Este sábado toca pleno ordinario

0

O pleno ordinario do mes de xullo adiouse unha semana por mor da coincidencia en ponte de festivo local, de maneira que a sesión se celebrará este sábado, día 9. A orde do día está composta por oito asuntos, entre os que destaca a toma de posesión da concelleira do Partido Popular María Belén Trigo Meizoso, a determinación dos festivos en San Sadurniño no 2017, a modificación da ordenanza que regula as taxas pola expedición de documentos e dúas cuestións de carácter institucional, dunha banda a declaración en apoio da plataforma de vítimas do accidente de tren en Angrois -ocorrido vai facer agora tres anos- e, doutra, unha moción presentada pola vía ordinaria polo BNG a prol dos dereitos das persoas homosexuais, transexuais, bisexuais e intersexuais. O pleno comezará ás 11.30h. e, ao ser ordinario, incorporará o apartado final de rogos e preguntas.

A toma de posesión de María Belén Trigo producirase trala aprobación da acta da sesión anterior. Trigo, que ía de número 4 nas listas do PP ás municipais de 2015, accede ao salón de plenos despois de que o número 2 dos populares, Andrés Fernández Graña, presentase a súa renuncia o pasado mes de abril.

Unha vez que a nova concelleira xure ou prometa o seu cargo xa poderá participar con voz e voto nunha sesión que, continuará co punto da exposición de acordos e resolucións adoptados pola alcaldía desde o último pleno e, posteriormente, coa votación dos festivos locais de 2017: o 28 de febreiro, Martes de Entroido, e o 3 de xullo, Santa Sabela, que volve ser un luns.

No tocante a asuntos de xestión administrativa, o pleno debaterá a proposta de modificación da ordenanza fiscal nº 8, reguladora da taxa pola expedición de documentos. A modificación vén motivada, principalmente, pola habilitación do Concello como Punto de Información Catastral e, neste sentido, recóllense os prezos de distintas xestións que se poden facer xa no rexistro municipal, como as consultas con copia de planos, as certificacións ou as modificacións de titulariedades catastrais. Porén, a proposta tamén incorpora as taxas de novos procedementos que non figuran na ordenanza en vigor a día de hoxe. Entre eles os dereitos de exame para procesos selectivos, a tramitación de contratos administrativos ou mesmo a realización de fotocopias a cor.

No punto número 6 da orde do día, a corporación abordará a declaración de apoio á plataforma de vítimas do Alvia 04155 accidentado en Santiago de Compostela o 24 de xullo de 2013. O texto que se someterá á votación plenaria reflicte o “apoio expreso” á plataforma, que o Concello reciba á entidade para coñecer máis en detalle as súas reivindicacións, e, por último, instar ao Goberno do Estado a que se cree unha comisión de investigación técnica e independente sobre o accidente xunto con outra de carácter parlamentario que indague as posibles responsabilidades políticas.

O seguinte asunto plenario tamén tentará recabar un posicionamento común dos tres grupos políticos, aínda que neste caso ao respecto do “rexeitamento de calquera tipo de violencia ou discriminación por motivo sexual e en defensa da diversidade e liberdade sexual das persoas”. Trátase dunha moción que defenderá o BNG reivindicando a igualdade de dereitos para as persoas homosexuais, bisexuais, transexuais e intersexuais que redunda na lei aprobada en 2014 polo Parlamento galego. A moción nacionalista insta á Xunta a que “se acometa a plena aplicación e desenvolvemento” desta lei, manifestando ademais o compromiso de San Sadurniño coa normalización da diversidade sexual.

Share.