Entregados os agasallos da exposición “Pegadas dun pasado”

0

A rapazada que presentou imaxes para a mostra “Pegadas dun pasado” reuniuse onte no patio interior do Concello na compaña das súas familias para asistir á inauguración da exposición, pero tamén para recibiren un pequeno agasallo da Concellaría de Cultura e participar no sorteo de dúas cámaras réflex. Estes dous premios principais foron para Marta Ameneiros Santalla e para Aarón Fernández Fernández quen, coma o resto, buscaron nos caixóns fotos antigas para logo comparalas con imaxes actuais de San Sadurniño. O resultado é unha colección de 17 composicións que se poden ver esta semana e maila que vén no claustro do pazo. Estampas variadas que recollen paisaxes, edificacións e xeitos de vida desaparecidos, facéndonos reflexionar sobre se calquera pasado foi mellor, peor, ou simplemente pasado.

O acto abriuno a concelleira de Cultura, Amparo Calvo, contextualizando esta proposta cultural na celebración do Día Internacional da Fotografía. Segundo Calvo a fotografía é “a arte do invisible”, aínda que pareza unha contradición, posto que “unha foto vale máis que mil palabras e detrás de todas estas imaxes hai centos de historias”.

A concelleira puxo como exemplo tres das composicións: dúas que tomaron como elemento as escolas da Seara e do Camiño Arriba e unha terceira que se centrou no adro de San Paio de Ferreira, presidido polo palco da música. Estes lugares aparecen vencellados ao alcalde Avelino Castro Naveiras, quen pulou do ensino e das infraestruturas durante a Segunda República. De feito, o palco da música de San Paio inaugurouse o 17 de xullo de 1936, xusto un día antes do golpe de estado que desencadearía a Guerra Civil.

“A fotografía conta moitísimo, achéganos moitas vivencias”, dixo Amparo Calvo para destacar que “Pegadas dun pasado” lle serviu á cativería para descubrir a historia local dun xeito distinto: “o que pretendiamos é que, na casa, remexendo nos caixóns buscando as fotografías, tivesedes a oportunidade de que os vosos pais e nais, as vosas avoas vos contasen cando se fixo a foto, por que se fixo esa foto, que pasou cando se tirou esa foto…”.

Antes de cederlle a palabra ao alcalde, a concelleira expresoulles o seu agradecemento por participar e adiantou que o ano que vén se repetirá a experiencia. Secundino García mencionou, pola súa parte, que a actividade respondeu á reorientación da actividade cultural municipal debido á crise da COVID-19, que obriga a “gardar as distancias e cumprir coas recomendacións sanitarias”. O alcalde destacou o mérito de todas as imaxes presentadas, tendo en conta a dificultade para atopar nas casas fotografías de grandes espazos que axuden hoxe a facerse unha idea de como cambiaron distintos recunchos de San Sadurniño. “Quen tiña unha cámara nos anos 60 non era habitual que sacase unha foto de paisaxe, senón que lla sacaba ás persoas”. García engadiu que a fotografía é unha arte que foi evolucionando a medida que as cámaras se foron democratizando -“hoxe levámolas no peto”, dixo o alcalde-, o que tamén trouxo aparellado que “saquemos moitas fotos co móbil e despois acabemos borrándoas”, razón pola que desde o Concello se animou á rapazada a que aproveite a tecnoloxía móbil “para sacar moitas fotos”.

Tralas intervencións da responsable de Cultura e do alcalde, o Concello sorteou as dúas cámaras réflex que actuaron como engado da exposición, á que se presentaron un total de 17 obras. Os premiados foron Marta Ameneiros Santalla e Aarón Fernández Fernández. O resto de participantes recibiron como agasallo unha simpática memoria USB coa feitura dunha máquina de retratar.

A exposición “Pegadas dun pasado”  pode visitarse ata o 5 de setembro nos horarios habituais de apertura do Concello, de luns a venres entre as 8.30 e as 14.00h. A entrada é libre e non se precisa cita previa, xa que as imaxes están nun espazo aberto, ocupando a metade das paredes do patio interior do consistorio.

DSC09491-web1281x1920H60 DSC09495-web1281x1920H60

Share.