Espazos das Familias empeza curso con 13 participantes

0

O programa socioeducativo Espazos das Familias ten xa en marcha o curso 2018-2019. O seu obxectivo é proporcionarlle á cativería e aos papás e mamás un lugar para se relacionaren e brincar na compaña doutras familias, tendo como guía das sesións a unha educadora que fai un labor de dinamización, pero que tamén resolve dúbidas sobre a crianza dos nenos e nenas. Os encontros desenvólvense cada quince días na Casa da Cultura e nesta edición o grupo conta con 13 menores inscritos.

Espazos das Familias é un programa que hereda a función e a estrutura do desaparecido Preescolar na casa.  Vai dirixido a nenos e nenas de entre 0 e 3 anos, unha etapa da infancia na que a rapazada empeza a descubrir o mundo derredor e na que se comeza a formar a que será  a súa personalidade futura. As xuntanzas propóñense como un xogo colectivo e perseguen que os pais e nais aprendan todo o que hai que saber sobre o crecemento infantil, sobre a necesidade de que todo o núcleo familiar se implique no labor educativo dos novos membros e, máis que nada, sobre como levar a cabo unha crianza dos nenos e nenas responsable, igualitaria e suxeita a normas de convivencia.

Tal e como explica a educadora Lucía Formoso, os Espazos… “están orientados a unha relación familiar” buscando que as familias “interactúen entre elas, que fagan actividades, que compartan experiencias, opinións…”. As sesións “non substitúen” a función dunha escola infantil, precisa Formoso ao tempo que engade que a participación nos Espazos si axuda “á aprendizaxe dunhas normas” e a que as nenas e nenos “socialicen facendo actividades”, algo que lles será de grande utilidade cando chegue o tempo de ir ao colexio.

O obxectivo de Espazos das Familias tamén é favorecer o desenvolvemento psicomotriz do meniños e meniñas ademais da súa creatividade. Por iso se cargan moito as tintas en entretementos moi sinxelos para toda a familia que despois se poden seguir poñendo en práctica na casa. Neste sentido, aos pais e nais tamén se lles facilitan algunhas claves da educación que se deben ter en conta dentro da familia, ademais de insistirlles na importancia do seu exemplo como referente dos nenos e nenas.

Este ano hai 13 inscricións no programa, “un grupo maior có ano pasado”, sinala Lucía Formoso. Ese número supón que cada quince días -os mércores pola tarde- se xunten na Casa da Cultura máis de vinte persoas para compartir un tempo de xogo e aprendizaxe. “O normal é que ás familias lles coste soltarse, pero este ano é todo o contrario. Son moi participativas e gústalles moito a actividade”.

Os obradoiros durarán até o mes de maio e forman parte do Programa de Educación familiar impulsado polo Concello, quen asume o servizo desde 2011.

Share.