lambetadas e nesta ocasión explicou os segredos da manteiga azucrada como alternativa á pasta fondant ou á nata á hora de finalizar un pastel.

O obradoiro tivo lugar no local social do Camiño Arriba (Lamas) e é o terceiro que ofrece esta afeccionada aos doces dentro do programa impulsado polo departamento de Igualdade. A técnica buttercream  consiste en facer unha crema con base manteigosa á que se lle van engadindo azucre glas, auga e a substancia que faga as veces de colorante e saborizante, como poden ser o chocolate, a vainilla ou os amorodos.

Na repostaría é unha técnica que se coñece de vello, pero foi nos últimos tempos coa moda dos cupcakes (as madalenas de toda a vida, por moi exótica que sexa a denominación) cando se popularizou o seu uso como elemento de decoración culinaria. A diferenza da fondant -pasta de azucre con colorante-, a crema de manteiga admite máis matices de sabor e de textura e tamén formas máis caprichosas, tal e como mostrou Cibreiro este sábado elaborando presentacións entre as que destacou a dunha torta cuberta de rosas feitas a base de pulso e manga pasteleira.

Á procura de novos temas
O Tempos… é un espazo colaborativo no que unha ou varias persoas se ofrecen a ensinar todo tipo de coñecementos (cociña, artesanía, labores domésticos, afeccións, etc). As sesións desenvólvense sempre os primeiros sábados de mes entre outubro e xuño, procurando chegar cada mes a unha parroquia distinta. De feito, outro dos obxectivos do Tempos para compartir é fomentar o coñecemento entre veciños e veciñas do concello de cara a reforzar o seu tecido social.

Para participar nos obradoiros como docentes  só é necesario chamar ao 981 490 027 ext. 1. e propoñer un tema que se poida explicar en 2-3 horas como moito. É necesario tamén que o custo dos materiais sexa asumible polo Concello e, por suposto, que o obradoiro sexa o máis participativo posible. En calquera caso, o departamento de Igualdade está aberto a calquera proposta de cara aos próximos meses, xa que aínda quedan sábados por pechar.

Share.