Entregados os premios do certame “San Sadurniño en flor”

0

Cerca dunha trintena de participantes no concurso municipal “San Sadurniño en flor” recolleron este domingo os seus premios nun acto organizado polo Concello no patio interior do pazo. Foi unha cerimonia sinxela na que se entregaron os lotes de produtos que recompensaban o esforzo decorativo da veciñanza, ademais de contribuír ás economías de pequenos negocios relacionados co medio rural ou a hostalaría. No evento, o responsable da área de Desenvolvemento local, Manolo Varela, destacou o éxito da iniciativa e expresou o compromiso municipal de repetila de cara ao ano que vén, facéndoa cadrar -de ser posible- coa 25ª edición da Feira da Plantación. 

O concelleiro explicou durante a súa intervención cales eran os obxectivos “cumpridos” do certame “San Sadurniño en flor”, concibido como un substitutivo da Feira da Plantación suspendida este ano por mor da pandemia. “Quixemos cubrir a carencia da feira e darlles unha oportunidade ás persoas amantes das plantas de expresarse coas súas composicións. Tamén quixemos suplir a actividade económica que se xeraba arredor da feira  e que o gasto que fai o concello tanto nos premios como na merca de flor quede todo en San Sadurniño”, explicou Varela.

O edil engadiu que a experiencia se vai volver levar a cabo en 2021 “corrixindo os fallos que tivemos este ano, que foron moitos por tratarse de algo novo que tivemos que organizar rapidamente” e sinalou que o certame “é un argumento máis” para a participación de San Sadurniño, xa desde este ano, no movemento “Vilas en flor” que, segundo comentou Manolo Varela, “premia as políticas municipais relacionadas co medio ambiente, co aforro enerxético e co coidado dos entornos”.

Na entrega de premios alternáronse tanto Manolo Varela como Tania Couce, florista local e membro do xurado que valorou as case 400 imaxes enviadas polos máis dun cento de participantes repartidos nas tres categorías do certame.

No evento tamén participou Amparo Calvo, responsable de Cultura, quen puxo de relevancia a importancia de  “volver atrás sen quedar no pasado” no sentido de volver poñer en valor o medio rural “e as pequenas cousas” evidenciadas pola pandemia. A concelleira reiterou o compromiso do Concello de repetir experiencia o ano que vén e tamén o agradecemento municipal a todas as persoas participantes, entre elas a artesá e poeta local Xela Barro, quen pechou o acto recitando un escrito cargado de naturalismo e de amor á terra inspirado na composición floral -espantallo incluído- que presentou ao concurso.

Os trinta premios entregados compúñanse dun cumprido lote de produtos: unha froiteira, unha oliveira galega -no acto incluso se deron recomendacións sobre como lograr que prenda-, requeixo de Bardaos, queixos do Casal e de Brigantia, galletas de nata Maruxas (que se elaboran en Santa Mariña), unha lámina co deseño publicitario do certame (obra de Juan Luís Fernández), e un vale para gastar antes do 15 de novembro nalgún dos cinco restaurantes do territorio que estaban abertos no momento de convocar o concurso.

Como remate da cita -pasadas as 12.30h.- as premiadas e premiados fixeron unha foto de familia diante do Concello.

 

Share.