Este mércores remata o prazo para solicitar as axudas do PEL da Deputación da Coruña

0

As empresas e persoas autónomas dos concellos da provincia da Coruña de menos de 20.000 habitantes poden solicitar ata este mércores 11 de maio as axudas do Plan de Emprego Local da Deputación. A convocatoria conta con catro liñas: unha para investimentos, outra para financiar as novas altas de persoas autónomas, unha terceira para a ampliación do cadro de persoal e, a cuarta, para afianzar contratos de persoal que se fixesen en anos anteriores con axuda provincial.  A presentación de solicitudes ha de facerse a través da plataforma Subtel e as distintas liñas son compatibles entre si, pero non coas doutras Administracións co mesmo obxecto.

Para acollerse ao PEL Emprende Investimento será obrigatorio ter unha antigüidade máxima da actividade de 5 anos. Neste apartado financiaranse aplicacións informáticas, maquinaria, mobiliario e equipos de tratamento da información (ordenadores, servidores, etc.), que en todo caso han de ser totalmente novos. Non entrarían os mantementos, os portes, as reparacións, obras, reformas, reparacións, cubertas, carpas, alugamentos, rotulacións, instalacións técnicas (climatización, iluminación, telefónicas…), páxinas web, hosting, dominios, mantementos das aplicacións informáticas, subscricións anuais, canons, elementos de transporte, o material funxible para a realización da actividade, artigos de decoración, televisores, iluminación, aparellos de climatización, os sistemas de seguridade, telefonía, teléfonos móbiles ou enrutadores.

A axuda poderá chegar até os 17.500 euros, é dicir, o 70% do gasto máximo -25.000 euros- para o que se solicite. Como norma xeral, eses investimentos haberá que efectualos entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro deste ano.

No caso do PEL Autonom@s tamén fará falla ter unha antigüidade máxima e ininterrompida na actividade de 5 anos. A axuda consistirá nun pagamento de 200 euros mensuais durante todo este ano para financiar os custes da Seguridade Social. Neste sentido a achega máxima será de 2.400 euros, aínda que tamén so pode solictar para 6 meses (1.200 euros) e incluso unha axuda variable superior ás cotas de 6 meses e inferior á de 12. O único requisito é manter a actividade durante todo este ano. A xustificación poderá presentarse até o 31 de marzo do ano que vén.

PEL Creación e Ampliación ten unha finalidade parecida, só que está orientado a aquelas persoas autónomas, pemes e microempresas que contraten unha única persoa desempregada, aínda que cumprindo varias condicións: non pode ser un traballador ou traballadora que xa formase parte da empresa ou que prestase servizos nela nos 6 meses anteriores, tampouco pode ser unha persoa que finalizase un contrato indefinido noutra empresa nos tres meses anteriores, nin tampouco se poderá contratar o/a cónxuxe, un fillo ou filla, o pai ou a nai… ou calquera outra persoa coa que se teña parentesco ata o segundo grao.

O que se financiarán serán os custes de salarios e seguridade social dos contratos efectuados durante este ano (mínimo 6 meses), aínda que o tope que se poderá percibir será de 15.000 euros para contratacións a xornada completa (40h semanais). Se a contratación se fai a tempo parcial, a cantidade reducirase proporcionalmente. A xustificación haberá que presentala o 28 de febreiro de 2023 como moi tarde.

O PEL Mantemento relaciónase co PEL Creación e Ampliación do ano pasado, xa que o seu obxectivo é consolidar as contratacións que se fixesen dentro dese programa en 2021 e que se convertesen en indefinidas (é requisito imprescindible para solicitalo en 2022). Tamén se financiarán os custes salariais e da seguridade social durante un ano, coa diferenza de que neste caso a axuda só será do 50%, cun máximo solicitable e percibible de 11.000 euros, calculados para un contrato de 40 horas semanais. Se a xornada é inferior, tamén o será proporcionalmente a axuda, que poderá xustificarse até o 31 de xaneiro do 2024.

Para obter máis información pode acudirse á web https://emprego.dacoruna.gal/axudas ou, se se quere, contactar co Técnico de Desenvolvemento local no 981 490 027. As solicitudes e a xustificación deben tramitarse de maneira telemática a través da plataforma SUBTEL. Para entrar no aplicativo chega con dar de alta un nome de usuario e un contrasinal, pero para presentar e asinar a documentación cómpre dispor dun certificado electrónico. En calquera caso, o último día de prazo para solicitar calquera destas catro liñas é este mércores 11 de maio ás 14:00h.

Share.