Entra en vigor o orzamento municipal de 2019

0

Tras superar o prazo preceptivo de exposición pública, as contas de San Sadurniño para o presente exercicio xa están en vigor. A relación de ingresos e gastos  ascende a 3.023.807,32 € euros, o que supón un incremento ao respecto do ano anterior dun 7,61%. A suba, cifrada nuns 200.000 euros, responde principalmente á previsión de incrementar en 4.000 horas anuais o Servizo de Axuda no Fogar e tamén a unha maior dotación para o tecido deportivo e cultural do municipio e para axudas sociais.

A publicación da aprobación definitiva dos orzamentos saiu na edición de hoxe do Boletín Oficial da Provincia. Na proposta da alcaldía que se someteu a votación o pasado mes de novembro descríbense as contas como “austeras”, aínda que tamén se sinala a preservación da prestación de servizos públicos “conxelando un ano máis todos aqueles impostos e taxas”, agás no caso do IBI e o IAE, que desde este ano contan con varias bonificacións e exencións. Con todo, tal e como indica o documento, os ingresos por “contribución” aumentarán debido ao varrido de regularización catastral -o denominado “catastrazo”- executado polo Ministerio de Facenda.

A descrición orzamentaria que se presentou ao pleno tamén incide en que os máis de 200.000 euros que medra con respecto a 2018 “serán absorbidos” principalmente por “investimentos nas diferentes parroquias”, pola atención á dependencia -70.000 euros a maiores-, por un aumento da dotación para entidades e tamén nos recursos destinados “ás persoas máis vulnerables”.  De feito, as axudas a emerxencia social incrementan a partida ata os 10.000 euros, ademais de reservar 21.000 para entidades culturais e outros 46.500 para convenios nominativos co Aldebarán, o CF San Sadurniño, Biela e Chaveta, a Casa do Mel, a Asociación Galega da Froita Autóctona e a Asociación A Cortiña. Volven manterse as axudas do 50% no imposto de construcións instalacións e obras para quen constrúa ou rehabilite vivenda no municipio nunha zona que non conte con servizo de abastecemento de auga.

Os apartados de maior peso son o de persoal -o 37,9% do total e un chisco inferior ao ano pasado-, o gasto corrente, que se sitúa nos 977.000 euros e o capítulo de investimentos reais -24%-, onde hai unhas previsións iniciais de 735.000 euros con posibilidade de que aumenten ao longo do exercicio cunha maior achega doutras administracións. Nesta última contía compútanse todas as obras previstas no POS+ e tamén o convenio para avanzar na consolidación do castelo de Naraío.

Cadro resume dos orzamentos 2019 e comparativa con respecto aos de 2018

ORZAMENTO 2019: RESUME COMPARATIVO POR CAPÍTULOS
INGRESOS 2018 2019 %DIF GASTOS 2018 2019 %DIF
1. Impostos directos 690.000,00 786.000,00 13,9% 1. Gastos de persoal 1.150.900,00 1.147.418,82 -0,3%
2. Impostos Indirectos 20.000,00 20.000,00 0% 2. Gastos correntes 905.500,00 977.439,59 8,2%
3. Taxas, prezos públicos
e outros impostos
311.000,00 328.000,00 5,4% 3. Gastos financeiros 1.000,00
4. Transferencias correntes 1.279.000,00 1.384.939,59 8,2% 4. Transferencias correntes 100.000,00 157.500,00 57,5%
5. Ingresos patrimoniais 1.000,00 1.000,00 0%
6. Alleamento investimentos
reais
1.000,00 1.000,00 0% 6. Investimentos reais 622.600,00 735.448,91 18,12%
7. Transferencias de capital 508.000,00 390.535,69 -23,12% 7. Transferencias de capital 5.000,00 5.000,00 0%
8. Pasivos financeiros 112.332,04 8.Pasivos financeiros 26.000,00
TOTAL 2.810.000,00 3.023.807,32 7,61% TOTAL 2.810.000,00 3.023.807,32 7,61%

 

Descarga desde aquí a memoria explicativa incorporada á proposta de aprobación
Descarga desde aquí a distribución por programas

Share.