Enrique Barrera: “Hai que recordar, sempre”

0

Enrique Barrera Beitia é secretario da Asociación Memoria Histórica Democrática. Unha entidade nacida en Ferrol que leva traballado moito a prol da recuperación e rehabilitación histórica de persoas represaliadas na guerra civil e durante a ditadura franquista, pero tamén na investigación sobre que foi daquelas persoas que lograron fuxir da represión e, aínda así, o destino fixo que fosen tamén vítimas do horror nazi. Diso falou este estudoso na visita guiada pola exposición “Francesc Boix, fotógrafo de Mauthausen” que permanece ata o día 19 na galería do Concello. Unha visita chea de datos e terroríficas curiosidades que foi seguida dunha interesantísima charla de Barrera, á que mesmo asistiron familiares de persoas recluídas no campo de concentración situado en territorio austríaco.

Enrique Barrera é autor da obra “Galegos en Mauthausen”, publicada pola Deputación da Coruña a raíz dunha iniciativa das asociacións Fuco Buxán e Memoria Histórica Democrática. O traballo de investigación levouno a seguirlle a pista aos nomes de exiliados trala guerra que acabarían en campos de concentración. As cifras falan de arredor de 9.000 persoas españolas  deportadas a campos de concentración. 179 eran galegas e hai constancia de que 106 non sobreviviron ao exterminio. Das comarcas de Ferrolterra, Eume e o Ortegal, Enrique Barrera contabilizou 27, un deles de San Boulo, na Capela.  “Case todos eles agás un, que xa vivía en Francia, foron xente que ao final da Guerra Civil fuxiron a Francia para evitar ser fusilados e unha vez alí alistáronse no exército”, explica Barrera.

A rápida invasión alemana provocou que a meirande parte dos españois caesen prisioneiros. Pero, ¿como acabaron en campos de concentración?. Aí entrou en xogo a sintonía entre o nazismo, o goberno colaboracionista de Vichy e a recén estreada dictadura de Franco, decidida a desfacerse de calquera disentimento interno e dos restos republicanos que quedaban ciscados por Europa. “Fanos prisioneiros e hai un acordo entre os gobernos de Hitler, Petain e Franco para internalos en campos de concentración. Decláranos apátridas.”

Nun primeiro momento, entre os anos 1940 e 1942, prodúcese unha rápido descenso da poboación reclusa española por mor da fame, a extenuación e os malos tratos. Porén, a marcha triunfal que Hitler agardaba na fronte rusa nunca chega a producirse e os prisioneiros -non sentenzados por seren xudeos, homosexuais, xitanos ou disidentes políticos co nazismo- empezan a ser man de obra valiosa para soster a contenda. Segundo Enrique Barrera, “os que sobreviven, en primeiro lugar, conségueno porque son necesarios para o esforzo militar alemán cando se decatan de que o exército soviético resiste”.

Porén, a supervivencia tamén se debe “á solidariedade interna e ao feito de que os españois son capaces de ter certos acordos cos gardas nazis facéndolles traballos no mercado negro que supoñen cartos para as SS. A cambio reciben alimentos e medicinas que eles, en vez de gardalas para si, entregan altruistamente aos compañeiros. Gracias a iso hai unha taxa de supervivencia dunha terceira parte. É tremenda a solidariedade que existiu naquelas circunstancias, e non só entre españois, senón tamén con persoas doutras nacionalidades”.

Dos 27 de Ferrolterra, Eume e o Ortegal contabilizados polo profesor “sobreviviron máis da metade”. Porén, a supervivencia trala liberación dos campos ao remate da guerra en Europa non significaría o remate dun periplo vital cargado de dificultades, tanto para quen logrou saír con vida como para as familias de quen morreron. “Teñen que refacer a súa vida en Francia, posto que se volven a España os encarceran e fusílanos. Entón moitos quedan en Francia traballar”.

