Este luns entramos na Fase 3, ¿que cambios trae?

0

Van aló case tres meses desde que se decretase o primeiro Estado de Alarma e desde aquela houbo xa varias prórrogas -deberon ser cinco ou seis, xa perdemos a conta- e a cada dúas semanas foron sucedéndose esas fases asimétricas que empezaron sendo moi, pero que moi restrictivas e que agora xa nos van deixando facer máis cousas. Este luns entramos na cuarta fase, denominada Fase 3 (si, contamos ben, xa que a primeira foi a Fase 0), tamén chamada “fase avanzada” que nos preparará para esa “nova normalidade” tan traída e levada e chea de incertidumes que empezará despois do 22 de xuño. Como vimos facendo nas últimas semanas, hoxe toca repasar de novo que cousas se poden facer nos próximos quince días, cales seguirán restrinxidas e que medidas preventivas se deben tomar. É só un resume do máis importante e tampouco debemos tomalo como dogma de fe, xa que nestes días poden xurdir aclaracións estatais ou resolucións de competencia autonómica que muden algúns detalles, sobre todo os relativos á mobilidade ou a apertura de establecementos. Porén, de momento, isto é o que hai en aplicación da normativa publicada o sábado pasado e a que saiu esta mesma mañá.

MOBILIDADE

  • A Fase 3 suprime todas as franxas horarias para actividade ao aire libre. En San Sadurniño levamos case un mes sen elas, ao abeiro da resolución que libraba dese requisito aos municipios inferiores aos 5.000 habitantes. Información corrixida: O BOE desta mañá modifica o do sábado pasado introducindo como “unidade territorial” toda a Comunidade Autónoma de Galicia, de maneira que xa haberá liberdade de movementos entre as catro provincias, pero non entre autonomías salvo nos casos autorizados: por razóns laborais, regreso ao domicilio, etc.
  • Poderán reunirse grupos dun máximo de 20 persoas respectando todas as medidas de prevención e hixiene e mantendo a distancia mínima interpersoal de 2 metros. No caso de persoas convivintes os grupos poderán ser maiores.
  • Na Fase 2 xa se autorizou ir bañarnos, pasear ou facer exercicio na praia, aínda que será necesario seguir mantendo as medidas de hixiene e distanciamento social e atenderlle á regulamentación que establezan os municipios costeiros para garantir que haxa polo menos 4 m² para as persoas usuarias e 2 metros de separación entre indivíduos ou grupos de persoas, ademais de outras medidas que adopten en canto a aparcadoiros ou prioridades de acceso aos areais.
  • As visitas a residencias de persoas maiores teñen que seguir facéndose con cita previa, máximo unha persoa visitante por residente e sempre que nos últimos quince días non houbese positivos de COVID-19.  Deberán extremarse as medidas preventivas e de hixiene.
  • Segue activo o uso obrigatorio de máscaras  para maiores de 6 anos na vía pública, en espazos públicos abertos e en espazos pechados abertos ao público, sempre que non se poidan gardar 2 metros de separación.
  • (INFORMACIÓN CORRIXIDA) O Boletín Oficial do Estado do día 3 de maio publicou a orde TMA/384/2020 na que se recolle a obriga de usar máscaras en todo tipo de transporte público (autobús, ferrocarril, aéreo e marítimo) e tamén as condicións da súa utilización en transportes privados. A orde foi modificada o 21 de maio indicando o uso de máscaras con carácter xeral en todos os transportes públicos e tamén nos privados, aínda que neste último caso non será obrigatorio se todas as persoas son convivintes. Este sábado 6 de xuño saiu unha nova orde que vén modificar as normas de ocupación dos vehículos:
    • En motocicletas e ciclomotores -tamén en vehículos da categoría L, coma os cuadriciclos-, cando vaian dúas persoas será obrigatorio o uso de luvas (de protección ou de tipo sanitario, valen os dous tipos). Deberán levar máscara se non usan casco integral. Non será obrigatoria se só vai unha persoa.
    • En vehículos de ata 9 prazas, para uso particular: Se as persoas viaxeiras conviven no mesmo domicilio, poderán ocuparse todas as prazas do vehículo.  Se unha delas -ou máis- non son convivintes, só poderán ir dúas persoas por fila de asentos, respectando a máxima distancia posible. Neste último caso, todas con máscara.
    • En taxis e vehículos de transporte público de ata 9 prazas, incluido o condutor, irán dúas persoas por cada fila adicional de asentos, ademais da do condutor/a. Se as persoas usuarias son convivintes, poderán ir tres por cada fila. Máscara en todos os casos.
    • Nos trens e buses -tamén os que se contraten para servizos privados- xa se poderán ocupar todos os asentos, aínda que se recomenda non facelo se o nivel de ocupación o permite.  Nas liñas de transporte urbano e periurbano tamén se poderán ocupar todas as prazas e, se van de pé, máximo dúas persoas de pé por cada metro cadrado da plataforma. Sempre con máscara.
    • En vehículos cunha soa fila de asentos -por exemplo camións e furgonetas- poderán viaxar como máximo 2 persoas e sempre que garden a máxima distancia posible. A máscara será obrigatoria se vai máis dunha persoa, agás no caso de que sexan convivintes.

