Este venres é o último día para participar en “Pegadas dun pasado”

0

O mércores que vén é o día o Día Mundial da Fotografía. Unha data que en San Sadurniño se vai celebrar co proxecto “Pegadas dun pasado”, que convida á rapazada e mocidade a comparar fotos antigas de calquera recuncho do territorio con outras actuais para ver como pasou o tempo no noso concello.  As dúas imaxes, a vella e a de hoxe, haberá que imprimilas e pegalas nun cartón-pluma en tamaño A3 que logo se terá que entregar na Casa da Cultura para compoñer unha exposición que se inaugurará o propio 19 de agosto. Só por participar na iniciativa entrarase no sorteo de dúas cámaras réflex. Porén, para entrar na exposición e no sorteo hai que apurar, posto que o último día para entregar as composicións é este venres 14 de agosto ás 14.00h.

Se aínda non o fixeron, a rapazada desde os 7 até os 18 anos ten entre hoxe e mañá pola mañá  para buscar pola casa fotos antigas de edificacións, paisaxes e elementos patrimoniais do noso municipio para despois tentar reproducir esas mesmas imaxes no momento actual, coa finalidade de comparar como cambiou San Sadurniño a través do tempo.

Hai que elixir unha foto vella en branco e negro e escaneala. Despois deberase sacar unha foto de hoxe en día do mesmo sitio e co mesmo encadre, utilizando para iso o móbil ou unha cámara. Por último, haberá que imprimir ambas imaxes cun tamaño 15×20 centímetros ou 20×25 e pegalas unha ao lado da outra sobre un cartón pluma en tamaño A3, coidando, preferiblemente, que a foto máis antiga vaia á esquerda e a nova á dereita.

As composicións resultantes teñen que entregarse na Casa da Cultura antes das 14.00h. deste venres 14 de agosto acompañadas dun sobre cos datos da persoa participante, a data de nacemento, un número de contacto e unha descrición da foto con indicación do lugar en que foi tomada, ademais da data aproximada da foto antiga. Tamén deberán achegar unha autorización materna/paterna para participar e unha autorización para publicitar as imaxes e, se se dispón do dato, información sobre quen é o autor ou autora da imaxe antiga.

Todos os paneis recibidos formarán parte da exposición que se inaugurará o 19 de agosto -Día Internacional da Fotografía- ás 19.00h. na Casa do Concello. Entre todas as persoas participantes sortearanse dúas cámaras réflex e tamén se entregarán accésits.

Bases de participación
Autorización publicación foto
Autorización menores

Share.