Éxito da primeira xeoruta por San Sadurniño

0

Mirando ao val do Castro a lóxica empúrranos a pensar que foi o río quen moldeou a paisaxe traballando paseniñamente durante milleiros de anos. E si, o río algún choio fixo, pero non todo. É máis, o traballo gordo hai que atribuírllo aos movementos de formación da Terra ao longo de tanto tempo que mesmo é difícil facerse unha idea da súa duración. O xeólogo Francisco Canosa guiou este sábado unha ruta por unha pequena parte do río Castro e polo estremo máis oriental do Forgoselo para explicarlles a unha trintena de persoas por que esta zona é tan peculiar desde o punto de vista xeolóxico. O primeiro que contou foi, precisamente, que o río Castro non labrou o terreo, senón que a súa bacía percorre unha falla -unha fenda- formada onde se atopan o grande bloque granitoide que é o Forgoselo e un terreo de sedimentos procedentes do contorno de Gondwana, unha das partes en que se dividía o supercontinente Pangea hai 300 millóns de anos. Case nada.

A ruta xeolóxica polo Castro e o Forgoselo arrancou no castelo de Naraío, onde Canosa fixo unha contextualización didáctica sobre os periodos de tempo xeolóxicos e a súa analoxía cun calendario. Así, o nacemento da Terra -hai 4.600 millóns de anos- corresponderíase co mes de xaneiro, a aparición da vida primitiva en forma de algas microscópicas (3.600 millóns de anos) teríase producido a finais de marzo e os primeiros microorganismos celulares mariños non aparecerían ata novembro (hai 600 millóns de anos). O 12 de decembro os dinosauros poboarían o planeta e tan só quince días despois desaparecerían, segundo parece, por mor dun cataclismo producido pola caída dun grande meteorito.

A evolución continúa e o día 31 de decembro xorden os primeiros homínidos que empezan a andar ergueitos e a usar ferramentas rudimentarias. Ese mesmo día, dez minutos antes das badaladas de fin de ano, os homo sapiens pasan a ser a especie que domina a Terra e quince segundos antes do cambio de ano uns cantos sapiens europeos embarcan en Palos de la Frontera para cruzaren o Atlántico e chegar a América.

Feita esta contextualización cronolóxica, Canosa empezou explicando que a un lado e outro do río Castro existen dúas formacións xeolóxicas ben diferenzadas. Na ribeira sur destacan paredes rochosas de granito -observables desde o castelo de Naraío- pertencentes ás estribacións do grande bloque que forma a meseta do Forgoselo, mentres que na ribeira norte existe unha grande área de pizarras e sedimentos areosos procedentes dunha parte dese grande continente chamado Pangea que formaba un só bloque hai 300 millóns de anos. Un bloque de terra rodeado por un único océano que 100 millóns de anos despois empezou a fracturarse e separarse en anacos ata deixar a Terra cos continentes, os mares e os océanos que temos hoxe.

Nese proceso de movementos e constante erosión pola auga, o vento e outros fenómenos, na nosa zona xurdiu unha fenda que vai desde As Pontes ata Valdoviño facendo de límite xeolóxico entre o granito do Forgoselo e os materiais sedimentarios da banda norte do Castro. Un punto de encontro entre dous bloques tectónicos que debeu ser moi activo hai 65 millóns de anos e polo que a auga empezou a discorrer creando o val do río. Porén, a falla non é uniforme. Nos mapas xeolóxicos pode verse como a liña que vén dereitiña desde As Pontes torce 45º ao sur xusto onde se atopa o promontorio onde se atopa a fortaleza.

Segundo Francisco Canosa ese cambio de rumbo é o que orixinou as fervenzas que hai entre a presa da central e o lugar de Riolimpo. Nelas tamén se pode observar o fenómeno xeolóxico das pías, que veñen ser os ocos que se forman nas rochas por causa da acción da auga e de pequenas pedras cautivas dentro deles que actúan coma a pedra dun muíño. Na segunda parada da ruta, o xeólogo falou sobre esas pías que, andando o tempo, poden chegar a converterse no que a ciencia denomina “marmitas de xigante“.

Ao pé da fervenza situada trala central hidroeléctrica do Castro poden verse varios exemplos incipientes deste fenómeno e, canda eles, tamén o dos “bolos” ou grandes rochas de granito formadas a partir de bloques maiores que se fragmentaron no interior da terra e que quedaron rodeados de materiais máis brandos. En tan só uns metros de distancia hai dous exemplos dos distintos momentos dun bolo. No lateral norte da central eléctrica fíxose hai algún tempo un desmonte transversal do terreo que deixou ao descuberto  grandes rochas  que parecen estar aboiando entre arxila e grava. Ao outro lado do edificio aprézase un exemplo máis avanzado, con dous penedos -os bolos- xa desprovistos doutros materiais pousados sobre o terreo.

O fenómeno dos bolos aínda é máis visible na zona de Racamonde, no límite noroeste do Forgoselo. Alí a erosión do envoltorio das pedras graníticas deixou as rochas unhas enriba doutras formando as denominadas “pedras cabaleiras” que en moitos casos desafían as leis da gravidade. Francisco Canosa explicoulles ás 30 persoas que participaron na ruta como se crean estas figuras litolóxicas que adoitan presentar tamén pías e taffonis, formas menores das paisaxes graníticas que, a diferenza das pías dos ríos, se forman pola erosión da auga apozando e evacuando nun mesmo punto durante xeracións.

A ruta polo Forgoselo tamén se aproveitou para divisar outras formacións xeolóxicas asociadas ao Complexo do Cabo Ortegal que se estende polos concellos de Valdoviño, Cedeira, Cariño, Ortigueira, Cerdido, Moeche, San Sadurniño e As Somozas. O xeólogo detectou nesta área ata 52 lugares de interese polas súas formacións minerais e, entre eles, alomenos 5 cun interese xeolóxico internacional por tratarse de paisaxes que só se poden observar nesta parte do planeta. O complexo é unha área de incalculable valor científico para a que agora se intenta reclamar a cualificación como Parque Xeolóxico por parte da UNESCO. Unha denominación que non implica limitacións en canto aos usos do chan e coa que se busca potenciar o desenvolvemento turístico e económico da comarca en base ao coñecemento do patrimonio litolóxico.

Francisco Canosa e a Asociación de Amigos do parque xeolóxico do Cabo Ortegal -formada por entidades e persoas a título individual- iniciaron en 2015 un proceso de divulgación no que se implicaron todos os concellos do complexo agás As Somozas. O seu obxectivo é darlle o impulso definitivo a unha candidatura que, de saír adiante, suporía a creación do primeiro e único xeoparque do noroeste peninsular.

Inicio da ruta no castelo

Picture 1 of 15

 

 

Share.