Encontro para falar da certificación e a calidade alimentaria

0

Este sábado entre as 15.30 e as 21.30h. a Casa da Xuventude de San Sadurniño acolle un evento centrado na agroecoloxía. O seu título é “Alimentos bío con garantías: CRAEGA e certificacións participativas” e nel trataranse os xeitos de garantir a calidade e a sustentabilidade das producións agrogandeiras, xa sexa a través de distintivos oficiais como o que outorga o CRAEGA ou de compromisos adquiridos pola produción, a comercialización e o consumo nunha relación de proximidade e confianza. O encontro está organizado pola asociación agroecolóxica A Cortiña e o Sindicato Labrego Galego, coa colaboración do Concello de San Sadurniño.

Persoas expertas na materia falarán sobre os procedementos de obtención e as garantías que avala o distintivo da Agricultura Ecolóxica que, no caso de Galicia, se xestiona a través do Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia. O CRAEGA é un organismo que dá os selos, pero tamén quen se encarga de vixiar o cumprimento dunha normativa moi esixente en canto a condicións de cultivo/crianza e de control da trazabilidade.
O modelo CRAEGA enmárcase na normativa europea, estatal e autonómica de certificación ecolóxica. Porén, hai outros modelos que buscan respaldar a orixe natural dos alimentos. É o caso da certificación participativa promovida, por exemplo, a través de grupos de consumo e doutras experiencias onde quen merca o produto sabe quen o cultiva ou cría, e tamén ten referencias sobre onde se obtén o alimento e con que garantías de calidade, de sustentabilidade ambiental e de responsabilidade social.
Na base deste modelo está, en boa medida, a proximidade e o coñecemento directo da produción e o consumo procurando, ademais, acurtar os circuítos, minorar as intermediacións e reforzar o contorno rural inmediato como principal fonte alimentaria.
O evento é aberto ao público e non se precisa inscrición previa. Iso si, desde a organización convidan ás persoas asistentes a que leven a merenda para compartir e facer unha parada a media tarde.
Share.