Espectacular metáfora do tempo no “Negra sombra” de Pablo Millán

0

Seguimos incorporando á web municipal fichas das estreas da presente edición do  encontro audiovisual Chanfaina Lab. Hoxe falamos de “Negra sombra”, unha obra de animación do director Pablo Millán que reflexiona en certa medida sobre o paso do tempo e sobre as súas consecuencias no pasado, no presente e no que está por vir. Ademais dun contido estudado, a peza exhibe un complexo e esmerado traballo de posprodución e composición dixital onde se mesturan a imaxe real e a de síntese. “Negra sombra” é unha curta que desacouga e admira á vez mostrándonos recunchos cercanos que nunca antes viramos con esa crueza surrealista que Millán -autor tamén da música- fai posible. Así fala del o profesor Manolo González:

O compostelán Pablo Millán rematou os estudos musicais no Conservatorio ao mesmo tempo que finalizaba a carreira de Belas Artes. Pablo vén sendo un representante do que podería denominarse “creador total”, xa que é o responsable do guión, dirección artística, fotografía, montaxe e a música dos filmes que realiza, sempre cun gran éxito por festivais tanto en España como a nivel internacional: dende o “O conxuro” (2006) , a experimental “Longo sendeiro de pedra” (2007) e a marabillosa peza de animación “A meiga chuchona” (2007). En 2010 rematou a súa segunda curtametraxe de animación “Fatum!”, no 2012 “O almorzo” e no 2013 dirixiu o seu último traballo ata o momento, “Kitty Genovese”. Actualmente está a realizar pequenas pezas audiovisuais artísticas sobre o ser humano e as súas preocupacións diarias.

Pablo é un cineasta experimental,-mais moi racional-, e achegouse San Sadurniño ben documentado e cunha idea concreta no seu desbordante maxín: “Fiquei sorprendido pola arquitectura do territorio, transmitiume a sensación de viaxar por un decorado desvinculado do presente. En principio quería que a idea se centrara nas fames que aconteceron en San Sadurniño do século XIX . De feito, Rosalía de Castro escribiu o poema “Negra Sombra” inspirándose nestas tráxicas penurias que asolaron Galicia enteira e por iso pareceume o título perfecto para definir o concepto que tiña na cabeza. Ao final eliminei a parte anecdótica e centreime no medo en sí, abstraendo as ideas e potenciando ao “propio medo” como protagonista, máis que o acontecemento puntual que o desencadea. Todos en diferente medida temos medo ó devir, forma parte do instinto humano. O filme vai por ise camiño: a sombra do gato negro simboliza ese temor e ten efectos devastadores sobre o que nos rodea. Pretendo que o espectador perciba esta axitación, suliñada pola presencia da morte ameazante e a soidade humana: todos están mais non se ven, agochados, temerosos.. Tamén percibín certa soidade en San Sadurniño e por iso me pareceu o esceario perfecto para “Negra Sombra”. En fin, ao final o traballo quedou moi curto porque descartamos moitísimo material interesante”.

É un orgullo para a Chanfainalab contar con pezas tan turbadoras e suxestivas como “Negra sombra” de Pablo Millán. A través dun travelling a de esquerda á dereita agroman as imaxes gravadas en San Sadurniño, vellas fotografías de xentes presentes en Fálame de San Sadurniño, cemiterios, igrexas ou edificios singulares, mesturados cos símbolos visuais da mala sorte. Todo elo na procura da “quintaesencia do medo” e de se converter nunha peza de vocación universal que poda ser entendida en todo o mundo.

Como afirma o cineasta, é un filme “fundamentalmente expresivo, como o é a dimensión da música, por iso tratei de que prevaleceran elementos de gran potencialidade visual, sen contidos anecdóticos como poderían ser acontecementos puntuais históricos que interferiran no esencial. A superstición como leimotiv da peza, asenta o concepto e funciona como elemento psicolóxico, de gran presenza expresiva. A imaxe e o son teñen un tratamento que o achega máis ao mundo da animación e da arte, moito mais apropiado e moi preto da proposta conceptual inicial”.

Así pois, nesta ocasión deixádevos levar pola creatividade, o talento e as moitas horas de traballo de posprodución dun dos cineastas máis interesantes do audiovisual galego contemporáneo. De seguro que non seredes capaces de pechar os ollos ata que na pantalla poña “Fin” e.. entón.. un arrepío percorrerá o voso corazón.

Share.