En vigor o orzamento 2018

0

O Boletín Oficial da Provincia do pasado luns publicou o anuncio da aprobación definitiva dos orzamentos municipais para este ano, logo de superarse o período de exposición pública sen que se presentasen alegacións. As contas increméntanse con respecto ao ano pasado, quedando no apartado dos ingresos e dos gastos nunha cifra de 2.810.000 euros.   A entrada en vigor do orzamento dalle luz verde á convocatoria das liñas de axuda para entidades culturais e deportivas do territorio, á apertura do prazo de solicitude das bolsas de estudo para ensino obrigatorio e postobrigatoiro, á publicación das axudas para familias con nenos e nenas na Escola Infantil Municipal A Rolada e á suscrición dos convenios previstos con clubs e asociacións. Este ano destínanse a estes apartados 100.000 euros.

Os orzamentos municipais son o resume das previsións de ingresos e gastos durante o exercicio anual. Entran en xogo moitas variables: o custe dos salarios do persoal, as variacións dos prezos dos combustibles e da electricidade, as transferencias que veñen doutras administracións, os prezos finais que terán as obras, as previsións de ingresos en concepto de taxas e impostos municipais… Hai que ter en conta todos estes aspectos -e moitos máis- para deseñar unhas contas que respondan ás necesidades de todo o territorio e que, ademais, manteñan o equilibrio entre o que se ingresa e o que se ten previsto gastar.

As contas do ano 2018 quedaron fixadas inicialmente en 2.810.000 euros, unha cifra que sobe un 2,74% no apartado de ingresos e un 4,27% no dos gastos con respecto ao ano pasado. O documento foi aprobado no pleno do pasado 2 de decembro cos votos favorables do equipo de goberno, a abstención do PSOE e o rexeitamento do Partido Popular.

Tal e como se puxo de manifesto naquela sesión, os ingresos proveñen na súa maioría doutras administracións. Arredor dun 65% serían recursos externos e un 35% xerados pola propia administración local, que este ano volve manter conxelados impostos e taxas, incluso aquelas dos servizos máis deficitarios que se lle prestan á veciñanza e que o Concello conta compensar por dúas vías: racionalizando e contendo no posible o gasto e elevando a eficiencia recadatoria coa delegación en Deputación desa tarefa.

O apartado de gastos divídese porcentualmente da seguinte maneira. Un 40,96% destínase a persoal. Son 1.150.900€ dos que algo máis de 400.000 se corresponden coa área de Servizos sociais e atención no fogar. De feito, todo o apartado de atención social supón 505.300 euros, case un 28% do orzamento municipal, incluíndo na partida a obriga de contribuír cun total de 50.000 euros ao mantemento do Centro de Día, financiado ata agora polo Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar.

Outro 32% -905.000 euros- resérvase para gasto corrente (gastos de funcionamento do Concello, como o consumo de combustible, a electricidade dos alumeados públicos, etc.) e o 22,16% -622.000 euros- irán para investimentos en obras, principalmente para a conservación de vías e para a execución dos proxectos de reurbanización de toda a Avenida Marqués de Figueroa e da apertura da rúa que unirá o Centro de Saúde co pavillón municipal.

Axudas para entidades e bolsas de estudo
O resto dos importes do apartado de gastos son as transferencias correntes, fixadas en 100.000 euros, un 0,81% máis que en 2017. Aquí englóbanse as axudas ao tecido asociativo e deportivo do municipio -64.200 euros para subvencións e convenios nominativos- e as dirixidas a bolsas escolares e servizos de conciliación.

Para bolsas de estudos e axudas ás familias con nenos e nenas da escola infantil municipal hai reservada unha partida de 25.000 euros: 10.000 para estudos post obrigatorios, 5.000 para os obrigatorios, 8.000 para distribuír entre as familias da EIM con nenos e nenas matriculadas no curso 2017/18 e 2.000 para atender situacións especiais que poidan xurdir durante o ano en materia educativa.

Os outros 10.800 euros que completan o apartado cadran coa previsión dunha achega de 3.000 euros  á entidade Seitura 22 que xestiona os fondos Leader na comarca e cos 7.800 reservados para casos de emerxencia social.

A entrada en vigor do orzamento municipal significa que nestes días se poidan suscribir os convenios nominativos con distintas entidades do territorio así como a convocar as bolsas de estudo e as subvencións para o tecido asociativo.  O Concello ten previsto reunir a semana que vén aos clubs para abordar posibles cambios nas bases específicas de deportes, tal e como solicitara o Oitomil Ocio e Aventura no Consello de Participación veciñal do pasado mes de decembro.

Unha vez se lle dea forma ás bases da liña competitiva de deportes,  a Xunta de Goberno Local ratificará dunha tacada todas as convocatorias e remitiraas ao Boletín Oficial da Provincia, algo que podería producirse a finais deste mes de xaneiro.

Descarga desde aquí o documento completo

Cadro resume dos orzamentos 2018 e comparativa con respecto aos de 2017

ORZAMENTO 2018: RESUME COMPARATIVO POR CAPÍTULOS
INGRESOS 2017 2018 %DIF GASTOS 2017 2018 %DIF
1. Impostos directos 680.000,00 690.000,00 1,47% 1. Gastos de persoal 1.130.275,00 1.150.900,00 1,82%
2. Impostos Indirectos 20.000,00 20.000,00 0% 2. Gastos correntes 835.500,00 905.500,00 8,38%
3. Taxas, prezos públicos
e outros impostos
294.000,00 311.000,00 5,78% 3. Gastos financeiros
4. Transferencias correntes 1.345.000,00 1.279.000,00 -4,91% 4. Transferencias correntes 99.200,00 100.000,00 0,81%
5. Ingresos patrimoniais 5.000,00 1.000,00 -80%
6. Alleamento investimentos
reais
1.000,00 1.000,00 0% 6. Investimentos reais 628.025,00 622.600,00 -0,86%
7. Transferencias de capital 388.700,00 508.000,00 49,99 7. Transferencias de capital 2.000,00 5.000,00 150%
8. Pasivos financeiros 51.300,00 0,00 -100% 8.Pasivos financeiros 26.000,00
TOTAL  2.735.000,00 2.810.000,00 2,74% TOTAL 2.695.000,00 2.810.000,00 4,27%

 

 

Share.