BARES E RESTAURANTES

  • En bares e restaurantes:  terrazas ao aire libre ata un máximo do 75% das mesas e no interior, ata un máximo do 50% de ocupación. Xa se poderá servir na barra mantendo unha distancia de 2 metros entre persoas ou grupos de persoas. Esa é outra das cousas que se prevén deixar na man das Comunidades autónomas, que terían potestade para ampliar o aforo até os 2/3 da capacidade do local. A ver que di a Xunta.
  • En bares e restaurantes poderá haber grupos de ata 20 persoas por mesa ou agrupación de mesas. As mesas deberán ser acordes ao número de persoas que conformen o grupo para garantir a distancia persoal e tamén a separación con outras mesas. Á hora de pagar optarase preferiblemente pola tarxeta ou o móbil cunha aplicación contactless, evitando no posible o metálico.
  • Mesas e cadeiras deberán limparse e desinfectarse entre un cliente e outro. Na entrada do local terá que haber un dispensador de xel hidroalcólico ou desinfectante virucida autorizado por Sanidade sempre en condicións de uso.
  • Discotecas e locais de ocio nocturno tamén poderán abrir sen superar un tercio do aforo. Se teñen terraza poden atendela igual que o resto da hostalaría e incluso poderán colocar mesas nas pistas de baile para compensar o espazo dispoñible. INFORMACIÓN ACTUALIZADA O 8/6/2020: A Xunta de Galicia, facendo uso das competencias de xestión da desescalada que ten conferidas nesta Fase 3, indicou que discotecas e locais de ocio nocturno deberán seguir pechados até o 1 de xullo.

COMERCIOS E NEGOCIOS

  • Os establecementos e locais comerciais poden chegar ao 50% do seu aforo e naqueles que non poidan garantir a distancia social de 2 metros só poderá haber unha persoa en cada momento. Deberá establecerse un horario de atención con servizo prioritario para maiores de 65 anos.
  • Nos centros e parques comerciais -Odeón, por exemplo- non se poderá superar o 40% dos espazos comúns. Nesta Fase 3 xa se poden utilizar equipamentos de lecer e zonas de descanso, pero os centros deberán garantir que non se produzan aglomeracións e que se respecte o distanciamento social.   Nas salas de lactancia, máximo unha familia. As salas de cine non poderán exceder a metade do seu aforo e as entradas han de estar preasignadas. De momento non temos información sobre cando abrirán os cines de Odeón nin os Dúplex, aínda que estes últimos dán opción de alugar os filmes que tiñan en carteleira a través da plataforma Numax.
  • Afrouxan tamén as restricións para feiras e mercadillos que se poderán incrementar ata o 50% dos postos habituais ou autorizados. Os postos deberán estar separados e a clientela non poderá manipular o produto. En todo caso, haberá que garantir a distancia social de 2 metros.

MORTORIOS, ENTERROS, MISAS… VODAS, COMUÑÓNS, BAUTIZOS…

  • Os velorios poderán celebrarse en instalacións públicas ou privadas cun límite máximo en cada momento de 25 persoas se son en espazos pechados  e de 50 se son ao aire libre. As persoas asistentes poden ser ou non convivintes.
  • Aos enterros e cremacións xa poderán asistir 50 persoas entre familiares e achegadas, ademais de quen celebre o rito funerario. Sempre gardando dous metros de distancia, mantendo a hixiene de mans e a etiqueta respiratoria (usar mascarilla, tusir/esbirrar en panos desbotables ou contra o interior do cóbado).
  • A celebración de misas (ou outros cultos) sobe ao 75% do  aforo do templo e cumprindo as medidas de hixiene e distanciamento social. Segue prohibíndose o contacto persoal, a distribución de calquera obxecto, bicar ou tocar obxectos de culto. O aforo do templo debe estar indicado nun lugar ben visible.
  • As vodas  civís ou relixiosas en recintos públicos ou privados, abertos ou pechados, non poderán superar o 75% do aforo. Se son no exterior, máximo 150 persoas, e se son en interior, máximo 75 asistentes. Os convites posteriores rexeranse polo que se marca para a actividade hostaleira: terrazas ao 75% e interior sen superar o 50% do aforo do local. Estas regras son de aplicación para “outras celebracións relixiosas de carácter social”, como por exemplo bautizos e comuñóns.

