Este mércores finaliza o prazo de solicitude da “Aldea de Verán” para agosto

0

A área de Igualdade ten aberto ata as 14.30h. deste mércores 8 de xullo o prazo de preinscrición na  “Aldea de Verán” para as dúas quendas do mes de agosto, que se desenvolverán entre o 3 e o 14 e entre o 17 e o 31. Para cada unha delas ofértanse  entre 18 e 20 crianzas que, á súa vez se dividirán en tres grupos de idades. Na admisión daráselle preferencia ás familias de San Sadurniño, aínda que na primeira asignación de prazas será obrigatorio que ambos proxenitores estean traballando ou formándose para o emprego. Se quedasen vacantes facilitaríaselle o acceso a familias nas que só o pai ou a nai estea traballando. Ademais será obrigatorio que haxa polo menos 7 nenas ou nenos inscritos en cada unha das quincenas e que un mínimo de 5 sexan de San Sadurniño.

O programa de conciliación vai dirixido a familias con rapazada de idades comprendidas entre os 3 e os 12 anos, é dicir, que no curso 2019/20 estivesen cursando o 2º ciclo de Educación Infantil ou Educación Primaria.

Con carácter xeral daráselle prioridade a familias monoparentais e a aquelas nas que tanto a nai como o pai estean traballando ou participando en formación para o emprego, algo que se deberá acreditar xa no momento de facer a preinscrición. A partir de aí márcanse outras condicións que garantirán preferencia no acceso ás prazas dispoñibles, segundo a orde de entrada das solicitudes no rexistro municipal:

  1. Que a unidade familiar -nai ou pai- estea empadroada en San Sadurniño

  2. Familias con algún membro -avoa ou avó- empadroado no concello

  3. Familias en que algún proxenitor teña vinculación laboral co municipio

  4. Familias empadroadas noutros concellos pero que teñan as crianzas matriculadas no CPI de San Sadurniño

Se quedasen prazas dispoñibles poderían acceder a elas familias nas que só estea traballando ou formándose un dos proxenitores e, en calquera caso, adxudicaríanse seguindo as mesmas condicións de prioridade: ser de San Sadurniño, avoas ou avós de aquí e vinculación laboral ou rapazada matriculada no centro escolar local. En todo caso reservaranse 3 prazas para circunstancias de emerxencia social ou derivacións dos Servizos Sociais.

A aldea estará estruturada este ano en tres quincenas, unha do 20 ao 31 de xullo -cuxo prazo de solicitude xa finalizou-, outra do 3 ao 14 de agosto e, a última, entre o 17 e o 31 de agosto. Desenvolverase entre as 9 e as 14.00h. de luns a venres e coa cativería repartida nun máximo de tres grupos de idades. As entradas e saídas organizaranse cunha marxe de 30 minutos para adaptarse ás necesidades de conciliación e tamén para garantir o distanciamento social entre as familias.

Iso si, para levar adiante cada unha das quincenas -para as que se ofertan entre 18 e 20 prazas-, será necesario que se reciban un mínimo de 7 solicitudes, das que polo menos 5 han de ser de familias empadroadas en San Sadurniño.

Custe e prazo de solicitude
O prezo do programa terá os seguintes importes por quincena:

1º Membro da unidade familiar
40 €
2º Membro da unidade familiar
25 €
3º Membro da unidade familiar
12 €

As familias deberán tramitar a preinscrición  para as quendas do mes de agosto antes das 14.30h. deste mércores 8 de xullo.  As admisións faranse públicas o 10 de xullo. A folla de solicitude e a folla de declaración responsable da COVID-19 haberá que rexistralas preferentemente  por vía telemática a través da Sede Electrónica municipal ou presencialmente, solicitando cita previa no teléfono 981 490 027.

As cotas de participación deberán pagarse na conta do Concello unha vez que se confirme a obtención de praza. Os xustificantes de pago deberán ser individuais -aínda que haxa dous ou máis irmáns matriculados- e no concepto haberá que indicar “Aldea de Verán 2020” xunto co nome da nena ou neno participante e a quenda na que se vaia facer a matrícula.

Despois de efectuar o pagamento poderán presentarse os papeis de matriculación que terán que rexistrarse -tamén pola Sede Electrónica ou presencialmente con cita previa-  entre o 16 e o 23 de xullo para as quendas de agosto.  Antes do inicio dos obradoiros haberá dúas xuntanzas informativas cos pais e nais, unha o 30 de xullo e outra o 13 de agosto.

A “Aldea de Verán 2020” está cofinanciada pola Deputación da Coruña con cargo aos fondos extraordinarios liberados para paliar os efectos da crise sanitaria.

Documentación descargable:
Descrición do programa (recoméndase ler o documento con detemento)
Folla de preinscrición en .DOCX e en .PDF
Ficha de declaración responsable en .DOCX e en .PDF

Share.