Este luns reanudarase a busca do veciño desaparecido en Igrexafeita

0

A busca de Ramiro Vega Díaz -o ancián de Igrexafeita que falta da casa desde o mediodía deste domingo- reanudarase este luns ás 07.30h. partindo do lugar da Casatellada, onde reside coa súa dona. O dispositivo de rastrexo detívose coa chegada da noite, despois de percorrer durante horas os montes e campos circundantes que frecuentaba habitualmente mantendo o seu gando e facendo outros labores. Máis de 50 persoas entre os equipos de Protección Civil de Narón e Pontedeume, a Garda Civil, dous cans de busca de CASAGA e unha chea de veciñas e veciños, sumáronse á alerta lanzada pola familia na procura do home de 81 anos que, segundo os seus achegados, non padece ningunha demencia e goza de boa saúde.

Antes de cancelar a busca, o sarxento da Garda Civil do posto de San Sadurniño informou que a esculca do territorio se reanudaría coas primeiras raiolas do luns, para o que xa estaba solicitada a colaboración de medios aéreos, de máis brigadas da Benemérita e de Protección Civil e dun equipo cinolóxico que chegará procedente de Ourense.

Xusto cando se deu por finalizado o operativo, dous cazadores da zona colocáronlle á cadela do desaparecido un colar cun localizador gps para seguir os pasos do animal por se soubese do paradoiro do seu dono.

De cara ao dispositivo deste luns, desde a Garda Civil pídese que a veciñanza que queira colaborar estea ás 7.30h. no lugar da Casatellada, en Igrexafeita, para planificar o operativo e distribuír os grupos en cada zona, incluíndo en cada un deles persoas da parroquia que coñezan os arredores, caracterizados por terreo de monte e fraga e fortes pendentes.

Por último, a Garda Civil tamén lle solicitou aos veciños e veciñas que procuren organizarse para achegarse ao lugar no menor número de coches posibles e que estes se deixen correctamente estacionados para non interromper o tráfico nas pistas de acceso á Casatellada.

IMG_5088

Ramiro Vega nunha imaxe de hai dous anos

Segundo a familia, Ramiro fixo durante a mañá os labores habituais: manter o gando e levar as bestas ao lindeiro. Foi ao mediodía, ao non ir xantar, cando saltaron as alarmas na casa, dado que non é home de ausentarse.

A familia buscouno polo domicilio e os arredores. Mesmo se achegou aos lugares próximos para preguntar se alguén o vira. Ao non obter resultado foi cando denunciaron a desaparición. A última vez que o viron, Ramiro levaba pantalón gris e camisa de cadros, ademais de sombreiro (ou gorra). Se alguén o ve ou sabe por onde pode andar, sería de grande axuda que chamase ao 112.

Share.