Este sábado volven os xogos tradicionais á Cortiña

0

A finca da Cortiña, ao pé do río Xubia, será este sábado desde as 16.30 até as 19.00h. un circuíto de carrilanas, cancha de brilé, escenario de apaixoantes carreiras de sacos… e así ata xuntar once xogos e divertimentos de toda a vida, hoxe case esquecidos entre tanto móbil e táblet. Falamos da III Parada familiar de Xogos tradicionais, unha actividade de balde dirixida principalmente á infancia, pero tamén a papás e mamás e a avós e avoas.  Está organizada polo CPI de San Sadurniño coa colaboración do Concello, da Asociación Veciñal Castelo de Narahío, da ANPA do colexio e de Brinquedia Rede Galega do Xogo Tradicional.

O obxectivo da parada é ofrecer un espazo e un tempo de lecer compartido por toda a comunidade educativa -alumnado, mestrado e familias- empregando como eixo vertebrador o xogo tradicional, ademais de promover e poñer en valor os pasatempos de antano a través da práctica interxeracional.

Na nota que nos fai chegar o centro de ensino destácase que a actividade non se atopa pechada aos membros da comunidade educativa do CPI San Sadurniño, senón que calquera persoa interesada en participar  “pode achegarse a desfrutar dos diferentes xogos que se van practicar”.

En total preparáronse once propostas: a ra, os tirapedras -con garavanzos como munición-, as carrilanas, saltar á corda, o brilé, os tres pés, o aro, as bólas, carreira de sacos, a billarda e o pano. Ademais tamén haberá un obradoiro de enredos no que se construirán pequenos xoguetes flotantes ou que funcionan coa forza da auga que despois se probarán no río.

Ao remate, entre as persoas asistentes que se inscriban ao longo da xornada, procederase a sortear camisetas conmemorativas do evento. Pódese atopar toda a información da actividade no seu blog: http://paradaxxttsansa.blogspot.com

Share.