Quen viviu puido contactar cos seus familiares en España, pero tamén houbo casos de familias rotas que aínda recentemente, e gracias ao traballo de entidades volcadas coa recuperación da memoria, souberon que ocorrera realmente cos desaparecidos trala guerra civil. “Moitas familias non sabían nada. As autoridades franquistas ocultaron a súa situación e incluso a posibilidade de percibir indemnizacións”.

E é que, efectivamente, trala guerra europea marcáronse indemnizacións e pensións para supervivintes, viúvas e fillos daqueles que pereceron nos campos, pagadas tanto pola República Francesa como polo Estado Alemán. Axudas que en España só algunhas familias chegaron a cobrar décadas despois -a partir dos anos 70 e incluso máis tarde-, debido ao escurantismo da ditadura sobre o paradoiro dos exiliados “apátridas” e mesmo á pillaxe administrativa que se daba entre algúns cargos gubernativos en concellos e outros estamentos do réxime que si sabían da existencia desas compensacións económicas.

Ademais, a situación de desaparecidos tamén xeraría outros problemas administrativos. Onte mesmo coñecemos dous casos de dúas familias da comarca presentes na charla de Barrera que tiveron que gastar tempo e diñeiro para saber que pasara cos seus parentes. Unha delas -con axuda dunha asociación catalana- descubriu que o seu familiar morrera nun campo de concentración, desbloqueándose así a posibilidade de xestionar unhas partixas nas que figuraba como coheredeiro. Outra logrou, finalmente, percibir a principios dos 80 a indemnización pola morte dun tío, aínda que o funcionario de aquí que lles fixo o trámite só lles deu opción a cobrar unha das dúas, a francesa ou a alemá, cando en realidade terían dereito ás dúas.

A chegada das institucións democráticas non supuxo, polo tanto, maior luz sobre as circunstancias en que morreron moitos exiliados. De pescudar e axudar ás familias encargáronse maiormente asociacións sen ánimo de lucro, cubrindo unha responsabilidade que, segundo Barrera, debería ser estatal. “A ver se hai sorte e se relanza a Lei de Memoria Histórica para que sexa o Estado quen explique todo isto, que non teñamos que ser entidades coma nós quen fagamos este traballo con charlas coma a de hoxe”.

O profesor tamén se pronuncia sobre o ascenso do ultradereitismo en Europa e noutras partes do mundo. Sinala que seguramente “non volvamos ver ese fascismo hitleriano de brazos erguidos á romana e uniforme”, pero tamén advirte de que na actualidade poden verse neses movementos “moitos elementos ideolóxicos do fascismo como son a criminalización de quen son coma nós ou a escolla de certos colectivos para culpabilizalos de todos os males. É algo que está ocorrendo outra vez”. Para evitar que a historia se repita, Enrique Barrera asegura que o mellor é recordar: “hai que recordar sempre. A verdade fainos libres”.

Unha vintena de persoas asistiron á charla de Enrique Barrera, entre elas familiares de exiliados que foron parar a Mauthausen

Unha vintena de persoas asistiron á charla de Enrique Barrera, entre elas familiares de exiliados que foron parar a Mauthausen

O martes que vén, proxección de “Mauthausen, regreso ao campo da morte”
Dentro da exposición sobre Francesc Boix, o fotógrafo de Mauthausen, a Asociación Concienciarte Cultura Colectiva tamén organiza  para o próximo martes 16 ás 19.00h. o visionado da peza “Mauthausen, regreso ao campo da morte”, dirixida en 1989 polo xornalista orixinario da Coveluda, Manolo Torrente.

O documental cobra un grande valor co paso dos anos, posto que Torrente artella unha historia sobre o complexo de exterminio nazi a partir dos testemuños de dous dos seus supervivintes galegos: o verinés Joaquín Balboa e o lugués Enrique Doval. Ademais, as referenzas audiovisuais que en España abordaron o tema son todas de moitos anos despois, polo que Manolo Torrente -e a TVG- poden ser considerados pioneiros na recuperación da memoria histórica sobre a cuestión.

Torrente asistirá á proxección e entablará un diálogo co público asistente, ao que tamén se lle ofrecerá unha visita guiada pola exposición a partir das 18.00h.

Share.