Enganosa sinxeleza con mensaxe ambiental

0

Dentro da programación informativa da semana faltábanos por facer referenza á estrea virtual do Chanfaina Lab do venres pasado. Álvaro Gago dirixe unha curta que discorre no parque eólico do Forgoselo entre os diálogos dunha nena e o seu pai dos que se desprende unha mensaxe de respecto pola natureza e sobre a necesidade por preservar o que temos. Ao realizador abóndanlle os catro minutos de “Os aventados (ventos do Forgoselo)” e unha única toma en vídeo na que o movemento vén do diálogo e do perenne zumbar das andaravías. Pero tamén dunha hábil introdución da animación que, de seguro, requiriu horas e horas de planificación e deseño por parte do seu artífice, Nick Black. De aí o titular de que a sinxeleza da peza sexa enganosa. Tras dela hai un concepto claro que transmitirlle ao público e unha forma de facelo certamente sofisticada que, de tan depurada no plantexamento, semella algo doado para calquera sen selo.

Aínda que naceu en Vigo onde se graduou en Comunicación Audiovisual, Álvaro Gago sempre foi quen de buscar a vida fóra do país. Trasládase a Chicago, onde estuda teatro durante un ano na North Park University. No 2011, matricúlase no MA Filmmaking ofrecido pola London Film School. Como parte deste mestrado audiovisual edita o documental “Skin” e a curtametraxe de ficción “Lipstick”. Ambos filmes acadan varios premios en festivais internacionais de Europa e América do Sur. A súa curtametraxe “Curricán” -gravada na Illa de Arousa- levou múltiples premios ao longo do 2015, entre eles o do Festival de Cans.

Porén, o cineasta viaxeiro nunca viñera por San Sadurniño: “Non coñecía o Concello de San Sadurniño. Fun so unha vez antes do Chanfaina Lab para facer un recoñecemento rápido. As demais visitas foron todas telemáticas. Abonda unha procura rápida na rede para darse conta de que gran parte das mencións que recibe o Concello teñen que ver coas iniciativas a prol da sostenibilidade que promove: a agricultura ecolóxica, a recollida selectiva de lixo, a aposta pola enerxía solar..etc. Daquela eu estaba lendo a Naomi Klein en ‘This Changes Everything”, e polo tanto estaba moi sensibilizado co tema. Así pois, quixen explorar ese sentimento de compromiso coa natureza. A nena é o vehículo. Escollín unha nena pequena porque dese xeito podía tocar outro tema fundamental: a educación. A educación, na que tanto mallamos en tempos de crise, é un dos piares fundamentais da vida. A nena escoita ao seu pai, que lle fala co fin de expandir o seu horizonte. O pai non tenta impor nada, mais si alimentar o seu pensamento, porque o problema ambiental é real e é preciso educármonos nel. Os cabalos son o mecanismo que utiliza o pai para introducir a sensibilidade medioambiental no pensamento da súa filla. Parecíame un vehículo sinxelo e directo. A conexión emocional da filla con estes animais, aprovéitaa o pai para sensibilizala noutro tema. Os nenos son os gardiáns da nosa memoria, coa que temos que estar sempre conectados, para que non se produza unha desfeita natural. A terceira personaxe do filme é o vento. O vento ten un arco, unha cadencia. Preséntase nun prólogo no que quer actuar como unha metáfora no resto do filme, desenvólvese durante a conversa pai-filla, durante a cal a súa presenza vai progresivamente en aumento, ata que chega mesmo a obstruír a voz do pai; de feito a última frase do pai non se escoita, porque o vento se rebela contra a presenza humana. Finalmente, o vento retoma protagonismo na última secuencia na que queda só e non se escoita mais que o seu bruar. Xa non queda rastro humano. Xa rematou a rebelión. Escollín o vento, e non o sol ou a auga, porque a Serra do Forgoselo atrapou a miña atención poderosamente e alí o vento é un elemento omnipresente…”

A reseña da peza que publica Fálame de San Sadurniño sinala que o cineasta nos invita a pensar sobre o impacto do ser humano no medio ambiente e a non ignorar un grave problema do noso tempo. Con todo, Gago “non pretende facer un filme propagandístico, de aí a experimentación e, se cadra, o misterio”. O pano de fondo da curta é un alegato a prol das enerxías limpas e da natureza, aínda que o propio autor sinala que non quixo limitarse “á exposición dunha opinión” e que o seu obxectivo foi o de “abrir a peza ao debate e as interpretacións de cada un. Gústanme as películas que falan comigo pero que tamén me deixan responder.” Cunha fermosa animación-sorpresa, en “Os aventados” reclámase atención pola recuperación do equilibrio do home coa natureza, “se non queremos que o planeta se rebele contra a posición agresiva que está a desfacer a harmonía natural”.

Share.