En xaneiro volve a Escola de familias

0

As familias seguen a ser o primeiro espazo educativo para as persoas e o primeiro e principal axente de socialización. Por iso o Concello impulsa de novo en 2017 unha serie de obradoiros nos que facilitarlles aos papás e mamás algunhas chaves sobre a educación infantil e as relacións no seo familiar co obxectivo de favorecer o desenvolvemento persoal da rapazada. Coas sesións -que arrancarán en xaneiro e durarán ata maio- preténdese construír un espazo para a participación activa, o intercambio, a reflexión, o debate e a aprendizaxe conxunta de todas as persoas do grupo.

Neste espazo de reflexión e de intercambio de experiencias, trataranse diversos temas relacionados en último caso coa comunicación familiar e os estilos educativos, as normas e límites, as adiccións e as novas tecnoloxías.

A escola vai dirixida a pais, nais ou persoas titoras con fillos e fillas en idade escolar matriculadas no CPI de San Sadurniño. A actividade terá unha frecuencia mensual e desenvolverase no propio colexio os martes pola tarde de 15.30 a 17.00h. con datas distintas dependendo dos temas e as idades para os que estean máis aconsellados.

No caso de familias con rapaces e rapazas de infantil e primaria marcáronse os seguintes días coas cuestións que se abordarán en cada un deles:

  • 17 de xaneiro e 14 de febreiro: Habilidades sociais
  • 14 de marzo e 18 de abril: Normas e límites
  • 16 de maio: Novas tecnoloxías

Para aquelas nais e pais de alumnado de secundaria hai estoutras datas:

  • 24 de xaneiro: Normas e límites
  • 21 de febreiro e 14 de marzo: Consumo de drogas
  • 25 de abril e 23 de maio: Novas tecnoloxías

A Escola de familias será impatida pola entidade Asfedro, coa colaboración do Programa de Educación familiar do Concello, do CPI de San Sadurniño e de especialistas en formación sobre novas tecnoloxías da Garda Civil. As inscricións hai que facelas na secretaría do colexio, no Concello ou ben chamando aos teléfonos 981490 027 (ext. 1) ou 881 930 489.

Share.