Este luns 19 de setembro remata o prazo de solicitude das bolsas escolares

0

O próximo luns, 19 de setembro, vence o prazo para solicitar as axudas do Concello destinadas a colaborar coas familias nos gastos por razóns de estudo das súas fillas e fillos no curso 2022/2023.  Neste sentido, as bolsas poden solicitarse para rapazada que estea cursando estudos obrigatorios e posobrigatorios, ademais de reservar unha partida para o ciclo de 2º de Educación Infantil. Os importes e os criterios para acceder ás bolsas son os mesmos que o ano pasado, coa diferencia de que neste aumentan os umbrais de renda e, polo tanto, serán máis as familias que poderán percibir as axudas. O importe total para distribuír ascende a 25.000 euros. A solicitude pode facerse presencialmente ou por vía electrónica. Cómpre ter en conta, iso si, que para acollerse ás axudas para estudos obrigatorios será necesario presentar a certificación conforme o alumno ou alumna é perceptor do cheque da Xunta para material escolar. Ese certificado hai que solicitalo na secretaría do CPI ou no correo cpi.sansadurnino@edu.xunta.gal.

A distribución dos 25.000 euros cos que conta a partida xeral para bolsas de axuda ao estudo prevese da seguinte maneira: 10.750 para estudos obrigatorios, outros 10.750 euros para postobrigatorios, 1.500€ para 2º Ciclo de Educación Infantil (ao que só o Concello lle outorga axudas) e 2.000 euros de reserva para atender posibles situacións socioeconómicas especiais.

As contías máximas por solicitude das axudas son as mesmas que o ano pasado: ata 100 euros para 2º de Educación Infantil, 200 euros de tope por alumno/a en estudos obrigatorios e ata 800 no caso daquela mocidade que estea cursando estudos postobrigatorios (universitarios, ciclos, etc.).

O principal cambio é a ampliación dos umbrais de renda da unidade familiar, que pasan dos 9.000 aos 12.000 euros no caso de 2º de Educación Infantil e de 18.000 a 25.000 euros nas bolsas de estudos postobrigatorios.

Igual que na anterior convocatoria, a achega para a formación obrigatoria seguirá vinculada co cheque para material que outorga a Xunta, de maneira que non está suxeita a xustificación perante o Concello de niveis de renda. Dito doutro modo, para obter a bolsa municipal de ata 200 euros (a contía final dependerá do número de solicitudes) abondará con presentar a documentación esixida nas bases acompañada da certificación expedida polo CPI conforme a nena ou neno é beneficiario do cheque autonómico. A certificación hai que solicitala presencialmente no propio centro ou enviando un correo a cpi.sansadurnino@edu.xunta.gal.

As bases da convocatoria e as follas de solicitude están dispoñibles na Sede Electrónica para facer o trámite en liña ata as 23:59h deste luns 19 de setembro. Tamén se poden descargar nas ligazóns que hai ao pé desta nova, cubrilas e presentalas presencialmente no Concello o propio luns pola mañá ou por calquera das outras vías admitidas na normativa de relación coas Administracións públicas.

Este é o segundo ano en que o Concello fai coincidir o prazo de solicitude co do inicio do ano académico, na liña de que as axudas poidan resolverse e estar ingresadas no primeiro trimestre do curso, coincidindo co intre en que as familias deben facer un maior esforzo económico.

Documentación descargable:
Bases
Anexo I
Anexo II
Anexo III

Share.