Eva Camba expón “Vestixios” na Casa do Concello

0

A fotógrafa Eva Camba enfoca espazos abandonados que ela enche con figuras humanas en movemento, provocando na mirada a sensación de que os lugares volven cobrar unha vida perdida. A mostra que pode visitarse até o 10 de maio na Casa do Concello está composta por sete fotografías de gran formato e cunha textura case pictórica que reflicte enstancias baleiras onde a luz natural desempeña un papel principal. As instantáneas reforzan a idea do tempo detido, da decadencia dos sitios retratados, que Camba muda introducindo a presenza de persoas desdebuxadas, difuminadas na definición da escena pola longa exposición da cámara.

A autora describe “Vestixios” como un diálogo sobre  “o rastro do pasado habitado”, construído a partir de imaxes “nas que as protagonistas son entes en movemento procedentes dun mundo onírico”. Afondando no significado da colección, Camba apunta a que o seu obxectivo é “representar a saudade dun pasado vivo que, no estado actual de decadencia de cada espazo, trae ao presente os ecos dunha existencia anterior”. “É a través desta saudade -prosegue a a fotógrafa- cando se fan evidentes as pegadas das antigas habitantes, adquirindo unha forma borrosa e atemporal entre as paredes que unha vez tiveron vida. Mergúllanos nun encontro entre os espazos e as súas propias lembranzas, facéndonos testemuñas privilexiadas do enfrontamento entre lembranza e esquecemento”.

Para lograr transmitir esas sensacións, Eva Camba optou pola  técnica da longa exposición, que esixe manter a cámara totalmente fixa e co obturador aberto durante varios segundos, de maneira que os obxectos estáticos -paredes, mobles e outros obxectos da escena- aparecen inmóbiles e ben definidos, mentres que as figuras humanas van deixando o seu rastro na instantánea.

A fotografía de longa exposición entraña grande dificultade. Non abonda con poñer a cámara nun trípode, senón que tamén fai falla medir moi ben a luz para calcular o tempo de exposición da imaxe e, neste caso, ter moi claro o equilibrio compositivo dun encadre no que entra en xogo unha figura humana que non está queda. Este último elemento fai da toma final un reto aínda maior, posto que, efectivamente, a figura ten que saír movida, pero ao mesmo tempo ser identificable e acoplarse perfectamente ao significado que se quere transmitir coa foto.

Eva Camba formouse na escola de artes e oficios Mestre Mateo de Santiago e complementou os seus estudos iniciais na EFTI de Madrid e na Universidade Miguel Hernández de Elxe. Tras participar en mostras colectivas, “Vestixios” é a súa primeira exposición individual e un exemplo da súa filosofía artística: “levo indagando na fotografía, emocionándome e vivíndoa dende sempre, intentando convertila no meu modo de expresión artística e forma de vida”.

A colección pode visitarse ata o 10 de maio na galería do Concello cos horarios habituais: de luns a venres de 8.30 a 14.30h.

Share.