Este martes remata o prazo de reserva de expositores para a Feira Rural

0

A leira da Cortiña, ao pé do paseo fluvial do Xubia, acollerá o sábado a XII Feira Rural de San Sadurniño. O evento adopta este ano un formato algo máis reducido e adaptado á situación sanitaria que, porén, non desmerecerá a súa filosofía de punto de encontro para todo o relacionado co sector primario e escaparate do seu potencial de desenvolvemento sostible. O programa comezará ás 10 da mañá e prolongarase até pasadas as 20:00h cunha chea de propostas, entre as que destacan a exposición e concurso de froita, as visitas guiadas á horta de conservación Carlos Fornos -cun obradoiro de poda e outro de enxertado- e o mercado de produtos da terra, artesanía e artigos de segunda man. As persoas que queiran instalar o seu posto teñen ata as 14:00h. deste martes 24 de agosto para presentaren as súas solicitudes no rexistro do Concello ou na Sede Electrónica.

Un dos principais cambios con respecto á edición do 2019 é que se reduce o tamaño da carpa, onde só estarán a exposición do concurso da froita e os postos da AGFA do Eume e da asociación Casa do Mel, como entidades colaboradoras co Concello na organización da feira que, ademais, van encargarse das visitas guiadas.

Pola horta de conservación  Carlos Fornos haberá un percorrido ás 11:30h cun pequeno obradoiro de enxertado e outro ás 17:30h con instrucións sobre unha correcta poda de verán. Polo colmear didáctico tamén se desenvolverán outros dous paseos -ás 12:30 e ás 17:30h- con comentarios sobre os coidados e protección das abellas ante distintas pragas e enfermidades. Para estas visitas fai falla inscrición previa antes das 14:00h. do xoves chamando ao 616 332 919. En cada unha delas ofértanse 10 prazas e a participación é gratuíta.

Mentres, no campón do arboreto e nos sendeiros da Cortiña, haberá posibilidade de conseguir todo tipo de produtos: horta, froita, queixos, pan, conservas, chacinas…. pero tamén planta, flor, maquinaria e ferramentas, manufacturas artesanais e artigos de segunda man. A instalación dos postos rexerase polo regulamento publicado, onde figuran os tramos que se poden ocupar e tamén os prezos por metro liñal (a instalación de entidades sen fins de lucro é gratuíta).

Así, entre 10 e 20 metros liñais serán 25€, entre 5 e 10 metros 10 euros e os de ata 5 metros de fronte terán que satisfacer unha cota de 5 euros. Estas cantidades deberán satisfacerse ao longo desta semana, ben presencialmente na Casa da Cultura -con pagamento por TPV- ou mediante ingreso ou transferencia bancaria na conta do Concello ES74/2080/0208/0131/1000/0059. Tamén será necesario rexistrar presencialmente ou na Sede Electrónica a correspondente folla de solicitude, que inclúe as normas de participación. O trámite ha de facerse antes das 14:00h. deste martes. O listado de postos publicarase o mércores.

Outro dos alicientes da feira será a mostra e o concurso de froita autóctona organizado en colaboración coa AGFA do Eume para premiar os mellores lotes recollidos na comarca. As inscricións no certame poden facerse o mesmo sábado entre as 10:30 e as 11:30h. É obrigatorio que cada lote estea composto por unha mesma variedade de froita tradicional das zonas do Eume, Ferrol, Ortegal e Betanzos, e cun peso mínimo de 2 Kg. Os cestillos estarán expostos ata a entrega dos premios, ás 13:30h, consistentes en tres vales de 75€ canxeables no comercio local. Os  gañadores sortearanse canda outros produtos ás 19:45h.

Como actividade paralela cómpre destacar o XIV Monográfico da Raza Can de Palleiro, que inclúe unha exposición de exemplares durante toda a xornada e un concurso morfolóxico que comezará ás 16:30h coa verificación veterinaria de cada animal. A participación no concurso é gratuíta, pero será obrigatorio cursar a solicitude a través do correo candepalleiro@candepalleiro.com  ou do whatsapp (só whatsapp) 604 074 618 antes das doce da noite do 24 de agosto.

Tamén asistirá á feira o Mago Antón, quen ofrecerá sete pases gratuítos ao longo do día do seu espectáculo “A volta a Galiza en 313 concellos”. As actuacións están previstas para as 11:00h, 12:15h, 13:30h, 16:00h, 17:15h, 18:30h e 20:00h. As reservas deben facerse tamén o propio sábado no lugar da actuación.

Durante a xornada animará a feira a AC Berros do Castro, tamén acudirán a asociación Os Picos do Sol coas súas cociñas e argalladas solares e asistirá a cooperativa galega Nosa Enerxía, comercializadora de enerxía verde da que o Concello é socio.

Haberá posto para xantar polbo e churrasco e, se alguén opta polos restaurantes da zona aconséllase ir reservando xa, sobre todo no Mesón A Granxa e no Muíño do Pepe, os máis próximos ao recinto. Outras posibilidades son o Mesón O Ferrador, Parrillada Riboira (en Lamas), Os Cazadores (Santa Mariña do Monte)- e Casa Casal (Igrexafeita). Tamén se pode vir de merenda e aproveitar algún dos recunchos que ofrecen o paseo fluvial. Por esta opción tirarán varias persoas pertencentes a distintos colectivos ambientais e sociais da zona, que aproveitarán a cita para protestaren dun xeito lúdico contra o despregamento eólico masivo que se pretende facer na comarca.

Consulta aquí o programa completo.

 

 

Share.