BIBLIOTECA, ESPECTÁCULOS E SERVIZOS DE CONCILIACIÓN

  • O BOE tamén se refire ao funcionamento das bibliotecas públicas na Fase 3 permitíndolles ocupar ata o 50% do seu aforo autorizado mantendo a distancia de 2 metros entre persoas usuarias. A de San Sadurniño abriu o 1 de xuño, aínda que nestes intres volve estar pechada por baixa laboral da persoa que a atende.
  • O Ministerio de Sanidade tamén amplía as condicións para o desenvolvemento de actividades e espectáculos culturais, aínda que restrinxíndoas á metade do aforo dispoñible. Nos espazos pechados non poderá haber máis de 80 persoas en total e se son ao aire libre, un máximo de 800 persoas, sempre sentadas e mantendo as distancias de seguridade. Neste sentido, o Concello vai priorizar as actividades ao aire libre como por exemplo a reanudación das escolas musicais ou as exposicións. As entidades que queiran utilizar locais de titulariedade municipal -veciñais, Casa da Cultura ou Casa da Xuventude– deberán atender a estes requisitos e, en calquera caso, solicitalo previamente.
  • Para charlas, congresos e conferencias rexen condicións distintas, posto que o máximo son 50 asistentes gardando a distancia de seguridade de 2 metros. Non hai referencias ao aforo máximo, aínda que si se indica que se non se pode manter unha separación de 2 metros teranse que utilizar “equipos de protección adecuados ao nivel de risco” e reforzar as medidas de hixiene do espazo. Neste sentido a área de Desenvolvemento local ten previsto reiniciar en breve os cursos relacionados coa fructicultura e a apicultura que quedaron suspendidos pola crise sanitaria. Tamén se informará proximamente da nova programación e das condicións preventivas en que se vai desenvolver.
  • En canto a servizos de conciliación, o BOE tamén se refire á posibilidade de “actividades de tempo libre destinadas á poboación infantil e xuvenil”, ás que se poderían asimilar as propostas de conciliación que ofrecía o Concello durante o verán. Neste 2020 hai compromiso de repetilas, aínda que adaptadas aos protocolos de prevención e cunha oferta limitada. Tamén se informará nos próximos días sobre as solucións adoptadas neste ámbito, condicionadas ás directrices que publique a Xunta de Galicia.

DEPORTES, XIMNASIO, PISCINA E TURISMO

  • No BOE autorízase que os clubes participantes en ligas non profesionais federadas poidan facer adestramentos de tipo medio con exercicios individualizados ou preparando tácticas. Sempre mantendo as distancias e evitando o contacto físico. Non se poderá exceder o 50% da capacidade da instalación. Os grupos, como máximo, de 20 persoas. As federacións están deseñando ou xa deseñaron protocolos específicos para cada deporte.
  • O Ximnasio Municipal seguirá pechado polo momento, e o departamento de Deportes ofrece como opción participar en actividades físicas ao aire libre, para o que será necesario contactar co 647 491 371.
  • O Concello  agardará ao 1º de xullo, cando xa estaremos dentro da “nova normalidade”, para abrir a piscina municipal. Antes daquela informarase sobre os aforos máximos e outras medidas preventivas que se deberán adoptar.
  • En hoteis e aloxamentos turísticos permítese abrir desde este luns as zonas comúns, sen superar o 50% do aforo. Os servizos hostaleiros e de restauración rexeranse polos mesmos criterios dos bares e restaurantes.
  • O BOE tamén sinala que se permiten “actividades de turismo activo e de natureza para grupos de ata un máximo de trinta persoas”. Se se leva guía haberá que concertalo previamente e nese caso o grupo non poderá superar as 20 persoas. Recordamos que as rutas de sendeirismo de San Sadurniño -Río Castro e Aceiteiro- son todas transitables tralo repaso que se lles deu nos últimos días.

Como remate, recordamos que o máis  importante para previr contaxios ou rebrotes da COVID-19 é todo aquilo que nós podemos e debemos facer a título individual. Vai pasando o tempo, cada vez temos un chisco máis de liberdade e corremos o risco de relaxarnos ante un virus que nos segue asexando.

Por iso, lembrade: hai que usar mascarilla nas circunstancias en que sexa obrigatorio, gardar a distancia mínima de 2 metros, lavar frecuentemente e a conciencia as mans, non tocar ollos, nariz e boca, tusir e esbirrar contra un pano desbotable ou contra o interior do cóbado (se se leva máscara, non sacala) e, por último, se se teñen síntomas -tose, febre, cansanzo, dificultade para respirar, etc.- quedar na casa, non facer vida social e contactar de inmediato co 900 400 116 para que as autoridades sanitarias fagan seguimento da nosa situación e nos indiquen como proceder.

 

Share.