Este venres tes unha nova oportunidade de compartir vida

0

Para atender as necesidades da sanidade galega fan falla unhas 500 doazóns de sangue diarias. A nova Axencia de Doazón de Sangue e Órganos de Galicia ten varias unidades móbiles percorrendo o país para facilitar a doazón de compoñentes sanguíneos, un acto altruísta que axuda a salvar vidas. Unha desas unidades estará o venres en San Sadurniño entre as 16.00 e as 21.00h. na praza do antigo Concello. A doazón de sangue é un acto seguro, sinxelo, cómodo e necesario para que moitas persoas poidan solucionar o seu problema de saúde e mesmo salvar a vida.

Os homes poden doar un máximo de 4 veces ao ano e as mulleres 3, deixando pasar entre cada doazón un mínimo de 2 meses. Ademais destas tamén hai que cumprir outras condicións, como son a de ter unha saúde normal, pesar máis de 50 quilos e andar nunha idade comprendida entre os 18 e os 65 anos, aínda que se somos maiores dese tope tamén podemos doar con autorización médica.

Estas normas son xerais e complétanse con outras nas que se recollen as excepcións que limitan a posibilidade de doar con carácter temporal ou permanente: se se padecen ou padeceron enfermidades transmisibles polo sangue, se fixemos unha tatuaxe ou un piercing hai pouco… mesmo está establecida a prohibición de doar para  persoas que xunten un ano de permanencia no Reino Unido entre o 1980 e o 1996. Esas excepcións poden

Por este motivo é importante que a persoa doadora achegue toda a información posible sobre os seus antecedentes e sobre o seu estado de saúde, xa que o sangue doado vai destinado a axudar a recuperación de  doentes. Con todo, o persoal sanitario das unidades móbiles sempre fai unha comprobación previa de que esteamos ben e todas as extraccións son analizadas antes de incorporarse aos bancos do sistema público de saúde.

Ah, tamén é importante saber que non se pode doar inmediatamente despois de xantar, senón que debemos agardar polo menos dúas horas. Por último, é obrigado levar o DNI e informar ao persoal médico da unidade móbil se estamos tomando algún medicamento.

En caso de que calquera persoa teña algunha dúbida sobre se pode ser doante ou non, pode consultar co persoal das unidades móbiles ou nos locais de doazón (o máis próximo está no CHUF Arquitecto Marcide-Novoa Santos). Tamén pode chamar ao teléfono gratuíto 900 100 828, das 8.00 ás 22.00 dende teléfonos fixos e móbiles. Outro medio de consulta é a web da ADOS, onde se recolle grande cantidade de información sobre a doazón.

A unidade móbil do CTG fará as extraccións en San Sadurniño o venres 6 de outubro onde sempre, na praza do Convento do Rosario -diante do posto da Garda Civil-, entre as 16.00 e as 21.00 h.

 

 

 

Share.